XXIII Salón Internacional de Turismo Gastronómico – XANTAR 2022

Entre os días 9 e 13 de novembro, celebrarase en Ourense o XXIII Salón Internacional de Turismo GastronómicoXANTAR 2022, a única Feira Internacional de Turismo Gastronómico acreditada da Península Ibérica.

Os produtos pescadeRías estarán presentes en catro demostracións de cociña en directo: «A despensa da pesca artesanal» a cargo de Maica Couto e Diego Domínguez (A Ostrería); «De proximidade e con selo propio» a cargo de Flavio Morganti (La Galleguita), «Suculento tesouro atlántico» con Criselda Iglesias (Tapería Lecer) e «Berberecho de Noia» con Emma Pinal (Gastrobar O Birrán). Preme aquí para acceder ao progama de catas e aquí para descargar unha invitación para asistir ao evento.


Sial París 2022

Consellería do Mar estivo presente na feira Sial Paris 2022, celebrada entre o 15 e o 19 de outubro, no stand de máis de 280 metros cadrados de superficie da Xunta de Galicia. O posto albergou, así mesmo, a 14 entidades coexpositoras entre as que estiveron as empresas certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?Mares de Galicia e Conservas la BrújulaSial París constitúe un gran escaparate europeo para os profesionais e empresas do sector da alimentación e das bebidas. 

Blue Atlantic Forum 2022

Do 19 ao 21 de outubro celebrouse no Parador de Baiona a II edición do Blue Atlantic Forum, organizado polo concello de Baiona. As 3 xornadas de debate estiveron dirixidas aos sectores da pesca, biotecnoloxía e turismo. A marca pescadeRías participou na mesa redonda Está o meu pescado certificado? celebrada o día 19. Na mesa tamén participaron, entre outros, Pescados Rabina, entidade adherida á marca e a Confraría de Pescadores de Redondela que está certificada polo selo.

Foro Academias da Gastronomía de España en Galicia

Máis de 30 persoas asistentes ao Foro das Academias Autonómicas de Gastronomía de España en Galicia puideron degustar os produtos certificados pescadeRías, ¿de onde se non? na cea que tivo lugar no Pazo de Rubianes.

O menú foi elaborado polo chef iñaki Bretal do restaurante O Eirado de Pontevedra, adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Proxecto Neptunus

A subdirectora xeral da Pesca e Mercados da Pesca, Marta Villaverde Acuña, impartiu a charla pescadeRías, ¿de onde se non?: o valor da diferenciación no seminario A importancia e impacto das ecoetiquetas no consumo celebrado o 25 de outubro, organizado polo Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnologías Ambientales (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela, no marco do Proxecto Neptunus.

Xuntanza de Bloggers Gastronómicos

Un ano máis, os produtos certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, estiveron presentes na X Xuntanza de Bloggers Gastronómicos que tivo lugar na Ribeira Sacra, o 29 de outubro.

Carlos J. González, cociñeiro do restaurante Merenzao de Doade (Sober – Lugo), deseñou un menú no que o xurelo, o polbo e as ameixas certificadas estiveron moi presentes.

Especie do mes: robaliza

A robaliza (Dicentrarchus labrax) é un peixe semigraxo que está no seu mellor momento de consumo durante o outono e inverno. Ademáis de ser fonte de proteínas de alto valor biolóxico e ácidos graxos omega3, destaca o seu contido en fósforo e selenio e en vitaminas do grupo B. Vive sobre todo tipo de fondos na zona litoral, dende zonas superficiais ata os 100 m de profundidade, onde é capturada de xeito artesanal con artes de enmalle e anzois. Preme aquí para ver unha ficha.

