Feliz 2023!

Dende a marca pescadeRías, ¿de onde se non? queremos agradecervos un ano máis a confianza depositada no selo desexándovos moita saúde e prosperidade para este ano que comeza.

A pesca artesanal é de vital importancia como fonte de alimento de alto valor nutritivo. Por un 2023 cheo de paz e alimentos para todas as persoas!


Sorteo de decembro

Para comezar o ano catando as delicias dos produtos procedentes da pesca artesanal, o 30 de decembro sorteamos entre os/as nosos/as seguidores/as de Facebook e Instagram dous vales de 50 € para adquirir produto certificado nun establecemento certificado ou adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?. As persoas participantes deixaron os seus comentarios nas redes sociais sobre a importancia da pesca artesanal. Parabéns e a desfrutalos!

Empresa do mes: HQ Seaweed, S.L.

HQ Seaweed, S.L. é unha empresa que extrae, transforma e comercializa algas salvaxes procedentes das costas galegas tanto frescas como procesadas, baixo a marca Capitán Alga.

O pasado mes de decembro recibiu o premio Economía Azul na categoría Creación de Emprego. Premendo aquí podes ver o vídeo de presentación do seu proxecto.

Especie do mes: vieira

A vieira (Pecten maximus) é un molusco bivalvo que en Galicia captúrase dende embarcacións con rastro de vieira. Unha vez capturada,  pasa por varios procesos antes de poñela nos mercados: depuración, evisceración, lavado, clasificación por tamaños, envasado ao baleiro e conxelación, aínda que tamén se comercializa en fresco, durante a campaña, e desconxelada refrixerada. Se queres saber máis sobre esta especie, preme aquí para ver unha ficha.

Accións formativas

En decembro impartiuse formación en hixiene e manipulación de produtos pesqueiros ás mariscadoras/es e á asistencia técnica da Agrupación de Mariscadoras do Esteiro do Anllóns. A nova presidenta desta entidade e a asistencia técnica, recibiron, así mesmo, formación en Sistemas APPCC de cara á certificación da súa depuradora.

Novo restaurante adherido: Asador Tapería Do Mar

No concello de Vilanova de Arousa contamos cun novo restaurante adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, o Asador Tapería Do Mar. Nas súas instalacións a pé da Ría de Arousa, pódense degustar produtos procedentes da nosa pesca artesanal, estando especializados en preparacións á grella.

Certificacións

No mes de decembro, a Agrupación de Mariscadoras do Esteiro do Anllóns, certificou  a depuradora de bivalvos que xestionan  no selo pescadeRías, ¿de onde se non? trala súa reapertura. Por outra banda, a empresa Da Lonxa ao Prato superou auditoría de certificación na marca tralo traslado da súa depuradora ás instalacións do Porto de Ribeira.

Aperturas e peches

Entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro, está autorizada a pesca da lagosta. Por outra banda a nécora e o santiaguiño comezan a súa veda o 6 de xaneiro, que durará ata o 30 de xuño e o 1 de outubro respectivamente.

O día 2 de xaneiro comezou a campaña da lamprea na desembocadura do Río Miño, que durará ata o 15 de abril.  A lamprea de pesca marítima capturada na desembocadura do Miño comercialízase na lonxa de A Guarda certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Poboacións de cogombro de mar na Ría de Vigo

A explotación dos cogombros de mar (holoturias) nas costas galegas iniciouse no ano 2015 cun plan presentado pola Confraría de Pescadores San José de Cangas. O Proxecto “Estudo da bioloxía, status poboacional e diversidade xenética da holoturia (Holothuria forskali) na Ría de Vigo” é unha acción de investigación levada a cabo ante a escasa información sobre algúns aspectos biolóxicos claves para a súa explotación de xeito sostible como a reprodución, o recrutamento ou o crecemento. Premendo aquí podes acceder a un artigo sobre os resultados deste estudo.

A receita do mes

A vieira, marisco emblemático da nosa gastronomía, é rica en ácidos graxos omega 3, niacina, vitamina B12 e numerosos minerais como o selenio, o calcio, o iodo, o fósforo, o ferro e o potasio. Na actualidade está autorizada a súa extracción na Ría de Arousa.

Admite preparacións tradicionais e outras máis innovadoras como a que propón INDOeVINDO Espazo Gastronómico, acompañada de coco, mango e cacahuete.

Preme aquí para ver a receita.