Novas entidades apostan polo etiquetado individual de peixe
Novas entidades do sector pesqueiro galego dan un paso adiante na diferenciación e posta en valor do produto coa implantación do etiquetado individual de peixe, unha medida que reforza a trazabilidade, a transparencia e a identificación na orixe.
Recentemente comezaron a aplicar este sistema a Confraría de Pescadores de Porto do Son e Cíes Artesanais S. Coop. Galega. Esta práctica permite que cada peza leve asociada unha etiqueta azul co logo da marca pescadeRías de onde se non? e un código numérico, garantindo ao consumidor unha identificación clara do produto e facilitando a súa diferenciación no mercado.
Ademais, está previsto que no mes de marzo se sume a esta iniciativa a Confraría de Pescadores de Portosín, ampliando así o número de entidades que apostan por este modelo. Con estas incorporacións, son xa 15 as entidades que practican o etiquetado individual, consolidando unha rede cada vez máis ampla comprometida coa valorización do produto.
A implantación deste sistema supón un avance relevante na estratexia de impulso da pesca artesanal, xa que reforza a confianza do consumidor, visibiliza o traballo da frota e contribúe a combater prácticas irregulares. Ao mesmo tempo, mellora a información dispoñible no punto de venda e fortalece a imaxe de calidade asociada aos produtos do mar de Galicia, apostando por un modelo máis transparente, sostible e orientado á excelencia.
Próximas feiras internacionais
A Consellería do Mar promoverá a presenza dos produtos da pesca artesanal galega en tres citas internacionais clave no mes de marzo. A Foodex Xapón (10–13 de marzo), acudirán 4 empresas galegas, entre elas Conservas Portomar S.L.U., certificada por pescadeRías de onde se non?
Na Seafood Expo North America 2026, en Boston (15–17 de marzo), participarán 15 empresas; Costas y Miñán S.L., empresa certificada, é unha delas.
En Alimentaria Barcelona (23–26 de marzo) estarán presentes 29 empresas galegas. Entre elas figuran Costas y Miñán S.L., Mariscos Daporta S.L., Conservas La Brújula S.L., Porto Muíños, Conservas Portomar S.L.U., Fish Factory S.L., El Percebeiro S.L., Mares de Galicia S.A. e Conservera Gallega S.A., todas certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?
Salimat 2026
Continúa aberto o prazo de inscrición para participar como coexpositor no stand institucional da Consellería do Mar no Salón de Alimentación do Atlántico (SALIMAT), que terá lugar en Silleda do 4 ao 7 de xuño. Esta feira constitúe un dos principais encontros profesionais do sector alimentario no noroeste peninsular, con empresas produtoras, distribuidoras e canles de comercialización.
A participación no espazo institucional ofrece ás empresas galegas do mar a posibilidade de reforzar a súa visibilidade nun contexto profesional, presentar novidades, consolidar relacións comerciais xa existentes e abrir novas vías de negocio. Ademais, facilita a realización de accións promocionais coordinadas, degustacións e encontros con compradores, nun entorno que favorece o intercambio comercial e a proxección de marca.
Nova entidade certificada: Conservas Lago Paganini
Damos a benvida a Conservas Lago Paganini, que vén de superar a súa auditoría inicial de certificación como empresa transformadora co alcance de bivalvos, cefalópodos, peixes, equinodermos e algas.
Fundada en 1915, Conservas Lago Paganini leva máis dun século elaborando conservas tradicionais de peixe azul e marisco, mantendo unha forte vinculación co territorio e co saber facer conserveiro. As súas marcas de referencia son Balea, Lago Paganini e Borneira, e poden adquirirse na súa tenda on-line, onde contan con oferta de caixas de degustación e caixas personalizadas.
A empresa está situada no polígono industrial de Castiñeiras, en Bueu, desde onde continúa apostando pola calidade e pola tradición conserveira galega.
Certificacións
Durante o mes de febreiro realizáronse as auditorías de seguimento a dúas entidades certificadas pola marca.
O Percebeiro S.L. tivo auditoría de seguimento como depuradora, centro de expedición, distribución e transformación, co alcance de bivalvos, equinodermos, cefalópodos, crustáceos e peixes.
Pola súa banda, Majeja Mariscos S.L. completou a auditoría de seguimento como empresa de depuración, cetaria, distribución e transformación, co alcance de peixes, cefalópodos, bivalvos e crustáceos.
Estas actuacións reforzan o compromiso das entidades coa calidade, a trazabilidade e a orixe dos produtos do mar de Galicia.
Novos restaurantes adheridos
Sumamos dúas novas propostas gastronómicas coa adhesión á marca de dous restaurantes que apostan polos produtos da pesca artesanal galega: O Laberinto, en Sanxenxo, e D’Leria, en Carril.
O Laberinto, situado no porto deportivo de Sanxenxo e con vistas á ría, ofrece unha carta baseada en peixes, carnes e arroces elaborados con materias primas de orixe galega, cunha especialización destacada en arroces e peixes.
