
Entregáronse os premios do sorteo de verán de pescadeRías de onde se non?
As gañadoras do sorteo de verán de pescadeRías de onde se non?, celebrado durante o mes de agosto nas nosas redes sociais, xa teñen os seus premios.
Lola González, gañadora do sorteo realizado en Facebook, e Ángela Barrán, premiada entre as persoas participantes en Instagram, recibiron cadanseu lote de agasallos da marca.
Con esta iniciativa quixemos agradecer a participación e a fidelidade da comunidade que nos acompaña nas redes sociais e, ao mesmo tempo, seguir dando a coñecer pescadeRías de onde se non? e os valores que representa.
Durante todo o ano, as nosas canles en Facebook e Instagram achegan información sobre as especies que se capturan nas nosas rías, receitas de cociña, entidades certificadas pola marca, actividades de promoción e divulgación, e o traballo das persoas que forman parte da pesca artesanal galega.
Moitas grazas a todas as persoas que participastes no sorteo e parabéns a Lola e Ángela!
De cinema, no MAC Marín
pescadeRías de onde se non? participou na Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín – MAC Marín cunha degustación de produtos certificados da pesca artesanal galega. O evento celebrouse no Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria – Parque Azul de Marín.
O sargo, a ameixa rubia e as navallas foron os protagonistas da proposta gastronómica. Os produtos foron subministrados polas empresas certificadas Mariscos Comesaña S.L., no caso do peixe, e Mares de Galicia S.A., no dos bivalvos.
A actividade contou coa participación de profesionais do sector audiovisual procedentes de Galicia, País Vasco, Cataluña, Brasil, Arxentina, Francia, Canadá e Reino Unido, que tiveron a oportunidade de coñecer e degustar produtos amparados pola marca.
Máis de 4.000 racións nas Xornadas Gastronómicas de Corcubión
As Xornadas Gastronómicas da Confraría de Pescadores de Corcubión pecharon a súa terceira edición cunha participación récord e máis de 4.000 racións servidas durante a fin de semana do 21 ao 23 de agosto.
O polbo á feira foi a proposta máis demandada, xunto coas croquetas de polbo e a empanada de millo de sardiña, novidade desta edición. A programación incluíu tamén tres showcookings, que completaron as prazas dispoñibles, unha charla sobre a importancia do polbo para a confraría e obradoiros infantís de ciencia mariña.
Unhas xornadas que combinaron gastronomía e divulgación para poñer en valor os produtos da lonxa e, especialmente, o traballo diario da xente do mar. Podes ver un resumo do mellor das xornadas aquí.
Showcooking no FICBUEU
O sábado 12 de setembro, os produtos da pesca artesanal galega estarán presentes no Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) cun showcooking e un obradoiro de degustación a cargo de Gloria Domecq Cátering.
O bonito do Atlántico, o xurelo, o polbo, a pescada e os chocos serán as especies protagonistas das diferentes elaboracións, nunha actividade que permitirá achegar aos asistentes a variedade, calidade e versatilidade dos produtos certificados pola marca pescadeRías de onde se non?
A cita contará con convidados nacionais e internacionais chegados de Portugal, China, Rusia, Canadá, Irán, Arxentina e Francia, que poderán coñecer e degustar diferentes produtos amparados pola marca e descubrir as súas posibilidades gastronómicas.
Estaremos en Auténtica Sevilla
Un total de 12 empresas de produtos do mar participarán como coexpositoras no stand da Consellería do Mar en Auténtica Sevilla, que se celebra os días 14 e 15 de setembro.
Entre elas estarán tres entidades certificadas coa marca pescadeRías de onde se non?: El Percebeiro, S.L., a Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre e Costas y Miñán, S.L.
A súa participación permitirá dar visibilidade aos produtos do mar galegos e aos valores de orixe, calidade e sustentabilidade que os caracterizan. O encontro facilitará, ademais, o contacto con profesionais da restauración e da gastronomía e abrirá novas oportunidades de comercialización.
Formación para futuros profesionais da hostalaría
En setembro e outubro continuaremos a achegar a marca pescadeRías de onde se non? aos futuros profesionais da hostalaría con dúas novas actividades formativas.
O 29 de setembro, o alumnado do Obradoiro de Hostalaría do Salnés, de Sanxenxo, visitará a praza de abastos de Portonovo e participará nunha charla e nun taller práctico de diferenciación de moluscos.
O 2 de outubro será a quenda do Obradoiro de Hostalaría Marín II, cunha sesión sobre a marca, os seus requisitos, as artes de pesca e os produtos que poden certificarse. A actividade completarase cun taller de diferenciación de moluscos.
Nova edición de #OMarEnTapas
Os días 12 e 13 de setembro, A Illa de Arousa acolle a IV edición de #OMarEnTapas, unha proposta da OPP20 para percorrer diferentes establecementos da localidade e gozar dos produtos do mar a través da gastronomía.
