Galicia Fórum Gastronómico

Do 25 ao 27 de setembro, celebrarase unha nova edición de Galicia Fórum Gastronómico en A Coruña baixo o lema #Gastroxplosión! O evento é un gran encontro para profesionais do mundo da gastronomía e supón unha plataforma de lanzamento e promoción do talento dos/as mellores cociñeiros/as galegos/as, contribuíndo ao desenvolvemento do sector turístico gastronómico.

A Consellería do Mar estará presente cun stand institucional con oito empresas coexpositoras, das cales catro están certificadas por pescadeRías, ¿de onde se non?:  Porto-muiños, S.L., Mariscos Laxe de Rons S.L., HQ Seaweed S.L. e Currimar Conservas Tradicionais.

Ademais, as persoas asistentes poderán coñecer os produtos certificados con Iñaki Bretal de O Eirado da Leña de Pontevedra galardoado cunha Estrela Michelín. A cita será o 26 de setembro, as 13:30 horas, no espazo obradoiro.


GASTROMAR 2022

Do 10 ao 12 de setembro, terá lugar a I Edición de Gastromar Ribeira organizada pola Asociación de Empresarios de Ribeira, coa colaboración do Concello de Ribeira, as Confrarías de Pescadores de Ribeira e Aguiño, a Lonxa de Ribeira, Opmega e a Xunta de Galicia. Na praza de España do concello, poderanse degustar produtos do mar comercializados nas Lonxas de Ribeira e Aguiño certificados por pescadeRías. Preme aquí para obter máis información.

FICBUEU 2022

Do 11 ao 24 de setembro celebrarase a 15º Edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu – FICBUEU.

O sábado 17, directores/as e críticos/as do cinema e profesionais do audiovisual, música e radio asistirán á cata Descubrindo as excelencias do noso mar con pescadeRías, ¿de onde se non?, na que coñecerán a pesca artesanal de Bueu, a marca pescadeRías e as características dos produtos certificados.

Mercado & Festa do Mar

Un ano máis e como parte das actividades da IX Edición do Festival Mar de Mares,Mercado do Mar volve á explanada do Parrote en A Coruña o 17 e 18 de setembro. Asistirán as empresas certificadas Porto-muiños, S.L. e Mariscos Laxe de Rons S.L.  O domigo 18,  ás 12:00 horas, celebrarase o showcooking Tesouros das nosas rías con produtos certificados que correrá a cargo de Lolo Mosteiro e Paula Martínez do restaurante A Artesa da Moza Crecha de Betanzos.

XXI Festa do Polbo de Bueu

Do 13 ao 15 de agosto celebrouse en Bueu a XXI Festa do Polbo na que se puideron degustar ata 20 especialidades elaboradas con este cefalópodo.

Como en anos anteriores, colaboraron no evento a Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu e Frigoríficos Rosa de los Vientos S. L. Ambas entidades están certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Empresa do mes: Frigoríficos Rosa de los Vientos, S.L.

Frigoríficos Rosa de los Vientos, S.L. é unha empresa familiar con 30 anos de andadura no sector, certificada polo selo pescadeRías para a transformación de bivalvos e cefalópodos.

En constante innovación, baixo a marca O Pulpeiro comercializa polbo galego procedente da pesca artesanal tanto conxelado como cocido e pasteurizado.

Especie do mes: Salmonete de rocha

salmonete de rocha (Mullus surmuletus) é un peixe semigraxo que habita en fondos de area e rocha próximos á costa e que se captura habitualmente con artes de enmalle. Entre agosto e decembro está na súa mellor época de consumo. Considerado unha exquisitez polo seu intenso sabor a marisco, aporta importantes beneficios para a saúde. Para saber máis preme aquí para ver unha ficha.

Accións formativas

Durante o mes de agosto impartiuse formación en hixiene e manipulación de produtos pesqueiros ao responsable da subasta e ao persoal da Confraría de Pescadores de Vigo.

Ter actualizada a formación nestas materias é requisito indispensable para renovar a certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Nova peixería adherida

Pescadería Volandeira ten un establecemento en Canido (Vigo) que adheriu ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? no mes de agosto. Conta ademais cun posto no Mercado das Travesas de Vigo xa adherido con anterioridade.

Con esta nova adhesión a entidade segue apostando pola pesca artesanal.

Certificacións

A Confraría de Pescadores de Vigo renovou a súa certificación no selo pescadeRías para a comercialización de bivalvos, cefalópodos, crustáceos, algas, antozoos e equinodermos. Pola súa banda, a Lonxa da Illa de Arousa, xestionada pola O.P.P.20 e certificada para a comercialización de bivalvos, algas, antozoos e crustáceos, superou unha auditoría de seguimento.

Pescada vs pescadilla e carioca

A pescada (Merluccius merluccius) pode ser capturada a partires dos 27 cm, aínda que o máis recomendable é pescala de tamaños maiores. As pescadas pequenas coñécense como pescadillas mentres que as cariocas son individuos por debaixo do tamaño legal de captura e debemos rexeitalas se as atopamos no mercado. Preme aquí para ver unha ficha sobre os tamaños desta especie.

Vedas da lagosta e do boi

O 3 de setembro comezou a veda do boi (Cancer pagurus), que durará ata o 6 de novembro, conforme se recolle no Plan de xestión da centola e do boi 2022-2023. Así mesmo, entre o 30 de setembro e o 1 de decembro a lagosta (Palinurus elephas) entrará en veda en augas galegas conforme se establece no Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2021-2023.

A pescada: un megaalimento para os nenos

O peixe e o marisco son o grupo de alimentos con mellor taxa de retorno enerxético en forma proteica, en relación á súa pegada de carbono.

Gumersindo Feijoo, coautor da marca Pescaenverde da Universidade de Santiago de Compostela, explícanos neste artigo a importancia de establecer hábitos saudables e respectuosos co medio ambiente nas xeracións futuras e de como a pescada pode axudarnos no proceso polo seu sabor, textura, versatilidade, alto contido nutricional e baixa pegada de carbono.

A receita do mes

O salmonete é un peixe semigraxo, de pequeno tamaño, que agora está no seu mellor momento de consumo.

Juan Manuel de la Cruz, chef do restaurante vigués Casa Obdulia, adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, suxírenos elaboralo á prancha e acompañado de verduras ao vapor para resaltar o seu delicado sabor. A receita foi publicada o pasado mes na sección Sabe bien de La Voz de Galicia, nunha reportaxe que destaca a importancia de utilizar peixes e mariscos certificados como garantía de calidade. Preme aquí para acceder a ela.