Alianza pescadeRías, ¿de onde se non? & pescaenverde

As lonxas de Porto do Son, Portosín e Celeiro xa poden incorporar a marca pescaenverde nas etiquetas de primeira venta para os grupos biolóxicos que teñen certificados coa marca pescadeRías, ¿de onde se non?, no marco da alianza entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Consellería do Mar. Con estas tres entidades, son 42 as lonxas e centros de primeira venta que usan as marcas pescadeRías, ¿de onde se non? e pescaenverde nas súas etiquetas.

A marca pescaenverde creada polo Grupo de Investigación de Biotecnoloxía Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela, aporta información ao consumidor sobre o impacto que a captura dos produtos pesqueiros ten sobre o medioambiente, a través de dous indicadores: a pegada de carbono e a taxa de retorno enerxética-TRE.


GALICIAN CINEMA & FOOD FESTIVAL

A marca pescadeRías, ¿de onde se non? estivo presente na VI edición do Galician Cinema & Food Festival celebrada do 14 ao 17 de novembro en Miami. O festival consolidouse como espazo de promoción para dar a coñecer os produtos galegos no mercado estadounidense tanto ao mercado profesional como ao público en xeral e prensa especializada. Iñaki Bretal, estrela Michelín e propietario do restaurante O Eirado de Pontevedra, adherido á marca pescadeRías, capitaneou o programa gastronómico. Na seguinte ligazón podes ver vídeos do evento.

VII Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia

A Confraría de Pescadores San Bartolomé celebrou a VII Edición das Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia o pasado 17 de novembro. Este ano asistiu o cociñeiro David Chamorro creador de Food Idea Lab acompañado por Christian Domínguez, redactor dos libros de El Bulli. Visitaron os bancos marisqueiros, a actividade na lonxa e a depuradora. Pola tarde, realizouse unha masterclass na sala de exposicións do Coliseo Noela, para amosar a versatilidade do bivalvo.

Especie do mes: nécora

A nécora (Necora puber) é un dos crustáceos máis valorados da nosa gastronomía e captúrase de xeito artesanal con nasas ou coa arte do bou de vara. A súa extracción regúlase mediante un plan experimental de xestión no que tamén se establecen os períodos de veda.

Ademais de ser un manxar, consumida simplemente cocida ten importantes valores nutricionais, que podes descubrir premendo aquí para consultar unha ficha sobre esta especie.

pescadeRías on line

Este Nadal consume e regala produtos da nosa pesca artesanal!

Premendo aquí podes acceder a tendas on line adheridas ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, nas que podes adquirilos e recibilos na túa casa.

Novo restaurante adherido

INDO e VINDO Espazo Gastronómico, no seu local ubicado en Cambados, ofrece catas, obradoiros e degustacións con produtos de tempada, proximidade e saudables. A súa adhesión ao selo pescadeRías reflicte o seu compromiso coa pesca artesanal e sostible.

Certificacións

En novembro realizáronse auditorías de seguimento no selo pescadeRías, ¿de onde se non? nas empresas distribuidoras Pulponor, S.Coop. Galega (cefalópodos) e Pescados Pulponor, S.L. (cefalópodos), que ademáis solicitou ampliación do grupo biolóxico peixe.

Empresa do mes: Conservas Portomar, S.L.U.

En Conservas Portomar, S.L.U. (Vilagarcía de Arousa) son especialistas na selección das mellores materias primas do mar, que cociñan con ingredientes 100% naturais e envasan de xeito artesanal, baixo os máis esixentes estándares internacionais de calidade.

Baixo as marcas El Pescador de Arosa e Portomar comercializan produtos certificados polo selo pescadeRías.

Guía Michelín 2023

O restaurante Serpe de Pepe Vieira (Poio – Pontevedra), adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, acadou a súa segunda Estrella Michelín durante a gala celebrada o pasado 22 de novembro.

A Guía Michelín España & Portugal 2023 distingue a Galicia con 16 Estrellas Michelín, 3 Estrellas Verdes e 26 restaurantes na categoría de Bib Gourmand. Parabéns a todos/as os/as galardoados/as.

Campaña da vieira en Cambados

O 22 de novembro comezou a campaña da vieira en Cambados. As capturas son descargadas na lonxa da Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados e a empresa Porto de Cambados, S.L. pon no mercado esta vieira eviscerada con todas as garantías de seguridade alimentaria e calidade. Ambas entidades están certificadas polo selo pescadeRías.

Inicio da campaña da ostra en Noia

O 21 de novembro comezou a campaña extractiva da ostra (Ostrea edulis) na Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia con 35 embarcacións autorizadas e topes de captura de 350 unidades por tripulante enrolado a bordo e día. A arte de pesca empregada polas embarcacións é o rastro de vieira e volandeira adaptado para a captura de ostra.

Breca vs pancho bicudo

A breca (Pagellus erythrinus) e o pancho bicudo (Pagellus acarne) son dúas especies que podemos atopar habitualmente nas lonxas e mercados de Galicia e que podemos confundir por ter bastantes similitudes na súa forma e tonalidade. Premendo aquí podes atopar unha ficha con algunhas pautas para poder diferencialas.

Accións formativas en A Aixola 2023

Aberto o prazo de preinscrición para diferentes accións formativas durante o ano 2023 no Centro de Formación A Aixola (Marín).

Premendo aquí podes consultar a oferta formativa e realizar a preinscrición.

Cursos de mariñeiro/a pescador/a 

Publicadas convocatorias para realizar o curso de mariñeiro/a pescador/a na modalidade de teleformación na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira, na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol e no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

Convocatoria de PERMEX

Convocatoria de procesos selectivos para o acceso ao permiso de explotación, modalidade ourizo a pé para o exercicio da actividade extractiva na Confraría de Pescadores de O Pindo e na Confraría de Pescadores de A Guarda.

Convocatoria de proceso selectivo para o outorgamento da modalidade de navalla/longueirón ao abeiro do plan de xestión para o recurso específico solénidos, modalidade mergullo en apnea, da Confraría de Pescadores de Aguiño.

Proxectos SILENCIO e SILENCIOS

O principal obxectivo dos proxectos SILENCIO e SILENCIOS é establecer as bases para un desenvolvemento da actividade extractiva máis sostible e con menor impacto que contribúa a lograr o bo estado ambiental do medio mariño. No marco de ambos elaborouse o seguinte material: vídeo proxecto SILENCIO e vídeo proxecto SILENCIOS. Premendo aquí podes consultar un artigo sobre os avances no estudo do ruído mariño e da viabilidade dos motores eléctricos para a frota de baixura, froito destes proxectos.

A receita do mes

O berberecho é un marisco baixo en graxa e calorías que nos aporta numerosos minerais entre os que destacan iodo, ferro, selenio, fósforo e calcio, así como vitamina A e niacina.

Emma Pinal, de Gastrobar O Birrán, en Ribadavia (Ourense), presentou na última edición de XANTAR esta receita na cal o presenta acompañado de grelos e caldo. Unha preparación moi axeitada para estes meses de frío que podes consultar premendo aquí.