10 BOCADOS SOLIDARIOS

O pasado 27 de febreiro celebrouse o evento 10 bocados solidarios no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela. A iniciativa foi promovida polo chef galego Kike Piñeiro e polo colombiano Charlie Otero con motivo do Día Mundial contra o Cancro (5 de febreiro) e co obxectivo de recadar fondos en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro, AECC.

A Xunta de Galicia colaborou aportando diversos produtos galegos con indicativo de calidade diferenciada que utilizaron os 11 cociñeiros e cociñeiras para elaborar as tapas solidarias.

Os produtos certificados estiveron presentes nas elaboracións de Charlie Otero e Estefanía Serrano (Thai Arturo Soria), coa tapa polbo galego pescadeRías, nas de Kike Piñeiro e Eloy Cancela (Horta do Obradoiro), que traballaron con ourizo de mar de pescadeRías e queixo de Arzúa – Ulloa, e na de Diego Domínguez e Maica Couto (A Ostrería), que cociñaron con volandeira de pescadeRías.

Pola súa banda, Marcos Domínguez (Parador de Vilalba) traballou con queixo San Simón da Costa, Luis Romaní (Sybaris 2.0) e Jorge Gago (A Maceta) con Ternera Gallega e Mexillón de Galicia respectivamente e Álvaro Victoriano (Grupo Peculiar) e Gerson Iglesias (Erva Oca Vila de Allaríz) con produtos de Mel de Galicia, queixo do Cebreiro e Fabas de Lourenzá.

O servizo de sala estivo coordinado por Marcelino Cambeiro, maître do Hostal dos Reis Católicos, e Manel Oliveira, mestre de sala do CIFP Compostela.

No evento, que tivo aforo completo, participou tamén a conselleira do Mar, Rosa Quintana, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez Moreda e Francisco Pais, presidente da Asociación Española contra o Cancro en Santiago.

Preme aquí para ver un vídeo resumo do evento elaborado por Xaime Cortizo. Parabéns pola iniciativa!


Obradoiro de Emprego Vigo Capacita VII

O 7 de febreiro impartiuse unha charla sobre a marca pescadeRías, ¿de onde se non? ao alumnado de operacións básicas do servizo de restaurante e cociña do obradoiro de emprego Vigo Capacita VII no que coñeceron o significado da marca, os produtos, os requisitos e o seu funcionamento.
O mesmo alumnado realizou unha visita guiada ao marisqueo a pé de Combarro á lonxa de Campelo e ás instalacións da empresa O Percebeiro S.L. de Marín o 2 de marzo. Podes ver un resumo da visita no seguinte enlace.

Especie do mes: centola

A centola (Maja brachydactyla) é un crustáceo decápodo de cor vermella parda cun groso cacho de forma triangular por diante e case redondo pola zona de atrás, que remata na rexión frontal en dúas fortes espiñas. As centolas habitan na costa en fondos rochosos ou areosos e a súa extracción regúlase a través de plans de explotación anuais. Captúrase principalmente con miños.

Para saber máis sobre esta especie, preme aquí para ver unha ficha.

Premio Alimentos de España 2021

Desde 1987, convócase anualmente o Premio «Alimentos de España» en recoñecemento aos profesionais ou entidades que contribúen a impulsar este importante sector. No ano 2021, estes premios alcanzan a súa XXXIV edición. Na categoría Premio Alimentos de España Produción da Pesca e da Acuicultura, valorarase a traxectoria empresarial, así como a relevancia socioeconómica ou o carácter innovador do produto.

Preme aquí para ver as bases da convocatoria.

Accións formativas

Durante o mes de febreiro impartiuse formación en Manipulación de Produtos Pesqueiros a responsables e persoal da lonxa da Confraría de Pescadores de A Guarda, a persoal responsable da manipulación do ourizo na empresa Mariscos Calimar, S.L. e a persoal da depuradora da Confraría de Pescadores de Cedeira. Estes últimos recibiron tamén formación sobre sistemas de Análise de Puntos de Control Crítico así como información sobre o selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Usuario do mes: Confraría de Pescadores A Pastoriza

A Lonxa de Vilanova de Arousa, certificada polo selo pescadeRías para a primeira venta de bivalvos, algas e crustáceos, está xestionada pola Confraría de Pescadores A Pastoriza. A extracción dos seus recursos marisqueiros é realizada por preto de 250 mariscadoras/es a pé e en torno a 80 embarcacións autorizadas para o marisqueo a flote. A maiores da actividade extractiva, realizan actividades de semicultivo e de vixilancia dos bancos. Conta, así mesmo, con 6 embarcacións autorizadas para a extracción de solénidos e de algas con técnicas de mergullo

Novas adhesións

En febreiro adheríronse ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? a Peixería Manuela, que conta cun posto no Mercado de Abastos de Porto do Son e Cris Peixes e Mariscos, cun posto no Mercado Municipal de Fisterra.

Pola súa banda, adherironse tamén ao selo o Bodegón Pescador, o restaurante O Noso Bar e o restaurante Portofino, os tres na localidade de Portosín, así como o restaurante A Xarda en Porto do Son. Todos eles ofrecen á súa clientela productos de tempada procedentes da pesca artesanal da contorna.

Certificacións

A empresa Susión e Hijos, S.L. (transformación e distribución de cefalópodos) e as lonxas da Confraría de Pescadores de Portosín (peixes) e de Celeiro (peixes, cefalópodos, crustáceos, equinodermos, antozoos) foron auditadas en febreiro para a súa certificación no selo pescadeRías.

Por outra banda, a depuradora Aurelio Silva Abalo, S.L. (bivalvos), a lonxa da Confraría de A Guarda (cefalópodos, crustáceos, equinodermos e peixe), e a da Confraría de Cedeira (peixe, cefalópodos, crustáceos e bivalvos) superaron auditorías de seguemento no selo.

Convocatoria de PERMEX

Convocado o proceso selectivo para o outorgamento da modalidade de Navalla/longueirón, mergullo con subministro de aire dende superficie, para o plan conxunto das Confrarías de A Coruña, Ferrol, Barallobre, Miño e Mugardos e para a Confraría de Cedeira. Convocado o proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación na modalidade de marisqueo a pé da Confraría de Raxó. Convocado o proceso selectivo para o recurso específico algas modalidade mergullo e algas modalidade marisqueo a pé, para a Confraría de Corcubión.

Proxecto ZOSTERA

As praderías de fanerógamas mariñas proporcionan importantes servizos ecosistémicos: captan carbono e producen osíxeno, atenúan o hidrodinamismo, son hábitat de numerosas especies e serven como bioindicadores.

O proxecto “ZOSTERA. Praderías mariñas, tesouros de biodiversidade” levado a cabo polo CEIDA, gracias ao apoio da Fundación Biodiversidad, foi creado para concienciar sobre a importancia da súa conservación. Premendo aquí podes acceder a un artigo sobre o mesmo.

A receita do mes

O inverno, xa a piques de rematar, é o mellor momento do ano para o consumo da centola. Este crustáceo é unha importante fonte de proteínas de alto valor biolóxico e de ácidos graxos poliinsaturados e nel destaca o seu contido en minerais como selenio, fósforo, zinc e iodo así como de niacina e vitaminas B6 e E.

Mariscos Laxe de Rons (O Grove), empresa certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, ofrécenos esta receita para preparala cun toque picante. Preme aquí para acceder a ela.