III Xornadas Profesionais Artesanía no Prato

A marca pescadeRías, ¿de onde se non? estivo presente nas III Xornadas Profesionais Artesanía no Prato celebradas en Santiago de Compostela e organizadas pola Fundación Artesanía de Galicia en colaboración con Galicia Calidade dependentes da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. As xornadas ían dirixidas a establecer sinerxías entre artesanía, gastronomía e deseño.

Participaron 33 obradoiros da marca Artesanía de Galicia especializados en diferentes oficios, cun amplo programa de showcookings a cargo de chefs galegos de recoñecido prestixio, así como un espazo de coloquio sobre o papel da artesanía e do produto de proximidade no ámbito da gastronomía. Os cociñeiros Jorge Gago de A Maceta (Santiago de Compostela), Iñaki Bretal do Eirado da Leña (Pontevedra) e Moncho Bargo & Javier Freijeiro de Pracer (A Coruña) utilizaron produtos certificados nas súas preparacións. Preme aquí para ver un vídeo.

Fotos: Stephane Lutier


Blue Atlantic Forum

Do 24 ao 26 de novembro celebrouse no Parador de Baiona o Blue Atlantic Forum (BAF) organizado polo Concello de Baiona. O seu obxectivo principal foi crear un espazo de cooperación, discusión, formación e difusión sobre a economía azul desde unha perspectiva atlántico-europea.

As tres xornadas estiveron dirixidas aos sectores da pesca e acuicultura, a biotecnoloxía e o turismo. A marca pescadeRías, ¿de onde se non? participou no foro e moderou a mesa redonda Retos do consumo local de peixe celebrada o 24 de novembro.

Écociña NO CAMIÑO

A marca pescadeRías estivo presente no acto central do proxecto Écociña NO CAMIÑO que tivo lugar o 29 de novembro en Vigo. O proxecto promovido por Turismo de Galicia é unha iniciativa que busca visibilizar prácticas sustentables da hostalaría no Camiño de Santiago. Céntrase na mellora da oferta gastronómica introducindo produtos de proximidade para conseguir unha oferta diferenciada, diversa e de calidade e a implantación de prácticas sostibles na xestión dos establecementos hostaleiros. No evento entregáronse os galardóns aos restaurantes que participaron no proxecto, moitos deles adheridos á marca pescadeRías. Parabéns pola iniciativa!

Especies pescadeRías: volandeira

A volandeira é unha especie presente nas nosas costas que debe o seu nome ao seu peculiar xeito de «voar» por debaixo da auga. As súas valvas son cóncavas con «orellas» de desigual tamaño e asimétricas, normalmente de cor pardo rosada. Non debemos confundila coa zamburiña, máis ovalada, con máis costelas e «orellas» máis desiguais.

Normalmente aparece nos mercados en fresco de novembro a marzo e o resto do ano podemos atopala tanto conxelada como en conserva. Podemos preparala de xeito sinxelo respectando o seu sabor á grella, en empanada ou fritida. Preme aquí para ver unha ficha.

Aperturas e inicios de campaña

O vindeiro 13 de decembro comezará a campaña da vieira en Cambados na cal participarán preto de 40 embarcacións incluidas no correspondente plan de xestión presentado pola Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados que, en conxunto, extraerán arredor de 3000 kilos diarios deste bivalvo.

Por outra banda, publicouse a RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2021 pola que se autoriza o plan de xestión de pesca coa arte de bou de vara e a arte de rapeta ou bou de man, tempada 2021-2022.

Cursos mariñeiro/a pescador/a

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro convoca tres cursos de mariñeiro/a pescador/a na modalidade de teleformación no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo, na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira e na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol.

Os cursos terán lugar entre o 1 de febreiro e o 18 de marzo de 2022. O número de prazas é de 60 en cada centro. O prazo de prematrícula remata ás 15:00 horas do 29 de decembro de 2021.

Usuario do mes: Confraría de Pescadores San Xoán de Redondela

A Lonxa de Cesantes, xestionada pola Confraría de Pescadores San Xoán de Redondela, está certificada polo selo pescadeRías para a primeira venta de bivalvos, cefalópodos crustáceos e peixe, así como para a distribución de cefalópodos (choco) e bivalvos (vieira conxelada e eviscerada).

O seu produto estrela é o choco, que dende o pasado ano 2020 comercializan etiquetado de xeito individual baixo a marca Choco de Redondela o que garante ao consumidor final a súa procedencia.

Novo restaurante adherido

En decembro contamos cun novo establecemento adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?. No restaurante A Furna en Muxía apostan por produtos de proximidade e de tempada, que garanten a máxima frescura aportando un toque moderno e innovador.  

O seu chef e propietario, Javier Lema, con raíces mariñeiras, selecciona con mimo a mellor materia prima que a nosa costa nos regala. 

Recertificacións e seguementos

En novembro, a depuradora DEMARSUSA (bivalvos) así como a lonxa e depuradora de Testal e centro de primeira venta de O Freixo, xestionados pola da Confraría de Pescadores de Noia (bivalvos) tiveron auditoría de recertificación no selo pescadeRías. Por outra banda, a Confraría de Pescadores de Vilaxoán (bivalvos) e o Grupo ENVIMAR NW S.L. (peixes, bivalvos, cefalópodos, equinodermos e crustáceos) realizaron auditorías de seguimento, ampliando este último o seu alcance para o envasado ao baleiro de peixe limpo e eviscerado e para a conxelación de cefalópodos e peixe.

Axudas para accións formativas

Publicada convocatoria de Axudas para accións formativas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, ás novas competencias profesionais e a formación permanente do sector pesqueiro.

Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores e as súas federacións, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas constituídas por profesionais do sector, sempre que desenvolvan as súas actividades profesionais no sector pesqueiro e teñan a sede social en Galicia. En prazo ata o 15 de decembro.

Efecto da salinidade e o calor en moluscos bivalvos

Investigadores do grupo Ecocost da Universidade de Vigo investigan, en colaboración con varias confrarías de pescadores e coa Universidade de South Carolina (EEUU), o efecto dos descensos de salinidade provocados por fortes choivas e de vagas de calor sobre bivalvos de interese comercial en Galicia. Os resultados deste proxecto serven de ferramenta para a xestión e ademais para incluír en modelos preditivos que funcionan como os modelos meteorolóxicos. Neles se poden incluír diversos tipos de datos para caracterizar os bancos marisqueiros, como o efecto dos ríos, encoros, topografía ou tipos de sedimento, que inflúen nas dinámicas de salinidade e temperatura de cada zona. Preme aquí para ver un artigo sobre este estudio.

A receita do mes

A robaliza é un dos peixes máis saborosos que podemos atopar nos nosos mercados e a súa carne branca e compacta admite tantas preparacións como se desexe.

A proposta deste mes é un a receita outonal con produtos de tempada: robaliza a baixa temperatura con escuma de pataca e castañas escabechadas. Foi presentada por Alejandro Iglesias do Restaurante Cabanas en Lalín, adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, durante a mostra de cociña en directo “pescadeRías, de proximidade e con selo propio” que tivo lugar durante o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, XANTAR 2021.

Premendo aquí podes acceder a ela.