Ano Internacional da Pesca e a Acuicultura Artesanal 2022

Damos a benvida ao Ano Internacional da Pesca e a Acuicultura Artesanais (AIPAA 2022), declarado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas para recoñecer a millóns de pequenos/as pescadores/as, acuicultores/as e traballadores/as do peixe, que proporcionan alimentos sans e nutritivos a milleiros de millóns de persoas en todo o mundo.

Os obxectivos de celebrar o AIPAA 2022 son dirixir a atención do mundo á función dos pequenos/as produtores artesanais, a erradicación da pobreza e o uso sostible dos recursos naturais. A celebración tamén é unha oportunidade para mellorar o diálogo entre diferentes participantes, fortalecer a asociación dos/as pequenos/as produtores/as entre si e que adquiran visibilidade e sexan escoitados e incluídos na formulación das políticas e na toma de decisións, desde o nivel da comunidade local ata os foros internacionais e mundiais.


Galicia Calidade Alimentaria

Durante a I Mostra de Calidade Alimentaria organizada pola Xunta, e celebrada no Pazo de Quián entre o 15 e do 17 de decembro, anunciouse a creación do selo Galicia Calidade Alimentaria que englobará produtos agroalimentarios con excelencia recoñecida e afondará na súa promoción.

A futura Lei da Calidade Alimentaria da Xunta, que entrará no parlamento o presente ano 2022, apostará pola produción excelente de proximidade, san e sustentable que sempre distinguiu á nosa comunidade, pola súa singularidade e pola diferenciación.

Plans de xestión de recursos específicos

Publicada a ORDE do 22 de decembro de 2021 pola que se aproban os plans de xestión para recursos específicos e algas en Galicia para o trienio 2022-2024. Os 156 plans aprobados regulan a extracción de recursos como o percebe, os solénidos (navalla, longueirón e longueirón vello), os equinodermos (ourizo de mar e holoturias como o carallo de mar), a peneira, as algas, as anemones e os poliquetos. Son os primeiros plans de xestión de recursos específicos cunha vixencia trianual, en cumprimento do decreto polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas.

Especies de tempada: maragota/pinto

A maragota e o pinto (Labrus bergylta) son considerados dous morfotipos dunha mesma especie, aínda que estudos científicos falan da existencia de claras diferenzas nas súas características vitais, apuntando a posibles procesos de diverxencia xenética evolutiva. As maragotas terían tonalidades verdes e acastañadas e os pintos vermellas con manchas brancas.

É un peixe moi típico desta época que se pesca sobre todo con redes de enmalle como os miños, sendo un prato típico do Nadal na Costa da Morte. Preme aquí para ver unha ficha.

Aperturas e peches

O día 3 de xaneiro comezou a campaña da lamprea na desembocadura do Río Miño.  As lampreas de pesca marítima capturadas na desembocadura do Miño comercialízanse na lonxa de A Guarda certificadas polo selo pescadeRías.

En canto aos crustáceos, entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro, está autorizada a pesca da lagosta. Por outra banda a nécora e o santiaguiño comezaron a súa veda o 6 de xaneiro, que durará ata o 30 de xuño e o 1 de outubro respectivamente.

Redondela: etiquetado individual

A lonxa da Confraría de Pescadores de Redondela comezou a realizar etiquetaxe individual co selo pescadeRías, ¿de onde se non? nos mellores exemplares de peixe que poñen á poxa.

A etiquetaxe individual co logotipo do selo de calidade, permite á clientela recoñecer facilmente os produtos certificados pola marca, informando ás persoas consumidoras a procedencia da pesca artesanal do peixe que a leva.

Guía Michelín 2022

O restaurante Auga e Sal (Santiago de Compostela), adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, acadou na edición da Guía Michelín España e Portugal do ano 2022 a súa primeira Estrela. Parabéns polo recoñecemento!

A Guía distingue a Galicia con 15 Estrelas Michelín, 2 Estrelas Verdes pola súa aposta pola sustentabilidade e redución do impacto e 24 restaurantes na categoría Bib Gourmand, pola súa relación calidade/prezo.

Axudas a pemes do sector transformador

Publicada convocatoria de Axudas destinadas a pemes do sector transformador dos produtos da pesca e da acuicultura, para investimentos que contribúan a fomentar unha pesca e acuicultura sustentables desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva. Prazo 28 de xaneiro.

Axudas para a adquisición de buques de pesca

Publicada convocatoria de Axudas destinadas á primeira adquisición dun buque de pesca. Dirixidas a tripulantes de buques pesqueiros para fomentar unha pesca sustentable desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva.

En prazo ata o 24 de xaneiro.

Empresa do mes: Mariscos Ramais, S.L.

Mariscos Ramais, S.L. é unha depuradora de moluscos bivalvos ubicada no concello de Outes que conta cunha traxectoria de máis de 50 anos neste sector. Está certificada pola marca pescadeRías, ¿de onde se non? dende o ano 2018.

Dende a súa tenda on line, tamén adherida á marca, pódense adquirir mariscos frescos de excelente calidade procedentes das nosas costas, cun prazo de entrega de 24-48 horas.

Novos restaurantes adheridos

Na localidade de Verín, O Regueiro da Cova basea a súa cociña en produtos de proximidade, ecolóxicos e de primeira calidade.

En Vigo, o restaurante El Mosquito, desde a súa apertura en 1930, soubo manter a tradición con ingredientes frescos de carácter local e sinxela preparación.

No restaurante El Oviedo de Ribadeo, orgullosos das súas orixes, ofrecen á súa clientela tanto unha cociña tradicional como novas propostas.

Certificacións

No mes de decembro Mariscos Laxe de Rons, empresa ubicada en O Grove, tivo unha auditoría de recertificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?, para as súas actividades de cetaria, conxelación, cocedeiro e distribuidora de crustáceos, cefalópodos e peixe.

Por outra banda, a Lonxa de Ribeira (peixes, cefalópodos, equinodermos, bivalvos, crustáceos e gasterópodos) superou unha auditoría de seguimento no selo de calidade.

Como elixir o peixe e marisco máis saudable e sostible

Unha boa alimentación é fundamental para a nosa saúde e a do planeta. Para garantila, os produtos que se comercializan deben ter a información precisa que permita aos consumidores tomar as decisións axeitadas.

O profesor Gumersindo Feijoo, catedrático de Enxeñería Química na USC, ofrécenos neste artigo unha pequena guía sobre etiquetado de produtos pesqueiros e marisqueiros na cal detalla os aspectos máis relevantes a ter en conta que podemos atopar nas etiquetas.

A receita do mes

No barrio de Ferrol Vello, O Camiño do Inglés, restaurante adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? e recoñecido entre outros galardóns cun Sol na Guía Repsol, ofrece a súa clientela cociña de mercado, nunha carta cambiante adaptada á estacionalidade dos produtos e con ampla presenza de peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal.

O seu chef Daniel López ofrécenos este mes unha delicada preparación na cal combina o sabor e textura da pescada co da centola. Preme aquí para acceder a ela.