Salón Alimentario do Atlántico – SALIMAT A BANCA

Do 2 ao 5 de xuño celebrouse en Silleda unha nova edición do Salón Alimentario del Atlántico – SALIMAT A BANCA, un dos principais foros e puntos de encontro do sector agroalimentario a nivel nacional e referente no noroeste peninsular.

Consellería do Mar estivo presente, como todos os anos, cun stand institucional e unha sala de catas onde se degustaron produtos certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?. As preparacións, nas que se utilizaron xarda, xurelo, sargo, sardiña, choco, zamburiña, navalla, longueirón vello, ameixa rubia e ameixón, foron levadas a cabo polos/as cociñeiros/as Alejandro Iglesias (Restaurante Cabanas, Lalín), Emma Pinal (Gastrobar O Birrán, Ribadavia), Moisés Rodríguez (El taller de bienestar, Ourense) e Maica Couto e Diego Domínguez (A Ostrería – Nave 5, Santiago de Compostela). Así mesmo, as empresas certificadas polo selo pescadeRías, HQ Seaweed, S.L. (Capitán alga) e Fish Factory, S.L. (La Curiosa), contaron con stand no evento. Preme aquí para ver un vídeo.


Aula de pesca sostible en Ribeira

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, nunha visita o pasado 27 de maio ás instalacións da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, anunciou que o centro será o primeiro de España en contar cunha aula de pesca sostible que pretende chegar a todos os niveis educativos da escola e que abarcará todo o proceso de captura dos recursos.

Durante a visita, a conselleira sumouse á celebración do Día Nacional da Nutrición cun acto de presentación dos beneficios dos produtos do mar onde, ademais dunha mostra das campañas de promoción do seu consumo, realizouse unha degustación de produtos certificados.

22º CONGRESO AECOC

Entre o 1 e o 2 de xuño, a Asociación de Fabricantes e Distribuidores (AECOC) celebrou o seu 22º Congreso de Produtos do Mar.

Durante o evento, a conselleira do Mar puxo en valor algúns dos proxectos fundamentais que facilitan a capacidade de adaptación e valorización da cadea mar-industria, como o programa Primare Lonxas 4.0 e a marca pescadeRías, ¿de onde se non?, á que se suma a etiqueta Pescaenverde que acredita a baixa pegada de carbono na produción da proteína mariña. Ambas certificacións avalan a competitividade do sector e a calidade dos peixes e mariscos das rías galegas.

Galicia Forum Gastronómico

Entre o 25 e o 27 de setembro terá lugar en A Coruña unha nova edición do Forum Gastronómico, un encontro indispensable para os profesionais do mundo da gastronomía e unha plataforma de lanzamento e promoción do talento dos/as mellores cociñeiros/as galegos/as, contribuíndo ao desenvolvemento do sector turístico gastronómico.

O Fórum conta ademais cunha gran feira de expositores na que a Consellería do Mar contará con stand propio con espazo para empresas coexpositoras. As inscricións para participar no mesmo pódense realizar de xeito electrónico a través da plataforma Feimar. A cota de coexpositor é de 300 € + IVE (21%).

Acadamos as 13.000 persoas seguidoras en facebook

Acadamos as 13.000 persoas seguidoras en facebook e para celebralo realizamos un sorteo de 5 lotes de material promocional.

Os resultados do sorteo, realizado o pasado 3 de xuño, podes consultalos na páxina de facebook da marca. Parabéns aos gañadores/as e grazas a todos/as por acompañarnos na nosa andaina e polo voso apoio á pesca artesanal!!

Novas peixerías adheridas

Da Lonxa ao Prato, S.L., que ofrece á súa clientela peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal, suma catro novos establecementos na provincia de Lugo na cadea de establecementos Mercarural dos concellos de Carballedo, Taboada, Palas de Rei e Chantada.

Con estas xa son oito as peixerías que ten adheridas ao selo de calidade, onde tamén se inclúen as de SarriaMonforte de LemosLugo e A Pobra do Caramiñal.

Recertificacións e seguimentos

En maio, realizáronse auditorías de recertificación nas lonxas de Pontedeume (bivalvos) e Sada (peixe e cefalópodos) e nas empresas El Percebeiro, S.L. (bivalvos, equinodermos, cefalópodos, crustáceos e peixe) e Mariscos Comesaña, S.L. (peixe, crustáceos, equinodermos, cefalópodos e antozoos). A Lonxa de Corcubión, certificada para bivalvos, cefalópodos, equinodermos, crustáceos e peixe tivo unha auditoría de seguemento na cal ampliou o seu alcance a algas e antozoos.

