Formación para profesionais do comercio minorista de peixes e mariscos

A Consellería do Mar organiza un curso en innovación e novas tendencias en peixerías tradicionais dirixido a profesionais do comercio minorista. Con este curso aprenderás como innovar na túa peixaría cumprindo coa nova lexislación sanitaria que nos permite elaborar en punto de venda e ofrecer catas e degustacións.

O curso consta de dúas partes, na primeira parte explicarase que é a elaboración e degustación no punto de venda aplicada á peixería, os perigos biolóxicos, químicos e físicos, os alérgenos e as prácticas correctas de hixiene da man dunha experta en Seguridade Alimentaria de FEDEPESCA. Na segunda parte, contarase coa colaboración dun experto especialista peixeiro, que fará unha demostración practica de como realizar elaboracións no punto de venda, así como unha demostración de corte e fileteado do produto.

Levaránse a cabo seis edicións, tres en horario de mañá e tres en horario de tarde, nas seguintes datas e lugares:

11 de novembro. No CIFP Compostela, Santiago de Compostela.

18 de novembro. No CIFP Carlos Oroza, Pontevedra.

25 de novembro. No IES de Foz, Foz, Lugo.

Curso gratuito de aforo limitado. Imprescindible confirmación de praza para asistir.

Podes ver os horarios e inscribirte aquí.

Actividades en prazas de abastos

A marca pescadeRías de onde se non? realizou en outubro actividades para promover o consumo dos produtos da pesca artesanal galega nas prazas de abastos da Estrada, Ferrol e Lugo.

O público tivo oportunidade de participar nunha visita guiada aos puntos de venda de peixes e mariscos adheridos á marca. Contamos coa colaboración das propias praceiras, que explicaron como é a súa xornada de traballo, desde a compra do peixe en primeira venda ata a apertura ao público. A diferenciación de especies, consellos para ver o grado de frescura, información sobre etiquetado e orixe foron algúns dos contidos tratados. Tamén se levaron a cabo demostracións de cociña en directo con cata de elaboracións.

Podes ver un vídeo resume aquí.

Dinamización na Praza de Abastos de Ourense

O vindeiro 29 de novembro estaremos na Praza de Abastos de Ourense. Organizaremos unha visita guiada ás peixerías adheridas á marca, onde se falaremos de identificación de especies, frescura, etiquetado e da certificación pescadeRías de onde se non?

Está previsto un obradoiro de tamaños mínimos de peixes e mariscos e unha sesión de demostración de cociña a base de produtos da pesca artesanal galega, con degustación.

A inscripción é gratuíta, con aforo limitado. Para participar é preciso inscribirse previamente no correo pescaderiasdeondesenon.cmrm@gmail.com ou no 986 02 08 99.

Asistencia a feiras

A marca pescadeRías de onde se non? participou no Salón da Alimentación SIAL París 2024, cos coexpositores certificados Conservas La Brújula S.L., Fish Factory S. L. e Porto-Muiños.

Do 24 ao 27 de outubro estivemos no Salón Internacional de Turismo Gastronómico XANTAR, en Ourense. Acudiu tamén a Confraría de Pescadores de Ferrol, entidade certificada.

Do 4 ao 6 de novembro participamos no Forum Gastronómico de Barcelona, en colaboración con Galicia Calidade e coa presenza das empresas certificadas pola marca O Percebeiro S.L. e Artesa Rías Baixas S.L. Tamén tivo stand no Forum a Confraría de Pescadores de Barallobre.

Podes ver un vídeo aquí.

Entidades certificadas

No mes pasado leváronse a cabo auditorías nas seguintes entidades certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?:

Auditoría de seguimento da depuradora José Mª Daporta e Hijos S.L., con alcance de bivalvos e crustáceos.

Auditoría de seguimento e ampliación da lonxa, depuradora, centro de expedición e distribución da Confraría de Pescadores de Barallobre. A auditoría de seguimento incluíu bivalvos, gasterópodos e equinodermos, e ademais ampliouse o alcance a antozoos.

Auditoría de seguimento da depuradora, centro de expedición e distribuidora Mariscos Campelo S.L., con alcance a bivalvos, equinodermos e cefalópodos.

