Charla informativa no mercado de Ribeira

O pasado 27 de xaneiro, o alumnado das especialidades de cociña e de redes e aparellos de pesca do Obradoiro de Emprego Tahume VIII, organizado polo Concello de Ribeira e o Concello de Porto do Son, asistiron a unha charla informativa sobre a marca pescadeRías, ¿de onde se non? realizada no mercado de Ribeira.

As persoas participantes coñeceron os produtos certificados e os oficios do mar, a importancia do etiquetado e a trazabilidade dos produtos do mar e aprenderon a diferenciar especies de moluscos bivalvos.


Acto de presentación de patróns e patroas maiores en Ribeira

O pasado 21 de xaneiro, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou o papel das Confrarías de Pescadores na explotación sustentable dos recursos para garantir o correcto desenvolvemento da actividade marítimo-pesqueira, nunha xuntanza en Ribeira cos novos/as patróns e patroas maiores nomeados/as tras as eleccións celebradas o pasado mes de outubro. Durante o acto fomentouse o consumo dos produtos procedentes da pesca artesanal desta localidade.

Entidade do mes: Confraría de Pescadores de Portonovo

A Confraría de Pescadores de Portonovo foi unha das primeiras en apostar polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? e leva comercializando os seus produtos baixo a marca dende o 2008.

Na súa aposta pola innovación, comezou o pasado mes a poxa telemática do choco, sumándose esta á que viña realizando co polbo dende hai dous anos. A poxa telemática permite a chegada dos seus produtos a un maior número de minoristas e maioristas.

Especie do mes: curuxo

O curuxo (Scophthalmus rhombus) é un peixe plano con corpo de forma ovalada-romboide e cor marrón no dorso con manchas escuras de diferente tamaño. O seu corpo está cuberto de escamas delgadas e adherentes pero sen tubérculos óseos como no caso do rodaballo. Outra diferencia con esta especie é que os primeiros radios da aleta dorsal están libres, mentres que no rodaballo están unidos por unha membrana. Se queres saber máis sobre esta especie preme aquí para ver unha ficha.

GALICIA SABE AMAR

No marco da campaña GALICIA SABE AMAR, a Consellería do Mar porá en marcha este ano catro rutas con foodtrucks por distintos concellos de España onde serán degustados pinchos elaborados a partir de produtos certificados polo selo pescadeRías. Percorrerán máis de 200 localidades vencelladas co Camiño de Santiago e as rutas comezarán en Irún, Pamplona, Sevilla e Valencia para rematar na capital galega. 

Accións Formativas

No mes de xaneiro, persoal da empresa Mariscos Calimar, S.L., certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? para os grupos biolóxicos bivalvos, crustáceos e equinodermos, recibiu formación en sistemas APPCC. Ter implantado un sistema que garanta a seguridade alimentaria dos produtos da pesca é requisito indispensable para calquera industria alimentaria e polo tanto é un requisito esixido pola marca pescadeRías.

Certificacións

En xaneiro, a lonxa da Confraría de Pescadores «La Anunciada» de Baiona foi auditada para a renovación da súa certificación na marca pescadeRías, ¿de onde se non?.

A lonxa de Baiona está autorizada para a comercialización de bivalvos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos, peixe, algas, antozoos e gasterópodos baixo co selo pescadeRías.

Campaña do choco en Redondela

O pasado 30 de xaneiro, a Confraría de Pescadores «San Xoán» de Redondela, certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, comezou a campaña de extracción de choco con trasmallos na Enseada de San Simón.

Esta especie pode ser adquirida na venda directa que realiza a entidade de luns a venres de 17h a 18h na lonxa de Cesantes. Premendo aquí podes ver un vídeo sobre a súa captura.

Plan de xestión da sardiña con arte de xeito

Publicada a RESOLUCIÓN do 2 de xaneiro de 2023 pola que se aproba o plan de xestión da sardiña con arte de xeito para o ano 2023, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para o primeiro trimestre deste ano establécese un tope máximo total de 20 toneladas e unha cota de 50 kg por tripulante a bordo e día, ao cal se lle sumarán 50 kg/barco/día.

Convocatoria de PERMEX

Convocado proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación, modalidade percebe a pé, para o exercicio da actividade extractiva na confraría de pescadores de Muxía e na confraría de pescadores de Fisterra.

Convocado proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación, modalidade de marisqueo a pé, para o exercicio da actividade extractiva na agrupación de mariscadoras «Río Anllóns» e confraría de pescadores de Miño.

Amárrate a Galicia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presentou na feira internacional de turismo de Madrid, Fitur 2023 a nova campaña de promoción do sistema náutico galego que ten como lema Amárrate a Galicia.

Esta iniciativa busca difundir e por en valor os portos deportivos galegos como porta de entrada dos navegantes ao conxunto do territorio galego, establecendo sinerxías entre o sistema portuario e os axentes turísticos de toda a comunidade.

O INTECMAR, garante da calidade dos moluscos das rías galegas

A principal actividade desenvolvida polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR) é o control das zonas de produción de moluscos bivalvos de Galicia. Realiza cada ano arredor de 80.000 análises en moluscos bivalvos vivos e emite uns 7.000 informes e resolucións de seguridade alimentaria e sanidade animal. Este traballo convérteo nun centro punteiro a nivel mundial, o que se reflicte nas numerosas visitas que recibe de expertos e xestores das administracións de diferentes países do mundo. Preme aquí para ver un artigo sobre a súa actividade.

A receita do mes

O curuxo é un peixe branco, baixo en graxas, que nos aporta proteínas de alto valor biolóxico, minerais (fósforo, magnesio, potasio e sodio), vitaminas do grupo A e B e ácido fólico. Entre os meses de novembro e febreiro está de tempada, polo que é unha excelente elección se o atopas na túa peixería de confianza.

Alberto Carou Iglesias, xefe de cociña do restaurante Curral do Marqués (Rianxo), adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, amósanos nesta receita cómo preparalo á brasa, respectando todo o seu sabor.