Alianza pescadeRías de onde se non? e pescaenverde: renovación de certificados
33 lonxas e centros de venda certificados pola marca pescadeRías de onde se non? acaban de recibir o certificado de renovación da marca de garantía pescaenverde, no marco da alianza entre a Consellería do Mar e a Universidade de Santiago de Compostela para identificar a pesca galega sostible e de alta calidade. Con esta renovación, xa son 42 lonxas e centros de venda que usan as marcas pescadeRías e pescaenverde conxuntamente nas súas etiquetas.
A marca pescaenverde, creada polo Grupo de Investigación de Biotecnoloxía Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela, aporta información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen sobre o medioambiente, a través de dous indicadores: a pegada de carbono e a taxa de retorno enerxética-TRE.
X Edición Galicia Fórum Gastronómico
A marca pescadeRías de onde se non? participou na X Edición de Galicia Fórum Gastronómico, que se celebrou na Coruña do 23 ao 25 de marzo baixo o lema “Un Océano de Cociñas”.
As catas de produtos certificados pescadeRías de onde se non? estiveron a cargo de Dani López, do restaurante O Camiño do Inglés de Ferrol; Emma Pinal do Gastrobar O Birrán de Ribadavia e Marcos Arufe do Espazo Remollo de Ames.
Ademais, o evento contou coa participación das empresas certificadas Porto-Muiños S.L., Costas y Miñán S.L. e a Confraría de Pescadores de Ferrol.
Podes ver un vídeo resumo aquí.
Próxima cita, Salón Gourmets
Do 7 ao 10 de abril celebrarase en Madrid a 38ª Edición do Salón Gourmets. O mércores 9 será o Día da Cociña Atlántica: Javier Olleros, de Culler de Pau, e Lucía Freitas, de A Tafona Casa de Xantar, presentarán as súas propostas de cociña atlántica con produtos certificados pola marca pescadeRías de onde se non?
Os demais días desenvolverase un programa de actividades na sala de catas do stand institucional da Consellería do Mar e AGACAL. Podes ver o programa aquí.
As entidades certificadas Fish Factory, S.L, Porto-Muiños, S.L., Mares de Galicia S.A., Conservas Portomar SLU., Conservas La Brújula, S.L., Artesa Rías Baixas S.L., O Percebeiro S.L, Conservera Gallega S.A., Costas y Miñán S.L. participarán como coexpositoras no stand institucional.
Manuel A. Reiriz en Tripulación pescadeRías
Este mes incorpórase á Tripulación pescadeRías Manuel A. Reiriz, armador da embarcación Os Gómez e presidente dos mariscadores e mariscadoras da Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño.
Manuel explícanos en que consiste o seu traballo diario, as especies que captura e a importancia dos plans de xestión como ferramenta para a explotación sostible dos recursos.
Tamén nos amosa a descarga e primeira venda en lonxa do ourizo, un recurso esencial neste porto, no que hai 57 embarcacións e 128 tripulantes autorizados para a súa explotación.
Podes ver o vídeo aquí.
Xornada formativa sobre pesca artesanal
O alumnado dos cursos AFD de Hostalaría do Concello de Boiro participou nunha xornada formativa sobre os produtos da pesca artesanal, o pasado 21 de marzo.
Durante a mañá, visitaron a Praza de Abastos de Boiro e as instalacións da entidade certificada Cooperativa Ría de Arosa, onde puideron identificar distintas especies de interese comercial, analizar as etiquetas dos produtos do mar e coñecer o proceso de depuración de moluscos bivalvos.
A xornada completouse con dúas sesións formativas sobre a marca pescadeRías de onde se non?, nas que se abordaron os tamaños mínimos de peixes e mariscos e a identificación de moluscos bivalvos.
«A ameixa feita arte», campaña da Cooperativa Ría de Arosa
«A ameixa feita arte» é a última iniciativa da Cooperativa Ría de Arosa para promover os seus produtos do mar con certificación pescadeRías de onde se non? entre os profesionais da restauración. Tres xornadas que se levaron a cabo no Mercado de Abastos de Santiago, no restaurante O Curro da Parra e na Aula de Cociña do Viveiro de Empresas de Boiro, con Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa.
Chefs, propietarios de restaurantes e responsables de compras puideron coñecer de preto o traballo das socias e socios da cooperativa e a calidade do berberecho, ameixa babosa e ameixa xaponesa de Abanqueiro a través de demostracións de cociña e degustacións.
Certificacións
Durante o pasado mes realizáronse auditorías de seguimento das seguintes entidades:
Confraría de Pescadores de Sada (peixe e cefalópodos). Ademais, a entidade ampliou o seu alcance a crustáceos e certificouse como distribuidor.
Confraría de Pescadores de Vigo (bivalvos, cefalópodos, crustáceos, peixe, algas, antozoos e equinodermos). Esta entidade realiza a primeira venda dos produtos da pesca na Lonxa de Canido e Lonxas do Porto de Vigo.
Confraría de Pescadores de Noia (bivalvos). Esta confraría xestiona a Lonxa e depuradora de bivalvos de Testal e o Centro de Venda de O Freixo.
Formación
No mes de marzo impartiuse formación en Hixiene e Manipulación de Alimentos e Principios do Sistema APPCC a tres entidades certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?: Confraría de Pescadores de Vigo (Lonxa de Canido), Cíes Artesanais S. Coop. Galega e Confraría de Pescadores de Arcade.
Na confraría de Vigo e na cooperativa Cíes Artesanais a formación estivo dirixida ao novo persoal, que adquiriu coñecementos sobre as funcións e responsabilidades relacionadas co sistema APPCC e o autocontrol.
