Estivemos nas Xornadas de produtos con DOP e IXP do CIFP Carlos Oroza
Os produtos da pesca artesanal galega certificados pola marca pescadeRías de onde se non? tiveron un papel destacado na Xornada de Produtos con Denominación de Orixe Protexida (DOP) e Indicación Xeográfica Protexida (IXP), organizada polo CIFP Carlos Oroza de Pontevedra o pasado 24 de xaneiro.
Polbo, vieiras, volandeiras e navallas foron dos grandes protagonistas das elaboracións, demostrando unha vez máis a excelencia, frescura e calidade dos produtos do mar galego.
Queremos felicitar á dirección, profesorado e alumnado, tanto de cociña como de sala, por esta iniciativa que da a coñecer o mellor dos nosos produtos, e tamén polo esforzo e traballo realizado.
Non perdas detalle deste evento que une tradición, gastronomía e o compromiso coa sustentabilidade. No seguinte vídeo podedes ver un resume da xornada e do bo facer nas elaboracións realizadas polos alumnos e alumnas de cociña do centro.
Dalle ao play e descobre como o mar galego conquista os padais máis esixentes!
Madrid Fusión 2025
Estivemos na 23ª edición do Congreso Madrid Fusión Alimentos de España 2025, acompañados de 10 empresas coexpositoras, das que catro están certificadas pola marca: O Percebeiro S.L., HQ Seaweed S.L., Artesa Rías Baixas, S.L. e a Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre. Tamén estivo en Madrid Fusión a empresa certificada Portomuíños, cun stand propio.
Podes ver un vídeo resume da participación das empresas e das catas de produtos do mar certificados aquí.
Nova campaña de extracción de vieira
A Confraría de Barallobre comezou o 20 de xaneiro unha nova campaña de extracción de vieira, coa participación de 12 embarcacións e 34 tripulantes, e unha previsión de extraer 40.800 quilos empregando o rastro de vieira.
A confraría colabora coa empresa certificada Artesa Rías Baixas S.L. para garantir a evisceración e comercialización en fresco baixo o selo pescadeRías de onde se non? A confraría ten a disposición do público vieira fresca nas súas instalacións.
Recoñecemento a Mercedes González
Felicitamos a Mercedes González Malvido, Directora de Frigoríficos Rosa de los Vientos S.L., que foi premiada pola Asociación de Frigoríficos de Pesca Extractiva AFRIPEX, en recoñecemento do seu papel no sector marítimo pesqueiro.
Frigoríficos Rosa de los Vientos S.L., situada no Porto de Marín, leva desde 2016 certificada pola marca pescadeRías de onde se non? como transformadora de cefalópodos e bivalvos. Unha empresa que combina tradición e sustentabilidade para garantir a máxima calidade dos produtos do mar galego.
Xornada de portas abertas en Artesa Rías Baixas S.L.
Ángel González e Mar Ambroa abriron as portas das súas instalacións para amosar de primeira man o coidado e profesionalidade que hai detrás actividade de Artesa Rías Baixas, S.L. Durante a visita, clientes e amizades tiveron a oportunidade de descubrir a excelencia dos produtos do mar galego que comercializan, como o polbo e as volandeiras.
Artesa Rías Baixas é distribuidor certificado pola marca pescadeRías de onde se non? para bivalvos, cefalópodos, peixes, crustáceos e equinodermos.
Aperturas de campaña
O 3 de marzo comeza a campaña do ourizo (Paracentrotus lividus) das confrarías de Aguiño e Ribeira, con 78 embarcacións e 179 tripulantes habilitados. No ano 2024 comercializáronse 70.771 quilos de ourizo na lonxa de Aguiño e 33.688 na lonxa de Ribeira, certificados pola marca pescadeRías de onde se non? Está previsto que a campaña se estenda durante os meses de febreiro, marzo e abril.
Ese mesmo día retomarase a campaña de marisqueo na Confraría de Noia, con previsión de que se manteña aberta ata Semana Santa.
Formación
O pasado mes impartimos unha sesión formativa en hixiene e manipulación de alimentos destinada ao persoal da empresa certificada Mariscos Calimar S.L.
Participaron no curso o equipo fixo da depuradora e o persoal eventual que se encarga do escachado do ourizo durante a campaña, que actualizaron os seus coñecementos para garantir a seguridade e calidade dos produtos do mar.
Mariscos Calimar S.L. uniuse á marca pescadeRías de onde se non? en 2016, e a súa certificación abrangue bivalvos, equinodermos e crustáceos.
Novo distribuidor certificado: Pescados Loureda
Dámoslle a benvida a Pescados Loureda como novo distribuidor certificado pola marca pescadeRías de onde se non?. Con máis de 45 anos de experiencia no sector pesqueiro, esta empresa familiar situada no Porto da Coruña abastece con produtos de proximidade a colectividades e profesionais da restauración.