Accións formativas

Durante o mes de outubro impartiuse formación en hixiene e manipulación de produtos pesqueiros a todo o persoal da empresa Pescados y Mariscos del Noroeste, S.L., con sede no porto de A Coruña. Así mesmo, os responsables desta entidade, recibiron formación en sistemas APPCC. Ter actualizada a formación nestas materias é requisito indispensable para renovar a certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Empresa do mes: Confraría de Bueu

A DESPENSA DA RÍA é una iniciativa da Cofradía de Pescadores «San Martiño» de Bueu, certificada polo selo pescadeRías (peixe, crustáceos, cefalópodos, bibalvos, gasterópodos, equinodermos e antozoos) co obxectivo de facilitar a comercialización ao consumidor final dos produtos da súa lonxa. Nesta peixería on line podes atopar produtos descargados na Lonxa de Bueu pola súa frota artesanal e comercializados por peixerías locais, principalmente da praza de abastos.

Recertificacións

Durante o mes de outubro, leváronse a cabo auditorías de recertificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non? na Lonxa de Vigo (certificada para cefalópodos, crustáceos e peixe), xestionada pola Autoridade Portuaria de Vigo e na empresa de distribución de peixes e mariscos frescos, cetaria e cocedoiro de mariscos, Pescados y Mariscos del Noroeste, S.L. (certificada para peixes e crustáceos), con sede no porto de A Coruña.

Inicio da campaña da volandeira na ría de Arousa

O 3 de novembro comezou a campaña da volandeira na ría de Arousa cun tope de capturas autorizado de 40 kg por tripulante ata un máximo de 120 kg por embarcación. A arte empregada para a captura desta especie é o bou de vara.

Fin da campaña da zamburiña

O pasado 31 de outubro rematou a campaña da zamburiña na ría de Ferrol. Case a totalidade das capturas desta especie en Galicia (arredor de 30 toneladas en 2022) realízanse nesta ría, comercializándose nas lonxas de Ferrol, Barrallobre e Mugardos, certificadas polo selo pescadeRías.

Fin da veda da centola e o boi

O 6 de novembro rematou a veda da centola dende a desembocadura do Miño ata o cabo de Estaca de Bares e a do boi en toda Galicia. Pola súa banda, entre o cabo de Estaca de Bares e o río Eo, a veda da centola rematará o vindeiro 27 de novembro.

Inicio da campaña marisqueira en Noia

O pasado 19 de outubro arrancou a campaña de marisqueo en Noia na que participan case 2.000 persoas que extraen os moluscos bivalvos a pé e dende embarcación. O Berberecho de Noia está certificado pola marca de calidade pescadeRías, ¿de onde se non? contando ademáis co seu propio selo de calidade.

.

Programa de apoio a empresas agroalimentarias

A Fundación Juana de Vega convoca a XI edición do PROGRAMA DE APOIO A EMPRESAS AGROALIMENTARIAS: un programa de formación e mentorización orientado a axudar a persoas emprendedoras no deseño e implantación dos seus proxectos empresariais, así como para empresas existentes que precisan abordar proxectos de mellora.

Proxecto CLOCK

No proxecto CLOCK, desenvolto polo grupo Future Oceans Lab do CIM, na Universidade de Vigo, están a estudar os impactos da redistribución dos stocks pesqueiros debidos ao cambio climático para identificar respostas de adaptación que permitan soster o sistema socio-ecolóxico da pesca. Tras seis anos de traballo e máis de 15 investigadores/as involucrados/as no proxecto, fíxose unha aproximación global aos impactos na pesca e as adaptacións, para logo afondar nos sistemas socio-ecolóxicos pesqueiros en tres casos de estudo, entre eles o sector artesanal galego. Preme aquí para ver un artigo relacionado e aquí para ver un vídeo.

A receita do mes

A navalla é un apreciado molusco bivalvo procedente da nosa pesca artesanal, que nas costas galegas captúrase dun xeito altamente selectivo: recolléndoas a mergullo de unha en unha.

Rubén González, propietario do restaurante pontevedrés El Cafetín, adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, ofrécenos esta receita que foi publicada na sección Sabe bien de La Voz de Galicia, nunha reportaxe que destaca a importancia de utilizar peixes e mariscos certificados como garantía de calidade. Preme aquí para acceder a ela.