
Actualizamos a app pescadeRías, ¿de onde se non?
Coñece a nosa APP pescadeRías, ¿de onde se non? para móbiles. Esta aplicación oficial da Consellería do Mar é gratuíta e serache de grande utilidade para atopar información sobre a marca e os produtos da pesca artesanal certificados, consultar onde podes adquirilos, coñecer as entidades certificadas e os restaurantes, peixerías e tendas online adheridas, visualizar as receitas e estar ao día das novas relacionadas coa marca.
Ademais, incorpora un sistema de xeorreferenciación que permite localizar nun mapa os diferentes axentes usuarios e adheridos da marca. A aplicación está dispoñible en galego e en castelán para dispositivos móbiles co sistema Android e IOS.
Anímate a descargala e aposta pola nosa pesca artesanal!

Foros Gastronómicos Galicia sabe Amar
pescadeRías, ¿de onde se non? estará presente nos cinco foros gastronómicos Galicia sabe Amar. As cidades de A Coruña, Vigo, Ourense, Lugo e Santiago de Compostela acollerán charlas, mesas redondas, obradoiros de cociña e degustacións ao longo do segundo semestre deste ano.
O primeiro foro celebrarase en Vigo o 7 de xullo coa temática saúde e benestar.
Preme aquí para ver o vídeo dos foros Galicia Sabe Amar.

Congreso AECOC
A Asociación de Fabricantes e Distribuidores (AECOC) celebrou en Baiona o seu 23º Congreso de Produtos do Mar os días 20 e 21 de xuño. Nesta edición, inaugurada polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, abordáronse temáticas como a baixada do consumo de produtos do mar, a adaptación da oferta aos hábitos de consumo, o impacto da economía azul e os beneficios do consumo de produtos do mar.
O encontro ofreceu aos profesionais espazos de networking nos que intercambiar ideas, compartir inquedanzas e explorar posibles proxectos de colaboración.

Summer Fancy Food Show
A Consellería do Mar estivo presente na feira Summer Fancy Food Show 2023 (SFFS) que se celebrou en Nova York do 25 a 27 de xuño.
As empresas certificadas pola marca pescadeRías, ¿de onde se non? Real Conservera Española S.L., Fish Factory S.L. (La Curiosa), O Percebeiro S.L. e Conservas La Brújula S.L. expuxeron os seus produtos no stand habilitado pola Consellería do Mar.
A Summer Fancy Food Show é a feira do sector de produtos gourmets máis grande de América do Norte e constitúe unha excelente plataforma para os profesionais da industria alimentaria.

Festa de Exaltación da Ameixa de Mugardos
A Confraría de Pescadores San Telmo de Mugardos celebrou o 1 de xullo a II edición da Festa de Exaltación da Ameixa de Mugardos. Esta iniciativa pretende amosar a calidade do produto que se extrae na ría.
A Lonxa de Mugardos está certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? para a comercialización de bivalvos e gasterópodos.

Corazón da Artesanía 2023
Do 7 ao 9 de xullo celébrase nos Pendellos de Agolada a décima edición do Corazón da Artesanía: Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia.
Máis de 50 artesáns e artesás de diferentes oficios e 30 expositores de produtos de alimentación participarán no evento organizado pola Fundación Pública Artesanía de Galicia.
pescadeRías, ¿de onde se non? estará presente no showcooking que realizará Jorge Gago de A Maceta o sábado 8 de xullo. Consulta o programa.

Festa da Vieira de Cambados
Entre o 14 e o 16 de xullo terá lugar unha nova edición da Festa da Vieira de Cambados no parque de Torrado, organizada pola Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados. Entre outras actividades, levaranse a cabo tres showcooking a cargo de Yolanda Martínez do restaurante Cocinandos de León, Xan Galbán do restaurante María Castaña de Santiago de Compostela e Alberto Castiñeiras do restaurante Jondal de Ibiza. Durante os tres días poderase degustar a vieira certificada de Porto de Cambados S.L.

Degustación popular en Lira
Un ano máis, a Confraría de Pescadores de Lira organiza a degustación popular de produtos da Reserva Mariña Os Miñarzos. A primeira cita terá lugar o sábado 22 de xullo no porto de Lira e a segunda celebrarase o sábado 5 de agosto. No evento poderanse degustar diferentes produtos procedentes da lonxa desta localidade, certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?. A degustación comezará ás 20.00 horas.