O equipo da Confraría de Arcade recibiu formación específica en APPCC e boas prácticas de manipulación, trazabilidade e seguridade alimentaria de bivalvos.
Novas tendas on line adheridas
O pasado mes de marzo sumáronse á marca dúas novas tendas online: Bongarth e Cetaria Salitre, ás que damos a benvida.
Bongarth é unha empresa galega especializada en conservas premium artesás. A súa orixe vincúlase a Vigo e ao mar, establecendo unha íntima relación coas rías galegas que definen a súa filosofía, fundamentada nunha aposta decidida pola tradición e a procura da excelencia.
Cetaria Salitre é unha tenda online de peixe e marisco de calidade. Todos os produtos proceden das rías galegas e son seleccionados nas mellores lonxas para ofrecer a máxima frescura. A compra realízase de forma rápida e cómoda na súa web e o produto recíbese no domicilio en 24 ou 48 horas.
Novos restaurantes adheridos
Damos a benvida á marca a tres establecementos de hostalaría: Trasmallo Restaurante, El Olivo Cocina & Bar e Gastrolab Arousa.
Trasmallo, en Pontevedra, é un restaurante cunha marcada alma mariñeira. Inspirado na tradición e na paixón polo mar, ofrece unha experiencia gastronómica que rende homenaxe á familia, á cultura e aos sabores auténticos de Galicia.
Á sombra dunha oliveira centenaria, El Olivo Cociña & Bar, en Narón, destaca pola súa aposta por produtos de calidade procedentes das lonxas da contorna.
Gastrolab Arousa, en Boiro, é un espazo gastronómico onde organizan eventos culinarios tanto nas súas instalacións como no lugar que elixa a clientela.
Peches de campaña
Aprobado o Plan experimental para a xestión do polbo (Octopus vulgaris) para a campaña 2025/26 mediante a Resolución da Consellería do Mar de 26 de marzo de 2025. O novo Plan recolle unha parada temporal da actividade durante o mes de abril e unha veda biolóxica durante os meses de maio e xuño.
O 31 de marzo foi o último día autorizado para o emprego do bou de vara e bou de man na ría de Arousa. As especies que se capturan con estas artes son a volandeira (Aequipecten opercularis) a zamburiña (Mimachlamys varia) e outras especies demersais.
Tamén pechou o período de captura do lumbrigante (Homarus gammarus), ata o 1 de xullo.
Aperturas de campaña
O 1 de abril iniciouse a campaña de extracción da lagosta (Palinurus elephas), que se prolongará ata o 30 de setembro.
Por outra banda, autorizáronse os Plans de pesca de anguía (Anguilla anguilla) para as confrarías de pescadores das rías de Vigo e Arousa para a tempada 2025, mediante Resolucións da Consellería de Mar do 26 de marzo.
Poderán participar nos plans de pesca de anguía as embarcacións que teñan no seu permiso de explotación a nasa voitirón ou a nasa para anguía. O período autorizado é do 1 de abril ata o 30 de setembro de 2025, e cada embarcación poderá empregar ata 80 nasas diarias de anguía ou voitirón.
Especie do mes: Serrán Cabra
O serrán cabra (Serranus cabrilla) é unha especie capturada pola flota artesanal galega con artes de enmalle e anzol, que se comercializa en fresco. Habita fondos rochosos e destaca pola súa cor rosada con bandas transversais acastañadas.
Desde o punto de vista reprodutivo, é hermafrodita sincrónico, podendo actuar como macho ou femia. Trátase dun peixe solitario e territorial, que se agocha entre as rochas ao sentirse ameazado.
É un peixe de carne branca e sabor excelente, aínda que algo espiñento. A súa preparación tradicional inclúe fritido en aceite ben quente ou en caldeirada á galega, sendo tamén ideal para pratos de peixe esmiuzado. Máis información aquí.
A entidade do mes: Pescados Rabina
Con máis de cen anos de historia, Pescados Rabina é sinónimo de calidade, frescura e tradición na selección, venda e distribución de peixe e marisco galego. Fundada en 1895, mantivo sempre un firme compromiso coa excelencia e o respecto polo produto do mar.
Situada no mercado da Praza de Lugo, na Coruña, a empresa adquire maioritariamente os seus produtos en Ribeira e Coruña, que comercializa a restaurantes, peixarías e consumidores de toda España.
Marcos Rabina, cuarta xeración da familia, destaca que a súa filosofía non é só vender peixe, senón custodiar o legado familiar e a riqueza das nosas costas.
Premio ao proxecto Seacaps
O concurso Eduemprende Idea, promovido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, premiou o proxecto Seacaps, unha proposta innovadora para crear un fertilizante concentrado en cápsulas elaborado con algas mariñas e cunchas de moluscos.
O proxecto foi desenvolvido por catro estudantes do ciclo superior de Comercio Internacional do CIFP Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa, baixo a supervisión da profesora Paula Boo.
O equipo gañador poderá acceder aos viveiros da Rede galega de viveiros de empresas en centros educativos ou á área de emprendemento industrial do Centro Galego da Innovación da FP e recibir asesoramento técnico especializado. Máis información aquí.
A receita do mes: Choco Benedictino
A cociñeira Emma Pinal, do Gastrobar O Birrán de Ribadavia, sorprende cunha receita orixinal e sinxela: Choco Benedictino. O prato ten como protagonista o choco, que se acompaña de Pan de Cea e unha salsa especial que lle achega un sabor único.
Esta elaboración foi unha das presentadas no showcooking «pescadeRías de onde se non? – De proximidade e con selo propio», dentro da X edición do Galicia Fórum Gastronómico.
Se queres probar unha combinación diferente cun produto tan versátil como o choco, esta receita é unha excelente opción.
Podes ver a receita completa aquí.

