Sorteo de verán pescadeRías de onde se non?

Chegou o verán e queremos celebrar a fidelidade da audiencia da marca nas redes sociais cun sorteo que se levará a cabo en Facebook e Instagram entre o 10 e o 21 de xullo.

Para iso sortearemos catro lotes de produtos de merchandising da campaña Galicia sabe Amar e da marca pescadeRías de onde se non?, composto de bolsa-mochila, mandil, botella, plato, abanico, libro de receitas, libreta, bolígrafo, abrebotellas, chaveiro, bolsa de algodón, identificador de maletas, bloc de notas e pegatinas. Dous dos lotes sortearanse en Facebook e os outros dous en Instagram.

Os resultados do sorteo publicaranse nas páxinas de Instagram e Facebook da marca, e no boletín de novas de agosto.

Bases do sorteo en Facebook aquí.

Bases do sorteo en Instagram aquí.

Busca o sorteo nas nosas redes a partir do 10 de xullo e participa!!


Obradoiros de cociña con algas

A Organización de Produtores do Marisco e Cultivos Mariños da Provincia de Pontevedra O.P.P.20 organizou durante o mes de xuño tres obradoiros de cociña con algas e mariscos que resultaron ser todo un éxito. Os obradoiros desenvolvéronse no chiringuito Coco Bao da Illa de Arousa, conducidos por Mariví Otero, cociñeira do propio local.

As persoas participantes tiveron a oportunidade de cociñar coas algas wakame e kombu, carneiro e navallas.

A OPP20 é entidade usuaria da marca pescadeRías de onde se non? e está certificada para bivalvos, algas, crustáceos e antozoos.

Sabores e Paladares Ibéricos

Participamos no evento XI Sessão Sabores e Paladares Ibéricos: Sustentabilidade na Fronteira Norte na sala de ámbito cultural de El Corte Inglés de Gaia, en Portugal.

Dentro do programa desta sesión, organizada por Vida Ibérica Lda., presentouse a campaña Galicia sabe Amar, a marca pescadeRías de onde se non? e as prácticas sustentables do sector pesqueiro artesanal galego. A presentación completouse cunha sesión de degustación conducida polas cociñeiras Emma Pinal e Susana Freita, onde se presentaron os produtos do mar galegos certificados, con maridaxe de viños das rexións do Turismo de Porto e Norte.

Podes ver aquí un vídeo do evento.

Summer Fancy Food Show Nova York

Do 23 ao 25 de xuño estivemos na 68ª edición da feira do sector gourmet Summer Fancy Food Show en Nova York, un dos eventos internacionais máis importantes da gastronomía especializada, organizado pola Specialty Food Association.

Acudiron máis de 2.300 fabricantes de alimentos e bebidas de élite procedentes de 56 países, entre eles sete empresas galegas do sector mar-industria, apoiadas pola Consellería do Mar e o ICEX.

Os produtos do mar certificados estiveron presentes na feira da man das seguintes empresas usuarias da marca: Conservas La Brújula S.L.Conservas Portomar S.L.HQ Seaweed S.L. e Fish Factory S.L.

Eventos gastronómicos

O mes de xullo vén cargado de eventos de exaltación dos produtos da pesca artesanal galega en distintos puntos da nosa xeografía. Apuntade:

Encontro Gastronómico Azul de Portosín, organizado pola Confraría de Pescadores de Portosín. 6 de xullo.

Festa do Polbo de Mugardos. 13 de xullo.

Festa da Vieira de Cambados. 19 ao 21 de xullo.

Degustación Popular Produtos da Reserva Mariña de Lira. 20 de xullo e 3 de agosto.

Festa da Xouba de Rianxo. 25 de xullo.

Festa do Percebe de Aguiño. 28 de xullo.

Formación a entidades usuarias

A formación en trazabilidade e seguridade alimentaria do persoal das entidades usuarias da marca é imprescindible para levar a cabo unha correcta xestión dos produtos certificados no día a día. O equipo técnico da marca encárgase de asesorar e impartir formación ás persoas implicadas no proceso de comercialización das entidades certificadas.

No mes de xuño impartiuse asesoramento e formación en hixiene e manipulación de alimentos e Análise de Perigos e Puntos de Control Crítico APPC a membros da plantilla das seguintes entidades certificadas pola marca: Lonxa de Ferrol, Lonxa de Baiona, Lonxa de Mugardos e Mariscos Calimar.

Obradoiros de emprego

Neste momento estanse a impartir distintos obradoiros de emprego de hostalaría ao longo da nosa xeografía. As persoas que se están a formar terán distintas responsabilidades no futuro á hora de tomar decisións relacionadas coa compra, deseño de menús, información ao cliente ou tratamento culinario dos produtos do mar.

No mes de xuño acudimos aos Obradoiros de Emprego de Hostalaría Vigo Capacita IX, O Salnés XV e Porriño Cualifica II para dar a coñecer aos futuros profesionais de cociña e restauración os produtos da pesca artesanal galega e a marca pescadeRías de onde se non? Tamén se levaron a cabo actividades de diferenciación de moluscos bivalvos.

Centenario da Confraría de Barallobre

A Confraría de Pescadores de Barallobre presentou en rolda de prensa os actos de celebración do centenario da fundación da confraría, que se levarán a cabo o 17 e 18 de agosto. Está programado un acto conmemorativo e unha homenaxe ás persoas socias. Paralelamente á celebración do aniversario, esa mesma fin de semana terá lugar a Festa do Marisco de Barallobre.