Nova adhesión: Faro Pequeno

Damos a benvida á marca a un novo establecemento adherido: Faro Pequeno Taberna Atlántica, inaugurado hai uns meses e situado nun enclave moi especial: o antigo Faro Primitivo de Cabo Silleiro, en pleno itinerario do Camiño Portugués. O antigo faro foi rehabilitado como taberna con sabor atlántico e conta cunha terraza moi ben orientada para gozar da posta de sol e das conservas de La Curiosa, certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?

A proposta gastronómica inclúe peixes e mariscos frescos procedentes da pesca artesanal galega. Entre os seus provedores, as lonxas de Baiona e Cambados. Está previsto que este proxecto se complete cun hotel e restaurante ubicados no Faro Principal.

Formación

No mes de outubro tivemos sesión formativa na Confraría de Pescadores de Lira. Impartiuse un curso de manipulación de alimentos ao que asistiu o persoal de lonxa, o equipo encargado da conxelación do polbo e a asistencia técnica da confraría.

A formación en trazabilidade e seguridade alimentaria do persoal das entidades usuarias da marca é imprescindible para levar a cabo unha correcta xestión dos produtos certificados no día a día. O equipo técnico da marca encárgase de asesorar e impartir formación ás persoas implicadas no proceso de comercialización das entidades certificadas.

Consúltanos.

Entidade do mes: Ría de Arosa

A Sociedade Cooperativa Galega Ría de Arosa, ubicada en Abanqueiro (Boiro, A Coruña), foi fundada no ano 1973, e xestiona unha zona de explotación na que os seus socios recolectan o marisco con destino á súa depuradora.

Dende o seu centro de expedición, lonxa, depuradora e cetárea comercializan produtos procedentes da pesca artesanal galega, ademais da canle online que permite a venda ao territorio peninsular en menos de 24 horas. A súa actividade principal está dirixida ao sector da restauración, ao que sirven directamente con furgóns isotermos (comarca Barbanza, Santiago, Caldas e Dubra).

A cooperativa está certificada para a comercialización de bivalvos, crustáceos, equinodermos e gasterópodos desde xullo de 2017.

A especie do mes: abadexo

A especie do mes é o abadexo (Pollachius pollachius), un dos peixes máis axeitados para preparar ao xeito tradicional galego, con allada.

Trátase dun peixe branco, de corpo esvelto e longo, que a flota galega artesanal captura habitualmente con artes de anzol e enmalle. É moi habitual nos nosos mercados, e consúmese durante todo o ano.

IMPORTANTE: Recentemente o tamaño mínimo de captura desta especie foi modificado pola normativa europea e na actualidade é de 42 cm.

Podes ampliar a información sobre esta especie aquí.

Aperturas e peches

O 1 de novembro comezou a campaña do bou de vara na Ría de Arousa, e do bou de man  ou rapeta nas Rías de Arousa, Vigo e Pontevedra. Por tanto, volve a volandeira (Aequipecten opercularis) aos mercados. O período de capturas remata o 31 de marzo.

Está prevista a apertura da campaña da centola (Maja brachydactyla) a partir do 10 de novembro nas zonas A e B, que comprenden desde a desembocadura do Miño ata Estaca de Bares. A partir do 1 de decembro abrirá a zona C, de Estaca de Bares ao Río Eo.

A campaña do boi (Cancer pagurus) comezará a partir do 3 de novembro na zona C (de Estaca de Bares ao río Eo) e nas zonas A e B o 10 de novembro (da desembocadura do Miño a Estaca de Bares).

Axudas

Está aberta a convocatoria de axudas destinadas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros, no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), executados no ano 2023 (código de procedemento PE155C).

Podes ver a orde aquí.

O CIMA: 50 anos de investigacións mariñas

O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) está a piques de cumplir 50 anos de investigación sobre o medio mariño e como referente no asesoramento á administración pública e ao sector primario da pesca, o marisqueo e a acuicultura en Galicia.

No artigo deste mes, Carlos Gabín, director do CIMA, danos a coñecer as actividades e as principais áreas de investigación deste centro de referencia.

Podes ler o artigo aquí.

A receita do mes

Este mes presentamos unha elaboración de salmonete con verduras de tempada e salsa beurre blanc. Trátase dunha creación do cociñeiro Alberte Gutiérrez, do Restaurante Alberte de Vigo, establecemento adherido á marca pescadeRías de onde se non?

O ingrediente principal é o salmonete, acompañado de verduras de tempada e unha salsa deliciosa que lle da o toque final ao prato. Anímate a preparala!

Podes ver a receita aquí.