Sorteo de Experiencia pescadeRías de onde se non?

En pescadeRías de onde se non? queremos compartir contigo o que nos fai únicos: o traballo honesto da xente do mar e uns produtos que nacen do respecto polo océano e polo saber facer de xeracións enteiras.

Por iso organizamos o sorteo dunha experiencia para dúas persoas que inclúe a visita a unha entidade certificada nas Rías Baixas, onde poderás achegarte á pesca artesanal galega, e unha cata de produtos do mar que falan por si sós.

Un premio para achegarte á orixe, á confianza e á calidade que identifican a pesca artesanal galega.

Participa nas nosas redes sociais (Facebook e Instagram) ata o 14 de xaneiro e descubre por que pescadeRías de onde se non? é sinónimo de mar, territorio e confianza.

Consulta as bases do sorteo en Facebook aquí.

Consulta as bases do sorteo en Instagram aquí.

Actividades co CIFP Carlos Oroza

Estivemos no Espazo Oroza da Praza de Abastos de Pontevedra co alumnado do ciclo de Dirección de Cociña do CIFP Carlos Oroza para desenvolver unha actividade práctica centrada no coñecemento dos produtos do mar. Durante a xornada visitamos os postos de peixes e mariscos da praza e abordamos o recoñecemento e a diferenciación de especies de peixes e mariscos, así como a identificación do sexo nos crustáceos.

O alumnado afondou tamén na interpretación da información das etiquetas, con atención á trazabilidade, á orixe do produto e ás garantías de seguridade alimentaria. A actividade permitiu achegar aos futuros profesionais da cociña á realidade da praza e ao valor do produto fresco. Reforzouse así a importancia de coñecer en profundidade o que se cociña para tomar decisións responsables, informadas e aliñadas coa calidade e a sustentabilidade do sector.

Feiras internacionais en xaneiro

Este mes de xaneiro, a Consellería do Mar reforzará a promoción internacional dos produtos do mar galegos en tres feiras de referencia. Do 11 ao 13 de xaneiro participará na Winter FancyFaire* 2026, en San Diego, xunto a catro empresas galegas, entre elas Costas y Miñán S.L.

Do 26 ao 30 de xaneiro os produtos da pesca artesanal galega estarán presentes na Gulfood 2026, en Dubai, con dous espazos diferenciados: Seafood, con seis empresas, e World Food, con 14 entidades, entre as que se atopan Conservas La Brújula S.L., El Percebeiro S.L. e Conservas Portomar SLU.

Ademais, do 26 ao 28 de xaneiro, 15 empresas participarán no stand institucional en Madrid Fusión, incluídas as empresas certificadas Mariscos Daporta S.L., Costas y Miñán S.L., Artesa Rías Baixas S.L., HQ Seaweed S.L., Fish Factory S.L. e El Percebeiro S.L.

Tripulación pescadeRías: Alberto Ribas-Alvientooo

Comezamos o ano en Tripulación pescadeRías acompañando a Alberto Ribas nunha xornada de compras na Praza de Abastos de Pontevedra, onde a elección do produto e o contacto directo cos praceiros e praceiras son parte esencial da experiencia.

Creador de contidos de gastronomía e turismo e autor do blog Alvientooo, Alberto comparte connosco os seus criterios á hora de mercar, que produtos escolle e en que detalles se fixa para dar forma ás súas receitas. A visita complétase cunha elaboración culinaria no Espazo Oroza, onde prepara unhas albóndegas de choco aprendidas de Ricardo Fernández, cociñeiro e profesor no CIFP Carlos Oroza. A receita xa está dispoñible na sección A receita do mes deste boletín.

Preme aquí para ver o vídeo.

Formación a entidades certificadas

En decembro impartiuse na lonxa de Baiona o curso de Hixiene alimentaria e manipulación de alimentos dirixido ao seu persoal. Esta acción formativa enmárcase no compromiso coa calidade e coa correcta xestión dos produtos do mar certificados baixo o selo pescadeRías de onde se non?

 A actualización continua en materia de trazabilidade, hixiene e seguridade alimentaria resulta un requisito clave para garantir a confianza do consumidor e o cumprimento da normativa vixente. A formación permitiu reforzar coñecementos prácticos sobre boas prácticas, control sanitario e manexo adecuado do produto na primeira venda. O equipo técnico da marca imparte este tipo de cursos ás entidades certificadas como parte do seu labor de acompañamento, mellora continua e posta en valor da pesca artesanal galega.

Nova entidade certificada

A Organización de Produtores Pesqueiros OPP-95 Noia superou recentemente o proceso de auditoría inicial e quedou certificada como entidade usuaria da marca de calidade pescadeRías de onde se non? para a xestión da depuradora de bivalvos de Testal, en Noia.

A OPP-95 Noia foi creada pola Confraría de Pescadores de Noia co obxectivo de reforzar a xestión colectiva da actividade pesqueira e a comercialización dos seus produtos, e asume agora a xestión da depuradora, anteriormente a cargo da confraría.