A certificación abrangue peixes, moluscos bivalvos, cefalópodos e crustáceos, garantindo así a orixe, frescura e trazabilidade dos produtos que ofrecen aos seus clientes.
Peixes e Mariscos Mónica
Peixes e Mariscos Mónica, peixería adherida á marca pescadeRías de onde se non?, continúa a súa expansión. Ademais do seu establecemento na Praza de Abastos de Vilagarcía de Arousa, agora tamén ofrece os seus produtos no Novo Mercado da Estrada.
En ámbolos dous puntos de venda a clientela pode atopar peixes e mariscos frescos procedentes das lonxas de Rianxo e Ribeira, capturados de xeito artesanal, con certificación de orixe, e garantía de máxima calidade e frescura.
Tripulación pescadeRías
Como anunciamos no pasado boletín, en xaneiro estreamos nas redes sociais da marca a sección «Tripulación pescadeRías de onde se non?», unha serie de entrevistas cos verdadeiros protagonistas da pesca artesanal galega.
No primeiro capítulo falamos con María Maceiras, mariscadora e divulgadora, que nos contou a súa experiencia no mundo do mar e nas redes sociais. Descubre como combina tradición, sustentabilidade e innovación na súa paixón polo mar.
Podes ver o vídeo aquí.
Especie do mes: as raias
O xénero Raja spp. agrupa a un gran número de especies de peixes elasmobranquios que teñen en común un corpo aplanado con forma de disco ou rombo, con ás angulosas e un rabo longo.
O fociño das raias é alongado e a súa pel moi áspera. A zona dorsal das raias presenta distintos patróns de coloración e ten dentes cutáneos puntiagudos, mentres que o ventre é claro.
De decembro a febreiro a raia atópase en tempada: é o momento idóneo para cociñala. Se precisas inspiración, visita a sección de receitas da nosa web nesta ligazón.
Podes ampliar a información aquí.
Novos restaurantes adheridos
Este mes damos a benvida a é-restaurante, establecemento que está a piques de abrir as portas en Marín, e a Muelle 43, ubicado en Mugardos.
é-restaurante busca ofrecer unha experiencia gastronómica única, onde as novas técnicas culinarias se fusionan cos produtos de antano, revalorizándoos a través dos recordos e do respecto pola tradición.
Muelle 43 ofrece unha cociña tradicional a base produtos de proximidade, entre os que non pode faltar o polbo á mugardesa. Ofrece peixes e mariscos comercializados polas confrarías da contorna, que contan con selo pescadeRías de onde se non?
Entidade do mes: Confraría de Corcubión
A Confraría de Pescadores Virxe do Carmen de Corcubión está certificada polo selo pescadeRías de onde se non? desde 2014. Actualmente o alcance da certificación é a comercialización de bivalvos, crustáceos, equinodermos, peixes, cefalópodos, algas e antozoos.
No 2024 as principais especies comercializadas por volume foron a sardiña, o xurelo e o polbo; por importe, a sardiña foi a principal especie, seguida do polbo, co ourizo e xurelo empatados en terceiro lugar.
A Confraría de Corcubión organizou o pasado ano as I Xornadas Gastronómicas de exaltación de tres produtos da pesca local: polbo, longueirón e algas.
Axudas
Está aberta a convocatoria para o ano 2025 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos para a modernización e mellora dos equipamentos e das infraestruturas dos portos pesqueiros, dos lugares de desembarque, das lonxas e dos ancoradoiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e tramitadas como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE209G).
Podes ver a orde completa aquí.
Proxecto PERCEBES
Un equipo internacional, liderado pola Universidade de Oviedo, coa participación da catedrática Elsa Vázquez e do investigador Salvador Román, do CIM-UVigo, realizou un estudo de catro anos sobre a recuperación das poboacións de percebe (Pollicipes pollicipes) na costa suroeste de Europa. A investigación contou coa colaboración das confrarías de Baiona, Cangas e A Coruña.
Os resultados revelan o papel crucial dos percebes adultos que permanecen nas rochas, actuando como núcleos clave para o recrutamento desta especie.
Podes ler o artigo completo aquí.
A receita do mes
A cociñeira Emma Pinal, do Gastrobar O Birrán de Ribadavia, lémbranos o dito popular: “En xaneiro, a raia sabe a carneiro”, e faino cunha proposta orixinal e deliciosa que é perfecta para sorprender a familiares e amizades: raia en manteiga negra.
Esta receita, ademais de sinxela, é ideal para introducir o peixe na dieta infantil, xa que a raia, ao carecer de espiñas, é fácil de comer e moi apetecible para todos os padais. Pide ao teu peixeiro ou peixeira de confianza que lle quite a pel e a corte para facilitar o cociñado.
Podes ver a receita completa aquí.

