Catro receitas para aproveitar ao máximo as Rías Galegas

O pasado xoves 4 de agosto, a sección Sabe bien de La Voz de Galicia publicou a reportaxe «Catro receitas para aproveitar ao máximo as Rías Galegas», no que se destaca a importancia de utilizar peixes e mariscos certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? como garantía de calidade.

Pescada, ourizo, choco, navallas e salmonete certificados foron utilizados nos pratos elaborados por Iván Nieto (A Casa da Viña), Alberto Carou (Curral do Marqués), Rubén González (El Cafetín) e Juan Manuel de la Cruz (Casa Obdulia). As elaboracións foron maridadas con viños da Bodega Marqués de Vizhoja con D.O. Rias Baixas.

Os catro restaurantes están adheridos á marca e ofrecen habitualmente nas súas cartas peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal. Utilizar produtos do mar certificados pola marca pescadeRías, ¿de onde se non? proporciónalles confianza a eles e ás persoas consumidoras que visitan os seus establecementos e garántelles un produto perfectamente etiquetado, con garantía de frescura e calidade.

Premendo aquí podes acceder ao artigo.


Corazón de Artesanía

O pasado 9 de xullo, con motivo do IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, en Os Pendellos (Agolada), tivo lugar unha mostra de cociña en directo a cargo do chef Álvaro Fuentes (Taberna Meloxeira, O Grove). As preparacións, con ameixóns, navallas, sargos e sardiñas certificados, foron presentadas sobre pezas de Artesanía de Galicia. Preme aquí para ver un vídeo.

Festa da Vieira de Cambados

Do 15 ao 17 de xullo celebrouse a Festa da Vieira de Cambados. No parque Do Torrado instaláronse tres postos nos que se serviu marisco de Porto de Cambados, S.L. e promocionouse a venta de vieiras nos locais de hostalaría desta localidade. O cociñeiros Marcos Serén, Yayo Daporta e Miguel Mosteiro estiveron aos fogóns en tres showcookings. Preme aquí para ver un vídeo coas súas preparacións.

Festa da Xouba de Rianxo

Do 23 ao 25 de xullo tivo lugar a Festa da Xouba de Rianxo. Durante o evento realizáronse tres mostras de cociña en directo a cargo de Lucía Freitas do Restaurante A Tafona by Lucia Freitas, Miguel Mosteiro de Gastrolab Arousa e Manu Gómez do Restaurante Aghro da Corna. Tres grandes profesionais poñendo en valor a xouba certificada polo selo pescadeRías. Preme aquí para ver un vídeo.

XXIII Edición da Festa do Percebe de Aguiño

O pasado 31 de xullo celebrouse a XXIII Edición da Festa do Percebe de Aguiño, declarada este ano Festa de Interese Turístico de Galicia.

As persoas asistentes puideron degustar ao redor de mil quilos deste crustáceo, certificado baixo o selo pescadeRías, ¿de onde se non? na lonxa da Confraría de Aguiño. Preme aquí para ver algunhas imaxes da xornada.

Estrelas no camiño

Á cita solidaria Estrelas Solidarias no Camiño organizada por Casa Barqueiro en colaboración coa Xunta de Galicia reuniu o 1 de agosto en Negreira a 27 chefs con 69 Estrelas Michelin. Produtos certificados formaron parte da cena de degustación de produtos galegos ofrecida aos chef invitados  e da comida solidaria na que participaron ao redor de 450 persoas. A cita permitiu recadar fondos para a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple. Aquí podes ver algunhas fotos.

Degustación en Lira

Un ano máis, a Confraría De Pescadores de Lira organizou unha degustación popular de produtos da Reserva Mariña de Os Miñarzos que tivo lugar o 23 de xullo e o 6 de agosto no porto de Lira.

Durante estas dúas xornadas puidéronse degustar percebes, navallas, berberechos, nécoras e polbo certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? procedentes da lonxa desta localidade.

Equiocio

Entre o 4 e o 7 de agosto tivo lugar en Ferrol o evento Equiocio, unha proba deportiva ecuestre de nivel combinada con actividades de ocio familiar e vida saudable. Durante as dúas primeiras xornadas, os produtos pescadeRías estiveron presentes en 4 mostras de cociña en directo a cargo de Marisol Buceta (Tapería Albahaca) e Maica Couto & Diego Domínguez (A Ostrería , Nave 5). Preme aquí para ver unhas imaxes da xornada.

