
Aperturas e peches
O pasado 1 de xullo, nécoras, lumbrigantes e polbo regresaron ás lonxas galegas despois de rematar o período de veda para estas especies.
Conforme aparece no Plan Xeral de Explotación Marisqueira, a extracción de nécoras non estaba permitida desde o 5 de xaneiro e a de lumbrigantes desde o 31 de marzo.
Por outra banda, o plan experimental para a xestión do polbo, establece un paro biolóxico para esta especie de mes e medio, que comezou o día 17 de maio.
En canto aos peches, dende o 2 de xuño, non se poden capturar centolas nin bois entre a desembocadura do Miño e Estaca de Bares. A veda para esta zona rematará o día 10 de novembro. Entre Estaca de Bares e a desembocadura do Eo, o peche comezou o 28 de xuño e durará ata o 1 de decembro.

Feiras e eventos en Xullo
Do 4 ao 7 de xullo, Vigo acolleu unha nova edición do Seafest organizado por ARVI. Agolada converteuse no Corazón de Artesanía coa celebración do VIII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia entre os días 5 e 7 de xullo. Nesas mesmas datas voltaron as xornadas de cultura marítima, Muros Mira ao Mar. Ademais, do 11 ao 14 de xullo celebrarase o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia en A Guarda. Fotografía @arxina

Festival Mar de Mares
Os días 21 e 22 de setembro celebrarase unha nova edición do Mercado do Mar dentro do Festival Mar de Mares, na explanada do Parrote en A Coruña. Ademais de contar cun punto de información, está previsto realizar un showcooking con produto certificado.
Podes saber máis sobre o Mercado do Mar ou obter información para participar como entidade expositora premendo aquí.

Música en Compostela
A marca pescadeRías, ¿de onde se non? estivo presente na degustación de produtos do mar que se levou a cabo o 20 de xuño na Real Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid.
O evento tivo lugar no marco da presentación dos LXII Cursos Universitarios e Internacionais, Música en Compostela, coa colaboración da Consellería do Mar.

Cociña + Conciencia
O pasado 3 de xullo, máis de 50 cociñeiros/as de recoñecido prestixio reuníronse na Cidade da Cultura durante o Encontro Internacional Cociña + Conciencia, promovido pola Xunta de Galicia en colaboración co festival PortAmérica. O evento foi un encontro de reflexión sobre cociña ética, influencia dos cociñeiros sobre o benestar social e retos de futuro da gastronomía e restauración. A marca pescadeRías estivo presente na degustación de produtos galegos a cargo de cociñeiros locais como Pepe Solla, Lucía Freitas, Jorge Gago, Kike Piñeiro, Eloy Cancela, Diego López, Alex Iglesias ou Daniel López. Aquí podes ver algunhas fotografías.

Galician Cinema & Food Festival
A V edición do Galician Cinema & Food Festival, que tivo lugar no Instituto Cervantes de Nova York e no Consentino City Manhattan do 24 ao 27 de xuño, consolidouse como espazo para dar a coñecer e poñer en valor os produtos galegos no mercado estadounidense.
Lucía Freitas, capitaneou o programa gastronómico e o showcooking para distribuidores profesionais e prensa especializada, con conservas certificadas de Conservas de Portomar, Ramón Peña, Los Peperetes e Porto-Muiños.
Preme aquí para ver o vídeo resumo.

Produtos certificados en SALIMAT
Do 6 ao 9 de xuño, celebrouse en Silleda a 23ª edición do Salón da Alimentación do Atlántico SALIMAT-ABANCA. Durante as catas celebradas no stand da Consellería do Mar, os produtos certificados foron presentados polos cociñeiros/as Criselda Iglesias, Ana Portals, José Manuel Mallón, Miguel González, Alejandro Iglesias y Gerson Iglesias. Por outra banda, no marco da feira, acompañamos a máis de 20 distribuidores internacionais, participantes na mesma, a coñecer o marisqueo en Cambados da man das mariscadoras de Guimatur.
Preme aquí para ver un vídeo.