Accións formativas

Durante o mes de maio impartiuse formación en hixiene e manipulación de produtos pesqueiros ao personal responsable da manipulación dos produtos da empresa distribuidora de peixes e mariscos Mariscos Comesaña, S.L. e da empresa distribuidora de conservas Nosa Arousa, S.L., en proceso de preparación para a súa certificación.

Garantir que todo o personal ten actualizada a formación nestas materias é un dos requisitos indispensables para a certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Empresa do mes: Conservas Antonio Pérez Lafuente, S.A.

O nome Pérez Lafuente representa a continuidade dunha tradición familiar ligada á industria transformadora da pesca, sendo un referente deste sector.

O nome comercial Pan do Mar reflicte o traballo exclusivamente artesanal que diferencia aos seus produtos elaborados con peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal, acompañados de ingredientes ecolóxicos e biodinámicos certificados e cun compromiso claro coa contorna nos seus envases e proceso de fabricación.

Especie do mes: ameixón

O ameixón (Callista chione) é un molusco bivalvo de gran tamaño que pode acadar os 10 cm de lonxitude, sendo 6 cm o seu tamaño mínimo de captura. As súas valvas son lisas, duras e brillantes, de cor pardo vermella ou rosada. A meirande parte das extraccións realízanse na zona de Muros.

O ameixón é unha especie pouco coñecida e consumida en Galicia pero moi apreciada noutras zonas. Se queres saber máis, preme aquí para ver unha ficha.

Mellora clasificación microbiolóxica

A mellora dos resultados obtidos nos controis realizados polo Intecmar permitiu que tres áreas produtivas das confrarías de Ferrol, Barallobre e Miño teñan unha mellor clasificación microbiolóxica. As zonas que pasaron de estar clasificadas como C a ser zona B son as enseadas de Cabana-A Malata, en Ferrol, e a parte interna do esteiro do río Mandeo. Por outra banda, a área que pasa de ser zona B/C estacional a B é a parte media do esteiro do río Mandeo.

Plan centola e boi

O 25 de xuño comezará a veda para a captura da centola (Maja brachydactyla) dende a desembocadura do Río Miño ata o Cabo de Estaca de Bares, que durará ata o 6 de novembro. Entre o Cabo de Estaca de Bares e o Río Eo dará comezo o 2 de xullo e rematará o 27 de novembro. Pola súa banda, a veda do boi (Cancer pagurus) será entre o 3 de setembro e o 6 de novembro para toda Galicia. Así se reflicte no Plan de xestión de ambas especies para o periodo 2022/23.

Convocatoria de PERMEX

Convocatoria de proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación, modalidade de percebe a pé, da confraría de pescadores de Ribadeo.

Convocatoria de proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación a pé, modalidade marisqueo xeral, para o exercicio da actividade extractiva na confraría de pescadores de Barallobre (Fene), na confraría de pescadores de Celeiro, na confraría de pescadores de O Vicedo e na confraría de pescadores de O Barqueiro.

Peixe e saúde

O 28 de Maio celebrouse o Día Nacional da Nutrición baixo o lema “Pesca Saúde. Hábitos para toda a vida”. Nesta XXI edición a Federación Española de Sociedades de Nutrición, Alimentación e Dietética (FESNAD) quixo poñer de manifesto a importancia do peixe e os produtos do mar como fontes de nutrientes indispensables dentro dunha dieta saudable, equilibrada e sostible. Na nosa Dieta Atlántica tradicional estes produtos desempeñan un lugar principal. Pica aquí para acceder a un artigo relacionado elaborado por Rosaura Leis, profesora de pediatría na USC.

.

A receita do mes

Maica Couto, chef de A Ostrería – Nave 5 en Santiago de Compostela, presentou nesta última edición do Salón de Alimentación do Atlántico – SALIMAT A BANCA a nosa proposta para este mes: Ameixón con kimchi de Grelos de Galicia e pementa de Pementos de Herbón.

O kimchi é un prato típico coreano, con propiedades probióticas, declarado Patrimonio Cultural Intanxible da Humanidade pola UNESCO, que combina moi ben con todo tipo de peixes e mariscos. Preme aquí para acceder á receita.