Empresa do mes: Descaexport, S.L.

Descaexport, S.L. é un grupo empresarial, con sede no edificio da Lonxa de Burela, especializado na distribución de produtos do mar en mercados centrais e grandes plataformas de distribución, cadeas de peixerías e provedores do canal HORECA, tanto a nivel nacional como internacional.

Comercializa o polbo certificado polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? como garantía da súa calidade e orixe.

Especie do mes: bolo vermello

O bolo vermello (Ammodytes tobianus) é un peixe azul de corpo alongado e pequeno tamaño que pode acadar os 20 cm de lonxitude. Captúrase de xeito artesanal coa arte do cerco.

Baixo en calorías e rico en proteínas de alto valor biolóxico, ácidos graxos omega3 e vitaminas do grupo B, podémolo atopar nos mercados a bo prezo. Para saber máis, preme aquí para ver unha ficha desta especie.

Accións formativas

Durante o mes de xullo impartiuse formación en hixiene e manipulación de produtos pesqueiros ao persoal da Lonxa da Confraría de A Illa de Arousa.

A Lonxa de A Illa está certificada no selo pescadeRías, ¿de onde se non? para a comercialización de moluscos bivalvos, crustáceos, algas e antozoos.

Novos restaurantes adheridos

Este mes foron tres os novos restaurantes adheridos ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, todos eles na cidade de Vigo.

Nos restaurantes Living Cocina Viva e MalaSangre Food & Club podemos desfrutar dunha cociña de autor e no Mesón Padrenda dunha ampla variedade de tapas, así como de menú do día.

Recertificacións

Durante o mes de xullo renovaron a súa certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non? a empresa distribuidora de peixes e mariscos Descaexport, S.L., en Burela (cefalópodos), Porto-Muiños, S.L., en Cerceda (transformación de algas) e a Agrupación de Mariscadoras do Esteiro do Río Anllóns en Cabana de Bergantiños (bivalvos).

Programa de Ciencias Mariñas

Galicia impulsa un programa de traballo en rede con máis de 250 persoas investigadoras para o desenvolvemento sostible das actividades vencelladas co mar. Na iniciativa participan preto de 90 grupos de investigación de seis centros dependentes da Xunta de Galicia, das tres universidades públicas galegas e de catro centros dependentes do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Plan de xestión coa arte do boliche

Publicada a RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2022 pola que se autoriza o Plan de xestión coa arte de boliche entre os meses de xullo e outubro de 2022.

A zona de pesca abrangue as augas competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, entre o paralelo que pasa por Punta Carreiro (Monte Louro) e Cabo Silleiro.

Campaña «Do mar, vívese»

A campaña «Do mar, vívese» ten entre os seus obxectivos informar sobre a importancia social e económica do sector do mar, poñer en valor a actividade do marisqueo en Galicia e promover unha xestión sostible dos recursos, desde o punto de vista económico, ambiental e social. A Consellería do Mar está a levar esta iniciativa a un total de 50 praias galegas ata comezos do mes de outubro, abarcando o período no que se rexistra maior afluencia de xente nos areais. A campaña busca involucrar aos turistas na transmisión destes valores por medio de xogos e actividades lúdicas e garantir a rastrexabilidade dos produtos pesqueiros e a súa seguridade alimentaria.

A importancia das observacións no medio natural submarino

Aínda que os ecólogos mariños contan actualmente cun conxunto de ferramentas sen precedentes para inferir asociacións sociais entre individuos, a perda de contacto co mundo natural na investigación no medio acuático deriva nunha menor comprensión dos ecosistemas mariños, xa que a natureza de tales asociacións require de observacións directas. Os investigadores Gonzalo Mucientes, David Villegas e Albert Fernández, realizan neste artigo un chamamento a investigadores, axencias de financiamento, gobernos e editoriais científicas para que acepten a importancia do enfoque centrado na historia natural para as ciencias acuáticas.

A receita do mes

A vieira é un dos mariscos emblemáticos da nosa gastronomía. Podémola atopar nos mercados tanto fresca (cando está en campaña) como conxelada, pero sempre eviscerada por empresas autorizadas conforme establece a lexislación vixente. O seu eviscerado permite que poidamos consumila con todas as garantías sanitarias.

A nosa proposta para este mes é unha receita con este bivalvo presentada polo cociñeiro Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa, durante a Festa da Vieira de Cambados, celebrada a mediados do pasado mes de xullo. Preme aquí para acceder a ela.