Entidade do mes: Frigoríficos de Camariñas
Frigoríficos de Camariñas S.L. é unha empresa familiar fundada no ano 1989 con sede en Camariñas e especializada nun só produto: o polbo.
Levan máis de 30 anos comercializando polbo conxelado cos máis altos estándares de calidade, procesos de produción e tecnoloxía.
Traballan con polbo capturado en diferentes caladoiros de todo o mundo, que se comercializan baixo distintas marcas, pero tamén apostan pola calidade do polbo da pesca artesanal galega. A empresa está certificada para cefalópodos dende o ano 2013.

Especie do mes: alcrique
O alcrique, Scomberesox saurus, é un peixe azul que se coñece tamén con outros nomes: alpabarda, paparda, chandarme, patagullo e patagullón.
Ten o corpo alongado, fino e comprimido, coas dúas mandíbulas estendidas en longos bicos provistos de dentes afiados. Ten o lombo gris azulado e o ventre prateado.
Captúrase con artes de cerco especialmente cando se achega ás costas a finais do verán e comezos do outono. De forma accidental, tamén a capturan os barcos adicados á sardiña.
Podes atopar máis información sobre esta especie aquí.

Accións formativas
Durante o mes de xuño realizaron formación en Hixiene Alimentaria e Manipulación de Alimentos o persoal da lonxa da Confraría de Pescadores de Vilaxoán.
Os Plans de Formación dos operadores da industria alimentaria establecen a frecuencia de formación na que o seu persoal debe actualizar os coñecementos en hixiene e boas prácticas de manipulación para diminuír os riscos para os alimentos.

Nova entidade adherida: restaurante DeLito
No mes de xuño adheriuse á marca o restaurante DeLito en Santiago de Compostela. Defínese como un espazo de cultura gastronómica, con produtos da terra e do mar apostando polos mellores estándares de calidade tanto en cada un dos pratos da carta como no trato coa clientela.
Nas súas instalacións pódense atopar peixes e mariscos certificados procedentes da pesca artesanal galega.

Certificacións
No mes de xuño renovaron a certificación a Confraría de Pescadores de Cedeira (Bivalvos, Crustáceos, Peixes e Cefalópodos) e a Lonxa de Ribeira (Bivalvos, Peixes, Cefalópodos, Crustáceos, Equinodermos e Gasterópodos).
Ademais, a depuradora Aurelio Silva Abalo S.L. tamén renovou a súa certificación para moluscos Bivalvos.
Dúas novas empresas, ubicadas no Porto de Muros, realizaron a auditoría inicial de certificación na marca: Pescados y Mariscos Areamaior S.L., para crustáceos e bivalvos, e Pesca artesanal Fresco y del Mar S.L. para peixe, bivalvos, cefalópodos e crustáceos.

Veda da centola
A veda da centola comezou o 24 de xuño nas provincias de Pontevedra e A Coruña e prolongarase ata o vindeiro 5 de novembro, incluído. Na provincia de Lugo a veda comezou o 3 de xullo e prolongarase ata o 27 de novembro.
Así o establece a resolución pola que se aproba o Plan de xestión da centola e do boi para a campaña 2023-2024, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Polbo, nécora e lumbrigante
O 3 de xullo comezou en Galicia a campaña extractiva do polbo e prolongarase ata a data de inicio da veda do ano 2024. Ver a resolución aquí.
Na mesma data rematou a veda do lumbrigante e a nécora. A extracción do lumbrigante prolongarase ata o 31 de decembro (ver orde reguladora aquí) deste ano e a da nécora ata o 5 de xaneiro de 2024 (ver orde reguladora aquí).

Plan de xestión coa arte de Boliche
Publicada a Resolución do 20 de xuño de 2023 pola que se autoriza o Plan de xestión coa arte de boliche entre os meses de xullo e outubro de 2023.
A especie obxecto de captura con esta arte de pesca é a lura e especies acompañantes, que deberán estar en época de extracción e superar o tamaño mínimo.

Detección de mareas vermellas
Este mes recollemos un artigo publicado orixinariamente na revista GCiencia no que se presenta unha nova metodoloxía con fotografías de Sentinel-2 para controlar as proliferacións de algas potencialmente nocivas, desenvolvida por investigadoras do CSIC.
Para saber máis, preme aquí.
Imaxe: Andrés Simón Gómez

A receita do mes
A sardiña (Sardina pilchardus) é un peixe azul de pequeno tamaño, alongado e esvelto, de cor azul verdoso e ventre prateado. Aporta proteínas de alto valor biolóxico e ácidos graxos Omega3, entre outras propiedades nutricionais.
Na pasada edición do Salón Salimat, Emma Pinal de Gastrobar O Birrán de Ribadavia en Ourense elaborou a preparación Sardiñas marinadas, queixo Cebreiro e mazá. Podes acceder á receita aquí.