As Xornadas Gastronómicas da Confraría de Pescadores de Corcubión pecharon a súa terceira edición cunha participación récord e máis de 4.000 racións servidas durante a fin de semana do 21 ao 23 de agosto.
O polbo á feira foi a proposta máis demandada, xunto coas croquetas de polbo e a empanada de millo de sardiña, novidade desta edición. A programación incluíu tamén tres showcookings, que completaron as prazas dispoñibles, unha charla sobre a importancia do polbo para a confraría e obradoiros infantís de ciencia mariña.
Unhas xornadas que combinaron gastronomía e divulgación para poñer en valor os produtos da lonxa e, especialmente, o traballo diario da xente do mar.