Feira Conxemar 2022

Do 04 ao 06 de outubro celebrouse a edición XXIII da Feira Internacional de Produtos do mar Conxelados, CONXEMAR, no Instituto Ferial de Vigo que reuniu a 700 empresas de 42 países.

A Feira CONXEMAR, consolidada como referente do sector do conxelado a nivel mundial e cunha superficie expositiva actual de 37.000 m2, é un gran punto de encontro para o sector transformador, maioristas, importadores, exportadores, fabricantes, distribuidores, frigoríficos, maquinaria e industria auxiliar.

A Consellería do Mar estivo presente co stand institucional da Xunta de Galicia que serviu de punto de encontro para os profesionais do sector do mar e cun espazo para 10 empresas coexpositoras entre as que estaban as entidades certificadas Frigoríficos de Camariñas S.L., Real Conservera Española S.L. e O Percebeiro S.L. Tiveron stand propio as empresas certificadas Mariscos Daporta S.L., Frigoríficos Rosa de los Vientos S. L., Porto Muiños e Frigoríficos Botana S.L.


Actividade con persoas consumidoras

Máis de 80 mulleres de toda Galicia, asistentes ao Encontro de Asociacións organizado por FEMUPO (Federación Pola Igualdade da Provincia Pontevedra) o 1 de outubro en Bueu, participaron nas catro visitas guiadas á praza de abastos de Bueu e levaron a cabo un percorrido polo porto de Bueu.

Coñeceron, entre outras cousas, a marca pescadeRías, as especies pesqueiras e de moluscos bivalvos que se comercializan na praza da localidade e o etiquetado e trazabilidade dos produtos pesqueiros.

IV Festa da Empanada Mariñeira

O 01 e 02 de outubro celebrouse a IV Festa da Empanada Mariñeira con produtos certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, organizada polo Clube de Piragüismo e a Confraría de Pescadores de Portonovo, con gran éxito de participación. O público asistente puido desfrutar de preparacións de empanada con produtos certificados de diferentes confrarías de pescadores de Galicia, asistir a maridaxes e demostracións de cociña en directo e participar no concurso popular da empanada mariñeira, entre outras actividades.

GALICIA FORUM GASTRONÓMICO

Do 25 ao 27 de setembro, celebrouse unha nova edición de Galicia Fórum Gastronómico en A Coruña. A Consellería do Mar estivo presente cun stand institucional con oito empresas coexpositoras, das cales catro están certificadas por pescadeRías, ¿de onde se non?:  Porto-muiños, S.L.Mariscos Laxe de Rons S.L.HQ Seaweed S.L. e Currimar Conservas Tradicionais. O martes 26, tivo lugar unha mostra de cociña en directo con produtos certificados con Iñaki Bretal de O Eirado da Leña (Pontevedra) que elaborou ceviche de pinto e salmonete afumado.

Showcooking con produtos certificados no Mercado do Mar

O 17 e o 18 de setembro celebrouse unha nova edición do Mercado do Mar no Parrote en A Coruña, no marco do Festival Mar de Mares. O domingo 18, ás 12 horas, tivo lugar o showcooking Tesouros das nosas Rías con zamburiña e polbo certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, a cargo de Lolo Mosteiro e Paula Martínez de A Artesa da Moza Crecha de Betanzos.

Showcooking con produtos certificados no FICBUEU

O sábado 17 de setembro, os/as cineastas participantes no 15 Festival Internacional de Cinema de Bueu – FICBUEU tiveron a oportunidade de coñecer e degustar a frescura e calidade dos produtos da nosa pesca artesanal certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, cunha esmerada preparación. Os protagonistas desta degustación foron robaliza, xarda, sardiña, cornicha e polbo.

Real Conservera Española na Seafood Expo Asia

A Consellería do Mar estivo presente na décima edición da Seafood Expo Asia, celebrada en Singapur entre o 14 e o 16 de setembro cun posto de 126 metros cadrados que alberga a oito empresas coexpositoras entre as que estivo a empresa certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? Real Conservera Española.

Homenaxe a Julia Haz Barrientos

Julia Haz Barrientos, presidenta da Agrupación de Mariscadoras do Esteiro do Anllóns e referente na defensa dos dereitos das mariscadoras en Galicia así como gran embaixadora do berberecho do Anllons, certificado polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, foi homenaxeada con motivo da súa xubilación.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, así como a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, asistiron á homenaxe celebrada en Cabana de Bergantiños (A Coruña).

Empresa do mes: Pescados Jaime, S.L.