Nesta ocasión, a ameixa rubia e as algas serán as protagonistas das tapas elaboradas polos locais participantes, que poderán degustarse ao mediodía durante as dúas xornadas.
A iniciativa inclúe tamén un concurso: o público poderá puntuar as tapas e participar no sorteo de 2 kg de Marisco de A Illa. A proposta máis valorada recibirá o recoñecemento á mellor tapa desta cuarta edición.
Máis información aquí.
Entidades usuarias da marca
Durante o pasado mes de agosto realizáronse novas auditorías de seguimento e recertificación de entidades usuarias da marca pescadeRías de onde se non?
Mariscos Inés S.L., certificada desde 2017 como depuradora, centro de expedición e distribuidora, superou a súa auditoría de seguimento. A certificación abrangue bivalvos, gasterópodos, crustáceos, cefalópodos, peixes e equinodermos.
Pola súa banda, a Confraría de Pescadores de Porto do Son, usuaria do selo desde 2021, pasou a auditoría de recertificación para bivalvos, crustáceos, peixes, cefalópodos e equinodermos. Ademais, ampliou a súa certificación ás algas, incorporando este novo grupo de produtos ao alcance do selo.
Novo membro da Tripulación pescadeRías: Iago Conde
Este mes incorporamos á Tripulación pescadeRías a Iago Conde, director comercial e de marketing de Real Conservera Española S.L.
Falamos con Iago do seu traballo, da importancia das marcas e da evolución das conservas artesanais de peixes e mariscos, que pasaron de ser consideradas un formato case de supervivencia a ocupar un lugar destacado na gastronomía e ser consideradas hoxe un produto premium.
Tamén descubrimos como se elaboran estas conservas, o valor da materia prima procedente da pesca artesanal galega e o latoturismo como unha nova forma de achegarse á tradición e á cultura conserveira galega. A reportaxe, aquí!
A especie do mes: caramuxo
O caramuxo (Littorina littorea) é un pequeno molusco gasterópodo que vive sobre fondos rochosos, desde a zona intermareal ata os 40-50 metros de profundidade. A súa captura realízase a pé durante a baixamar, coa axuda de rasquetas ou coitelos, e está regulada polos plans de explotación de marisqueo.
Moi apreciado como aperitivo, consómese habitualmente cocido e a súa carne extráese da cuncha coa axuda dun alfinete. Ademais, o caramuxo forma parte da nosa cultura gastronómica desde hai séculos: atopáronse cunchas desta especie en xacementos castrexos.
Descubre na nosa ficha máis curiosidades sobre o caramuxo, as súas propiedades nutricionais e como consumilo. Podes consultala aquí.
Entidade do mes: Frigoríficos Moldes
Este mes destacamos Frigoríficos Moldes S.L., empresa certificada desde 2015 co selo pescadeRías de onde se non? para a transformación de cefalópodos.
O seu produto estrela é o polbo conxelado, que comercializa baixo a marca Congelados La Marina. O produto envásase respectando a súa calidade e frescura, sen ningún tipo de aditivos.
Desde as súas instalacións en Pontevedra, Frigoríficos Moldes abastece diferentes canles de comercialización, como hostalaría e restauración, tendas, cadeas de supermercados e colectividades.
A certificación permite que os cefalópodos amparados pola marca manteñan a súa identificación e trazabilidade ao longo da cadea de comercialización. Deste xeito, as persoas consumidoras poden coñecer a procedencia dos produtos do mar no momento de facer as súas compras.
Concurso da Empanada Mariñeira de Portonovo
O domingo 20 de setembro, a Lonxa de Portonovo acollerá o Concurso da Empanada Mariñeira, unha iniciativa que busca poñer en valor os produtos da pesca local e a súa tradición gastronómica. O concurso celébrase no marco da VIII Festa da Empanada Mariñeira que organiza a Confraría de Pescadores de Portonovo.
As empanadas deberán ter como ingrediente principal peixes, moluscos ou mariscos da ría amparados pola marca pescadeRías de onde se non? e poderán elaborarse con masa de trigo, millo ou en timbal.
A inscrición é gratuíta e estará aberta ata o propio domingo ás 17:00 h no punto de información instalado na lonxa.
Consulta as bases e o programa aquí.
A receita do mes: xurelo afumado sobre auga de tomate, cogombro e aceite de alfábega
O xurelo é o protagonista da receita deste mes, unha proposta fresca e sorprendente que Alejandro Iglesias, de Alex Iglesias Gastro (Lalín), presentou na última edición do Salón Gourmets.
O prato combina xurelo afumado en frío cunha delicada auga de tomate, dados de cogombro, raviños, algas e gromos de fiúncho ou aneto. O toque final pono un aceite de alfábega que achega cor, aroma e frescura ao conxunto.
Unha elaboración que aproveita a intensidade e a textura dun dos nosos peixes azuis máis apreciados e o combina con ingredientes frescos para conseguir un prato lixeiro, equilibrado e moi saboroso.
Consulta a receita completa aquí e anímate a preparala na casa!

