pescadeRías, ¿de onde se non? na semana de exaltación dos produtos galegos de calidade

Os produtos da marca pescadeRías, ¿de onde se non? estiveron presentes na semana de exaltación dos produtos galegos de calidade con Denominación de Orixe Protexida (DOP), Indicación Xeográfica Protexida (IXP) e marcas de calidade que organizou o CIFP Carlos Oroza do 31 de xaneiro ao 4 de febreiro.

As persoas asistentes ás xornadas puideron degustar preparacións con polbo, ameixa rubia e babosa, berberecho, navallas e ourizo certificados.

Na actividade que se desenvolveu toda a semana participaron profesores e alumnado do Ciclo Medio de Cociña e Gastronomía, Ciclo Superior de Dirección de Cociña e Ciclo Superior de Dirección de Servizos e Ciclo Medio de Servizos en Restauración. A actividade, ademáis de formación práctica, proporciónalles coñecemento sobre a marca e os produtos certificados.

Parabéns pola iniciativa!


Galicia sabe a estrelas

O pasado 20 de xaneiro, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron na presentación de Galicia sabe a estrelas, xunto co chef Javier Olleros, do restaurante Culler de Pau. No acto destacouse que o Camiño de Santiago é un reclamo para dar a coñecer a gastronomía galega e destacouse que na comunidade hai arredor de 50.000 persoas que viven do mar e que se afanan no día a día por poñer a disposición dos consumidores produtos da máxima calidade.

World’s 101 Best Canned Products

A revista Fuera de Serie (Expansión) fai eco neste artigo da posición acadada por Real Conservera Española no ranking das mellores conservas do mundo «2021 World’ s Best 101 Canned Food Products from the Sexa», que acadou o posto nº1 en diferentes categorías con tres dos seus produtos, estando outros catro no top 10.

A lista inclúe, así mesmo, produtos das conserveiras galegas certificadas polo selo pescadeRías: Conservera Gallega, Conservas La Brújula e Conservas Los Peperetes.

Especie do mes: Raia

Durante os meses de inverno as raias están no seu mellor momento de consumo. Estes peixes cartilaxinosos de corpo en forma de disco ou de rombo, ás angulosas, fociño alongado e pel moi áspera, posúen unha poderosa dentadura, que empregan para esmigallar as pezas que lles serven de alimento.

Viven en zonas lamacentas ou areosas de grava e rocha entre os 2 e os 60 metros de profundidade e son capturadas con artes de enmalle. Preme aquí para saber máis sobre esta especie.

Inicios de campaña

O pasado 17 de xaneiro reiniciouse a campaña de extracción da vieira na Ría de Arousa. De luns a xoves, 30 embarcacións da Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados desembarcan na lonxa de Cambados as súas capturas.

Por outra banda, o 1 de febreiro, comezou a campaña do ourizo en Ribeira, para a que están autorizadas 53 embarcacións da Confraría de Pescadores de Aguiño e 21 da Confraría de Pescadores de Ribeira.

Mellora clasificación microbiolóxica

A mellora dos resultados obtidos nos controis que realiza o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), permitiu a modificación da clasificación microbiolóxica dunha superficie total de arredor de catro millóns de metros cadrados de bancos marisqueiros das confrarías de Fisterra, Corcubión, Cambados, Vilanova de Arousa e Arcade.

Desde 2009 houbo unha mellora en 23 zonas de moluscos infaunais, con 139 bancos marisqueiros beneficiados.

Accións formativas

Durante o mes de xaneiro impartiuse formación en Manipulación de Produtos Pesqueiros a persoal da lonxa da Confraría de Pescadores de Portosín así como de Boas Prácticas de Manipulación a armadores e tripulantes de barcos do cerco. Durante a acción formativa, recibiron información sobre o selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Accións formativas en A Aixola

O centro A Aixola de Marín oferta preto de 130 prazas en distintas accións formativas para o sector pesqueiro. A formación é gratuíta e terá lugar entre marzo e decembro deste ano. A prescrición está aberta e pode facerse a través da páxina web do centro, onde tamén se pode consultar o listado de cursos ofertados.

Empresa do mes: Mariscos Laxe de Rons

Mariscos Laxe de Rons, nacida da experiencia de máis de 15 anos traballando cos mellores restaurantes e hoteis en Galicia e España e certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, adícase á venta de marisco e peixe ao por maior e detalle.

Os seus produtos poden ser adquiridos na súa tenda on line, tamén adherida ao selo, dende a cal realizan envíos a domicilio en transporte refrixerado a toda a península en menos de 24 horas

Novas adhesións

Pescados Sami adheriu ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? tanto o seu establecemento na localidade de Raxó como a súa peixería ambulante.

En Vigo, o restaurante Casa Obdulia ofrece unha cociña de autor a base de produtos de proximidade procedentes das lonxas da contorna. 

Casa Barqueiro é un restaurante familiar situado en Negreira en pleno camiño de Santiago a Fisterra que oferta unha cociña sinxela, de pratos tradicionais con ingredientes frescos e de tempada tanto de mar como de terra.

Recertificacións e seguementos

No mes de xaneiro a empresa conserveira de Xove (Lugo) Conservas artesanas Curricán, S.L. (cefalópodos) e a Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados (Primeira venta de bivalvos, cefalópodos, crustáceos, peixe, algas, e planta de procesado de vieira) tiveron auditoría de recertificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?,

Por outra banda, Porto de Cambados, S.L. (bivalvos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos e peixes) tivo unha auditoría de seguimento no selo de calidade.

Subvencións ao crecemento azul

O crecemento azul é unha estratexia a longo prazo de apoio ao crecemento sostible dos sectores mariño e marítimo; coa que se busca aproveitar o potencial dos océanos, mares e costas incentivando enfoques que favorecen o crecemento, a conservación e a pesca sostible.

O Real Decreto 1155/2021, do 28 de decembro, establece as bases reguladoras das subvencións a agrupacións de entidades que realicen proxectos en materia de crecemento azul no sector pesqueiro e da acuicultura, e as convoca para 2022 e 2023.

Comercio mundial de cefalópodos

A trazabilidade dos produtos pesqueiros debería permitir verificar a súa procedencia de fontes legais, sostibles e a seguridade para o consumo humano. A pesar de que se coñece ben o estado actual de capturas e consumo de cefalópodos a nivel mundial, non existen normativas específicas nin sistemas de seguimento para estudar a súa trazabilidade a nivel internacional. Este baleiro de información motivou a un equipo liderado por Andrés Ospina-Álvarez e Sebastián Villasante a realizar un estudo no que analizaron en detalle vinte anos de estatísticas oficiais, recompiladas pola ONU, sobre o comercio mundial de cefalópodos. Preme aquí para ver un artigo relacionado.

A receita do mes

Coincidindo co reinicio da campaña da viera na Ría de Arousa, Juan Manuel de la Cruz, chef do Restaurante Casa Obdulia en Vigo e adherido o pasado mes ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, amósamos como preparar este bivalvo tan representativo da nosa gastronomía nunha delicada receita: Vieira á grella sobre crema de grelos e tinta de choco.

As vieiras son fonte de proteínas con baixo contido en graxas. Destaca o seu aporte en ácidos graxos omega-3, así como de niacina e vitamina B12 e contén selenio, fósforo, calcio, ferro, iodo e potasio. Preme aquí para ver a receita.