Pola súa banda, D’Leria, en Carril, fronte á Illa de Cortegada, presenta unha cociña de autor inspirada no mar e nas estacións, cun menú degustación en constante evolución que rende homenaxe á riqueza da ría e ao produto local.
Charla no Programa Integrado de Emprego do Concello de Ribeira
O equipo de xestión da marca impartiu unha charla formativa no marco do Programa Integrado de Emprego do Concello de Ribeira. A sesión, celebrada na Aula de Cociña da Praza de Abastos, estivo dirixida ao alumnado do curso de operacións básicas de cociña do SEPE.
A formación tivo un carácter práctico e abordou cuestións como o etiquetado e a trazabilidade dos produtos do mar, a seguridade alimentaria, os tamaños mínimos das especies e a diferenciación de moluscos bivalvos de interese comercial. Tamén incluíu a presentación de ferramentas dixitais de consulta que permiten acceder a información actualizada sobre especies, e a ecoetiqueta pescaenverde.
Susana Darriba únese á Tripulación pescadeRías
Incorporamos á Tripulación pescadeRías a Susana Darriba, xefa da Unidade de Patoloxía do INTECMAR.
Visitámola no seu centro de traballo para coñecer de primeira man o labor que desenvolven na investigación das patoloxías que afectan aos moluscos, clave para vixiar e garantir a saúde dos bancos marisqueiros de Galicia.
Susana cóntanos como é o día a día do seu equipo, como analizan as mostras e cales son as principais enfermidades que poden afectar aos moluscos dos nosos bancos marisqueiros. Un labor científico esencial que moitas veces queda fóra do foco, e que resulta fundamental para o futuro do sector.
Podes ver aquí a entrevista.
Especie do mes: a pescada
A pescada (Merluccius merluccius) é unha das especies máis representativas da gastronomía galega e especie protagonista do mes. Trátase dun peixe de corpo alongado, que pode acadar habitualmente entre 40 e 70 centímetros, cun tamaño mínimo de captura establecido en 27 centímetros.
Vive preto do fondo mariño, entre os 30 e os 500 metros de profundidade, e a frota artesanal galega captúraa con artes de anzol e enmalle.
Destaca polo seu alto contido en proteínas e omega-3, cunha porcentaxe de graxa inferior ao 3%. A súa carne branca e delicada admite múltiples preparacións, desde caldeiradas ata forno ou salsa verde.
Podes ampliar a información aquí.
Convocatoria libre de exames para titulacións náutico-pesqueiras
A Consellería do Mar convoca os exames ordinarios teórico-prácticos de carácter libre para a obtención das titulacións de mariñeiro/a pescador/a, patrón/patroa local de pesca e patrón/patroa costeiro/a polivalente na Comunidade Autónoma de Galicia.
O prazo de matrícula estará aberto ata o 27 de marzo de 2026. As probas celebraranse entre o 22 e o 30 de abril de 2026 nos centros oficiais de ensino pesqueiro: o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol e a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.
As datas concretas variarán segundo a titulación e especialidade. Podes consultar a convocatoria aquí.
Empresa do mes: Porto de Cambados
Porto de Cambados S.L., empresa nacida no seo da Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados en 2012, conta coa certificación da marca pescadeRías de onde se non? desde 2014, un compromiso coa calidade, a trazabilidade e a orixe do produto.
Actualmente está certificada como distribuidor, empresa de transformación e depuradora, co alcance de bivalvos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos e peixe. O seu produto estrela é a vieira galega procedente da pesca artesanal, selectiva e sostible, con garantía de condicións sanitarias óptimas e de control.
Ademais da vieira, a empresa comercializa polbo, a navalla e a volandeira das rías galegas, referentes da súa aposta polo produto local certificado.
O artigo do mes: Zonas de posta da pescada europea no Atlántico ibérico
O Centro Oceanográfico da Coruña (IEO-CSIC) e o Instituto de Ciencias do Mar (ICM-CSIC) presentan un novo estudo sobre a identificación das principais zonas de desova da pescada europea no Atlántico ibérico. O traballo foi realizado por Cristina García-Fernández, Jaime Otero Villar e María de la Paz Sampedro Pastor, do IEO-CSIC, xunto con Maria Grazia Pennino, do ICM-CSIC.
A investigación combina datos de venda de ovas, información xeolocalizada da frota e variables ambientais para reconstruír os patróns de posta entre 2009 e 2022, achegando información clave para reforzar a xestión sostible desta especie estratéxica.
Abadexo ao forno con salsa de tomates asados e repolo
O cociñeiro Xoanqui Ameixeiras presenta unha nova proposta gastronómica con abadexo, salsa de tomates asados e repolo como protagonistas.
Trátase dunha combinación que une peixe branco e verdura de tempada, cun resultado equilibrado e de elevado valor nutricional.
A receita ofrece dúas alternativas de preparación: sacos de repolo recheos de lombo de abadexo e cubertos coa salsa, ou o peixe ao forno con base de cebola fritida e acompañado dun salteado de repolo e cenoria. Pode elaborarse tamén con outros peixes brancos dispoñibles no mercado, adaptando os tempos de cocción ao tamaño das pezas.