A cesta da Compra a exame
A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) celebrou o 25 de xuño na Cidade da Cultura a xornada «A cesta da compra a exame». O evento, que congregou a máis de 80 persoas, articulábase en base ao estudo «Hábitos de Alimentación». Falouse de formatos e estratexias dos puntos de venda, capacidade económica das persoas consumidoras e consumo de produtos de valor engadido. A marca pescadeRías, ¿de onde se non? estivo presente nos petiscos que se degustaron no peche da xornada.

Condecoración ao Mérito Civil
O 19 de xuño, José Antonio Gómez Castro, Joselito, recibiu de man de Felipe VI a condecoración da Orde do Mérito Civil en recoñecemento do seu compromiso persoal e contribución social no sector pesqueiro artesanal. Joselito foi mariñeiro, armador, Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Portonovo durante 21 anos e Presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra. Parabéns! Fotografía: Casa Real

O Percebeiro, premio á calidade
A revista Ejecutivos celebrou o 4 de xullo a IX edición dos Premios Executivos Galicia no Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo. A empresa O Percebeiro, certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, resultou galardoada co premio á calidade.
O Percebeiro distribúe pescado e marisco a toda España e outros países como Francia, Andorra, Austria, Holanda, Suecia, Italia e Inglaterra.

Plan de xestión do boliche
A Resolución do 28 de xuño de 2019 pola que se autoriza o plan de xestión do boliche, permite o seu uso durante os meses de xullo, agosto, setembro e outubro, en horario exclusivamente diurno, do orto ao ocaso, entre a punta Carreiro (Monte Louro) e Cabo Silleiro, para a captura de lura e outras especies acompañantes.
O boliche ou chinchorro é un arte de pesca mixta entre arrastre e cerco. Non está permitido realizar o seu halado con cabo dado á terra.

Co-construíndo Futuros Sustentables
Do 02 ao 05 de xullo celebrouse en Carril o Obradoiro Internacional Co-construíndo Futuros Sustentables para a Pesca de Pequena Escala, organizado pola Universidade de Södertörn de Suecia e a Universidade de Santiago de Compostela. Participaron investigadores/as de Chile, Sudáfrica, Vietnam, España e Suecia. Ramón Fernández Conchas, xefe de Servizo de Mercados, e Manuel García Tasende, da Subdirección Xeral de Acuicultura da Consellería do Mar, impartiron os relatorios: A marca pescadeRías, de onde se non? e O marisqueo en Galicia, respectivamente.

Seguementos e adhesións
A Lonxa de Campelo AIE, certificada para bivalvos, crustáceos, cefalópodos e peixe, na que se realizan as ventas das confrarías de Pontevedra, Lourizán e Raxó, superou unha auditoría de seguemento do selo pescadeRías, ¿de onde se non?.
En relación ás adhesions, este mes contamos con tres novas incorporacións: O restaurante La Posada, do chef Miguel Barreiro Parada, ubicado en O Grove, o restaurante Faro da Lúa, en Vilanova de Arousa e o Hotel Rústico San Jaime by Miguel González, en Pereiro de Aguiar (Ourense). Benvidos!!

Produción e comercialización
ORDE do 11 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2019, para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás organizacións de produtores pesqueiros do sector dos produtos da pesca e da acuicultura no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). O prazo de solicitude remata o vindeiro 26 de xullo.

Denominacións comerciais
No BOE do 15 de xuño, aparece publicada a Resolución de 24 de maio de 2019, da Secretaría Xeral de Pesca, pola que se publica a listaxe de denominacións comerciais de especies pesqueiras e de acuicultura.
En dita Resolución, actualizada cada ano, aparece a relación de nomes comerciais das diferentes especies aceptados como denominación oficial en todo o territorio nacional, así como as diferentes acepcións recoñecidas polas diferentes comunidades autónomas.

A receita do mes
O sabor e textura do peixe porco (Balistes capriscus = B. carolinensis), sorprendeu as persoas participantes nunha cata capitaneada por Alejandro Iglesias, do Restaurante Cabanas, na 23ª edición do Salón da Alimentación do Atlántico SALIMAT-ABANCA.
O chef elaborou con esta especie, pouco habitual nas nosas mesas e que vos animamos a probar, uns fish&chips acompañados de crema de Arzúa-Ulloa e paté de Pementos de Herbón. Preme aquí para ver a receita.