A certificación da OPP-95 garante a continuidade dos criterios de funcionamento, control e seguimento esixidos pola marca na xestión das instalacións e na comercialización dos bivalvos.

Restaurantes adheridos

Rematamos o ano cunha campaña de adhesión de restaurantes á marca pescadeRías de onde se non? nas comarcas de Ferrolterra, A Coruña e Santiago de Compostela, o que reforza a visibilidade dos produtos da pesca artesanal galega no ámbito da restauración.

Damos a benvida ao Restaurante Sinxelo e ao Restaurante Modesto de Ferrol; A Rampa do Solpor (Mugardos), Hotel Restaurante A Roldana (Narón), Restaurante Licar e Restaurante Pepecho de Sada, Fogar do Santiso (A Coruña) e á Barra de Mercado O Testo (Santiago de Compostela).

Agradecemos a súa aposta por dar visibilidade a un produto local con garantía de frescura, orixe e trazabilidade, xunto cunha oferta gastronómica comprometida co territorio e co mar.

Peche de campañas

O pasado 5 de xaneiro pechouse a campaña da lagosta (Palinurus elephas), a nécora (Necora puber) e o santiaguiño (Scyllarus arctus), tres especies emblemáticas que volverán progresivamente aos mercados ao longo do ano: a lagosta o 1 de abril, a nécora o 1 de xullo e o santiaguiño o 1 de outubro.

Durante a campaña da nécora comercializáronse 81 toneladas, cun valor próximo aos dous millóns de euros. As lonxas de Vigo, A Coruña, Ribeira, O Grove e Cangas concentraron o 65% do volume de primeira venda.

No caso do santiaguiño, nos seus tres meses de campaña capturáronse 850 quilos, cunha facturación de 105.000 euros. O prezo medio en lonxa foi de 123 euros por quilo, acadando máximos de 280 euros.

Especie do mes: a cornicha

Recoñecible pola súa cuncha branca de forma oval tirando a triangular, a cornicha (Spisula solida) captúrase principalmente mediante marisqueo a flote co raño, e adoita aparecer asociada á ameixa babosa e á rubia. En determinadas zonas tamén pode recollerse a pé con ganchas.

O seu prezo nos mercados é máis económico que o doutras especies como a rubia, a babosa ou a xapónica, polo que é unha excelente opción para axustar o orzamento da cesta da compra.

Na cociña ofrece múltiples posibilidades: en fresco encaixa perfectamente cunha salsa mariñeira tradicional, en empanada ou guisada con patacas. Tamén resulta moi saborosa acompañando pastas ou fabas.

Podes ampliar aquí a información.

Entidade do mes: Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño

A Confraría de Pescadores de Carreira – Aguiño, fundada no ano 1924, é unha das entidades históricas do sector pesqueiro galego e un referente na posta en valor dos produtos do mar.

Certificada pola marca pescadeRías de onde se non? desde 2008, a súa certificación abrangue crustáceos, bivalvos e equinodermos. No ano 2025, o principal recurso comercializado por volume foi o ourizo, con 60 toneladas capturadas, seguido da navalla, o percebe e a ameixa babosa. Por importe de vendas, o percebe destacou como o recurso máis relevante, cunha facturación próxima aos 950.000 euros, que representou o 34% da recadación total.

Cada mes de xullo, a confraría organiza a tradicional Festa do Percebe de Aguiño, unha cita clave para achegar este produto de alta calidade ao público.

O artigo do mes: Ferramentas para o coidado dos bancos de marisqueo

Achegámonos á evolución das tarefas asociadas ao marisqueo na Ría de Pontevedra a través da experiencia de Andrés Simón, Asistencia Técnica da Lonxa de Campelo AIE, Miguel Prado, patrón da embarcación Lonxa de Campelo, e Iban Cortegoso, mariñeiro da mesma embarcación.

O artigo analiza como a innovación e a mecanización poden convivir cun modelo extractivo tradicional, socialmente sostible e profundamente vencellado ao territorio. A partir do traballo desenvolvido nas confrarías de Pontevedra, Lourizán e Raxó, os autores expoñen retos ambientais, solucións técnicas e resultados concretos que amosan que é posible avanzar sen renunciar á esencia do marisqueo galego.

Podes ler o artigo completo aquí.

A receita do mes: albóndegas de choco

Este mes achegámonos á cociña da man de Alberto Ribas, creador de contidos de gastronomía e turismo e autor do blog Alvientoooo. Alberto convídanos a preparar unha receita con sabor a mar e moita personalidade: unhas albóndegas de choco que aprendeu do cociñeiro e profesor de cociña Ricardo Fernández.

Apaixonado por experimentar e saír do convencional, Alberto aposta polo choco como un dos seus ingredientes estrela, pola súa versatilidade e pola súa fonda ligazón coa nosa cociña mariñeira. Unha proposta sinxela pero chea de matices, perfecta para poñer en valor os produtos da pesca artesanal galega e gozar do mar na mesa.

Pon o mandil e anímate a cociñar estas albóndegas. Podes ver a receita completa aquí.