Pescados Jaime, S.L. é unha empresa dedicada á distribución de peixe fresco a maioristas, cadeas de distribución, frigoríficos e conserveiras. Contan con presenza nas lonxas de Ribeira e Celeiro, estando a súa sede principal no porto de Ribeira.

Pescados Jaime ven dunha longa tradición familiar que se remonta a tres xeracións e conta cunha consolidada carteira de clientes en toda a península aos que oferta produtos mercados nas principais lonxas galegas coas mellores condicións de calidade e frescura.

Especie do mes: percebe

O percebe (Pollicipes pollicipes) é un crustáceo que pasa a súa vida adherido a rochas en zonas moi batidas polo mar, de aí a dificultade da súa captura, que está regulada mediante plans de xestión de recursos específicos. Pode ser extraído en modalidade a pé ou dende embarcación ao longo de todo o ano. Entre outros beneficios para a saúde podemos citar que o seu consumo estimula o sistema inmunitario. Para preparalos abonda con darlles un fervor, preferiblemente en auga de mar. Para saber máis preme aquí para ver unha ficha sobre esta especie.

Accións formativas

O pasado 01 setembro o persoal da lonxa, da confraría e os vixiantes da Confraría de Pescadores de Rianxo recibiron formación en Hixiene e Manipulación de Produtos Pesqueiros previa á auditoría de seguimento que tiveron este mesmo mes.

Ter actualizada a formación nestas materias é requisito indispensable para renovar a certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Novo restaurante adherido

En setembro adheriuse ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? a Gastroteca Salvaxe, un proxecto de que Brais Bascoy e Jose M. Martínez no posto número 5 da Praza de Abastos de Santiago de Compostela.

A súa ubicación privilexiada dentro do mercado, permítelles seleccionar as mellores materias primas de tempada e de proximidade e aportar versatilidade e flexibilidade á súa carta na que combinan tradición, técnica e creatividade.

Certificacións

En setembro realizáronse auditorías de recertificación na empresa Mar do Morrazo, S. Coop. Galega (cefalópodos, crustáceos e peixe) e na Lonxa de Cangas (bivalvos, gasterópodos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos, peixe, algas e antozoos), que ampliou a súa certificación como centro de expedición. Nas lonxas de Rianxo (peixe, cefalópodos, crustáceos e bivalvos) e Malpica (cefalópodos, peixe, crustáceos e equinodermos) realizáronse auditorías de seguimento e, esta última, ampliou o seu alcance a antozoos.

Inicio da campaña do ourizo

En outubro comezou a campaña do ourizo 2022-2023 nas Confrarías de Pescadores da provincia de Pontevedra. A súa captura, que pode facerse a pé ou dende embarcación con técnicas de mergullo, regúlase mediante plans de xestión aprobados pola Consellería do Mar.

Remata a veda do santiaguiño

O 01 de outubro comezou o período autorizado para a extracción do santiaguiño (Scyllarus arctus) nas costas galegas conforme se establece no Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2021-2023. Este crustáceo entrará de novo en veda o 5 de xaneiro do vindeiro ano.

Inscrición para participar en feiras

O 03 de outubro abriuse o prazo de inscrición para asistir a feiras nacionais ou internacionais no primeiro semestre de 2023 ao amparo do posto da Consellería do Mar. Poden participar empresas produtoras e comercializadoras de produtos do mar con sede social en Galicia.

As empresas interesadas deben formalizar a súa inscrición e solicitude a través do portal Feimar, accedendo con Chave365 ou certificado dixital persoal.

Amigos para o seu propio beneficio

As asociacións entre diferentes especies a pequena escala adoitan pasar desapercibidas pero poden ter importantes implicacións ecolóxicas a nivel individual. Durante unha inmersión de exploración nas Illas Cíes, un equipo da asociación Ecoloxía Azul rodou un exemplar de congro aloxado nunha greta acompañado de ata sete diferentes especies de crustáceos, o cal representa un caso único de asociación interespecífica. Preme aquí para ver un artigo relacionado e aquí para ver o vídeo.

A receita do mes

O choco é un molusco cefalópodo baixo en calorías e rico en iodo, oligoelemento indispensable para o correcto funcionamento da glándula tiroides. Tamén é destacable o seu contido en vitamina E e selenio.

Este mes Alejandro Iglesias, do Restaurante Cabanas en Lalín, ofrécenos esta proposta para preparalo á grella que foi presentada na edición de 2022 do Salón de Alimentación do Atlántico – SALIMAT A BANCA. Preme aquí para acceder á receita.