Rutas gastronómicas da campaña ‘Galicia sabe aMar’

O pasado 15 de marzo, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do mar, Rosa Quintana, asistiron na praza do Obradoiro á presentación de catro rutas de foodtrucks que percorrerán preto de 260 municipios de toda España vencellados co Camiño de Santiago para promocionar a calidade e versatilidade dos produtos galegos do mar ao abeiro da campaña Galicia sabe aMar e animar á cidadanía a consumilos. Os catro vehículos percorrerán case 6.400 quilómetros deses máis de 250 municipios que suman arredor de 13 millóns de habitantes e permanecerán neles entre un e tres días ofrecendo unha degustación ao mediodía e outra pola tarde. En total realizaranse preto de 1.000 degustacións e serviranse máis de 200.000 petiscos.

As persoas que se acheguen a estas foodtrucks poderán probar algunhas das 10 receitas que se van elaborar con produtos certificados do mar.

A primeira das catro rutas gastronómicas partirá de Santiago de Compostela e finalizará en Irún tras percorrer cidades como A Coruña, Ferrol, Xixón, Santander, Bilbao a San Sebastián. A segunda ruta pasará por Lugo, León, Burgos e Logroño antes de rematar en Pamplona. A terceira foodtruck terá como principais paradas Pontevedra, Vigo, Ourense, Zamora, Salamanca, Cáceres, Mérida e Sevilla. O cuarto itinerario pasa por Astorga, Valladolid, Segovia, Madrid, Toledo, Albacete e rematará en Valencia.


Accións formativas

Durante o mes de febreiro impartiuse formación en hixiene e manipulación de produtos pesqueiros ao persoal da empresa HQ Seaweed, S.L.

Por outra banda, impartiuse formación en sistema APPCC ao persoal da Confraría de Pescadores A Pastoriza de Vilanova de Arousa, que o pasado mes ampliou o alcance da súa certificación ao grupo biolóxico antozoos.

Empresa do mes: Mar da Morosa

A empresa Mar da Morosa distribúe bivalvos, cefalópodos, crustáceos e peixe certificados, principalmente da Costa da Morte e da Ría de Muros-Noia. A empresa conta ademais cunha depuradora e cetaria certificada. Na peixaría que teñen nas súas instalacións de Carnota pódense comprar produtos da pesca artesanal e a través da tenda en liña pódense adquirir produtos da marca pescadeRías, ¿de onde se non? desde calquera punto do territorio nacional.

Especie do mes: solla

A solla é un peixe plano que se atopa a pouca profundidade nas zonas de esteiros e nos tramos finais dos ríos onde se captura con artes de enmalle.

É un peixe branco bastante prezado pola súa carnosidade. Entre os seus valores nutricionais destaca o seu alto contido en ácidos graxos omega 3, en vitaminas A, B12, C e D e en selenio e fósforo. Preme aquí para ver unha ficha sobre esta especie.

Nova peixería adherida

En febreiro, a peixería Mercamuros de Esteiro (Muros), adheriuse ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

En Mercamuros ofrecen á súa clientela peixes e mariscos frescos procedentes da pesca artesanal das lonxas da contorna, así como produtos conxelados.

Nova certificación en antozoos

No mes de febreiro, a Confraría de Pescadores A Pastoriza de Vilanova de Arousa, certificada para bivalvos, crustáceos e algas, ampliou o seu alcance de certificación ao grupo biolóxico antozoos.  As ortiguillas captúranse a mergullo en apnea ou con subministro de aire dende superficie. Con esta son xa 7 as lonxas que as comercializan certificadas baixo o selo pescadeRías.

Recertificacións e seguimentos

No mes de febreiro, HQ Seaweed, S.L., empresa recolectora, transformadora e distribuidora de algas, superou a auditoría de renovación na marca. Mariscos Calimar, S.L. co alcance de certificación para bivalvos, crustáceos e equinodermos e Mariscos Daporta, S.L., depuradora de moluscos bivalvos e centro de expedición de equinodermos, tiveron auditorías de seguimento. 

Inicio da campaña da vieira en Ferrol

O 6 de marzo comezou a campaña de extracción da vieira na Ría de Ferrol. Participan 9 embarcacións cun total de 25 tripulantes. O tope de captura por tripulante e día é de 60 quilos.

A captura deste molusco bivalvo continuará ata o día 30 de marzo se os resultados das análises de biotoxinas realizados polo INTECMAR son favorables.

Soles Repsol 2023

O pasado 27 de febreiro tivo lugar a gala de entrega dos Soles Repsol 2023, na cal destacouse a marcada identidade propia das propostas. Nesta edición o restaurante ferrolán O Camiño do Inglés, adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, acadou o seu segundo Sol. Parabéns!

En total son 34 os restaurantes galegos que contan con este recoñecemento (2 con 3 Soles, 14 con 2 Soles e 18 con 1 Sol).

Convocatoria de exames

Publicada a RESOLUCIÓN da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro pola que se convocan exames ordinarios teórico-prácticos de carácter libre para as titulacións de mariñeiro/a pescador/a, patrón/patroa local de pesca e patrón/patroa costeiro/a polivalente na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

O prazo para realizar a matrícula remata o 13 de marzo e os exames realizaranse entre o 24 de abril e o 3 de maio no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

Ciclo reprodutivo da navalla

A ordenación da pesca de bivalvos require un coñecemento profundo do ciclo reprodutivo para garantir prácticas de captura correctas que aseguren un rendemento reprodutivo sostible. Isto lógrase xeralmente definindo o tamaño comercial legal e establecendo prácticas de recolección como a rotación de bancos e o establecemento de vedas, principalmente relacionadas co ciclo reprodutivo. Premendo aquí podes consultar un artigo sobre o Estudo da variabilidade espacial do ciclo reprodutivo da navalla (Ensis arcuatus = magnus) na ría de Vigo e a súa aplicación á xestión pesqueira e premendo aquí podes en ver un unha conferencia sobre os resultados deste estudo.

A receita do mes

A solla é un peixe plano baixo en graxas idóneo para preparar pratos lixeiros e nutritivos nos que se destaque o sabor deste produto, que entre os meses de xaneiro e marzo está no seu mellor momento.

Manu Gómez, chef do restaurante Aghro da Corna (Rianxo), adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, amósanos este mes como preparalo en falsa caldeirada con puré de patacas, castañas e apio nabo.

Preme aquí para ver a receita.