Os actos inclúen showcookings e degustacións de produtos certificados, actuacións musicais, actividades infantís e atraccións.

Podes ampliar esta información na nota de prensa e no cartel.

Certificacións e adhesións

No mes de xuño leváronse a cabo as auditorías de seguimento das lonxas xestionadas pola Confraría de Pescadores de Portosín (peixe), a Confraría de Pescadores Pedra da Oliveira de Vilaboa (bivalvos e cefalópodos); e da empresa de distribución e transformación Susión e Hijos S.L. (cefalópodos). Ademais, realizouse a auditoría de recertificación da lonxa e depuradora da Confraría de Pescadores de Ferrol (bivalvos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos e peixes).

Damos a benvida á marca a unha nova entidade adherida, a Peixería Mareas Vivas da Picota, Mazaricos, que ten como proveedores a entidades certificadas pola marca.

Aperturas e peches

Demos a despedida á campaña da centola, que estará en veda ata o 10 de novembro entre a desembocadura do Miño e Estaca de Bares, e ata o 1 de decembro entre Estaca de Bares e o Río Eo.

O 1 de xullo abriu a veda da nécora, lumbrigante e polbo, que xa están de novo nos mercados. Ademais, comezou a campaña do boliche entre Monte Louro e Cabo Silleiro, que ten como especie obxectivo a lura e durará ata o fin de outubro.

Preme aquí para descargar o plan da centola e do boi de mar 2024-2025.

Preme aquí para descargar o plan de xestión do boliche.

Cabra de altura/Escarapote de pedra

A cabra de altura (Helicolenus dactylopterus) e o escarapote de pedra (Scorpaena scrofa) son dous peixes que, aínda que gardan semellanzas nas formas, nos hábitos e nos hábitats, son especies diferentes.

A cabra de altura é de cor rosada con 4 a 6 liñas transversais brancas, e a aleta caudal recta; o escarapote de pedra é vermello ou vermello alaranxado, con pintiñas escuras na pel e a aleta caudal redondeada. Outros rasgos distintivos son escamas tubulares na liña lateral da cabra de altura, e apéndices e fenda na cabeza do escarapote de pedra.

Amplía aquí a imaxe.

Axudas

Está aberta a convocatoria da Consellería do Mar para o ano 2024, para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de axudas destinadas á realización de investimentos para pemes do sector transformador dos produtos da pesca e acuicultura que contribúan a fomentar unha pesca e acuicultura que contribúan á seguridade alimentaria na Unión, fomentando unha pesca e acuicultura sostibles dende unha perspectiva medioambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva.

O prazo remata o día 18 de xullo ás 23:59.

Máis información aquí.

A especie do mes: Acedía

Este mes a especie protagonista do noso boletín é a acedía (Dicologlossa cuneata), un peixe bentónico moi común no litoral galego.

O seu corpo é plano, xa que está comprimido lateralmente, de xeito que ten os dous ollos no lado dereito. Por esa cara é de cor castaña amarelada, e pola outra, a que está en contacto co sustrato, de cor branca. Ten uns pequenos puntos escuros na pel da cara dorsal. É unha especie de pequeño tamaño; os exemplares adultos adoitan medir entre 15 e 21 cm de lonxitude, aínda que poden chegar a 30 cm.

Para ver a ficha da especie, preme aquí.

A entidade do mes: Confraría de Pescadores de Vigo

A actividade das persoas socias da Confraría de Pescadores de Vigo céntrase na extracción de recursos específicos, marisqueo, artes menores e cerco.

A confraría xestiona a lonxa de Canido. No 2023 as principais especies por volume foron a navalla, o polbo e a ameixa babosa. A súa principal clientela son maioristas e restaurantes; ademais, contan con servizo de venda directa ao público na lonxa de Canido. Está certificada pola marca pescadeRías de onde se non? para a comercialización de bivalvos, cefalópodos, crustáceos, peixes, algas, antozoos e equinodermos.

Máis información aquí.

Poboacións de fitoplancto tóxico e acumulacion de toxinas en bivalvos

Este mes achegamos un artigo de Juan Blanco, Doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e investigador do Centro de Investigacións Mariñas.

O autor aborda un tema prioritario para o sector marisqueiro galego: as poboacións de fitoplancto tóxico e a acumulación de toxinas en bivalvos. O artigo describe os factores de desenvolvemento destas poboacións, o proceso de inxestión de células tóxicas por parte dos bivalvos, a presenza de toxicidade nos bivalvos e os condicionantes que inflúen na eliminación de toxinas.

Podes ler o artigo completo aquí.

A receita do mes

Este mes comeza a campaña do polbo (Octopus vulgaris) e propoñemos unha receita na que é o ingrediente protagonista. Trátase dunha proposta de Paula Martínez e Lolo Mosteiro, chefs do restaurante A Artesa da Moza Crecha de Betanzos, que podemos replicar na nosa casa para sorprender a familia e amizades.

Non vos deixedes amedrentar, é moito máis sinxela do que podería parecer a primeira vista. Só tedes que seguir os pasos da receita para obter un delicioso prato, moi fresco e acaído para esta época, que ademáis ten a vantaxe de elaborarse con anticipación.

Preme aquí para ver a receita completa.