Campaña Da túa praza á casa

Todos os días os/as profesionais do comercio minorista poñen a disposición do consumidor/a peixe e marisco fresco procedente da pesca artesanal e local de excelente calidade e frescura. Moitas das peixerías realizan ademais, servizos de envío e de reparto a domicilio, facilitándonos as compras na situación actual que estamos a vivir como consecuencia da pandemia. Por iso, a marca pescadeRías, ¿de onde se non? pon en marcha a campaña Da túa praza á casa en redes sociais para poñer en valor o traballo dos/as profesionais das prazas de abastos e peixerías adheridas ao selo e promover o consumo de produtos da pesca artesanal. Nos próximos días publicaremos os establecementos adheridos de cada localidade para facilitar as vosas compras.

Aposta polo peixe e marisco da pesca artesanal.


Concurso Postal de Nadal 2020

A marca pescadeRías, ¿de onde se non? pon en marcha o concurso de fotografía para elixir a Postal de Nadal deste ano, onde o protagonista será o patrimonio marítimo pesqueiro galego. As imaxes deben amosar e poñer en valor os oficios do mar e/ou contar a historia do traballo e do bo facer dos homes e mulleres que viven da pesca artesanal en Galicia. O prazo de presentación de imaxes remata ás 23:59 horas do 17 de decembro. A persoa gañadora recibirá un lote de conservas certificadas.

Preme aquí para coñecer os pasos a seguir e as bases do concurso.

Asociación de Cociñeiros de Lugo

O 17 de novembro  tivo lugar un encontro con membros da xunta directiva da Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo. Durante o mesmo, coñecéronse os obxectivos da Asociación e realizouse unha presentación da marca pescadeRías, ¿de onde se non?,  do papel da restauración dentro da mesma e da súa alianza coa ecoetiqueta Pescaenverde.

Dispor de información sobre o selo é de interese e unha oportunidade para o sector da restauración pola súa condición de prescriptores de produtos procedentes da pesca artesanal.

Seatraces: tras a pista do peixe

Un de cada cinco peixes está mal etiquetado. Así o plasma o documental do proxecto Seatraces Exhibition – Tras a pista do peixe.

SEATRACES é un proxecto de investigación liderado polo Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) e financiado por Interreg Espacio Atlántico, destinado a demostrar a importancia do etiquetado e a trazabilidade como ferramentas para protexer e poñer en valor aos produtos do mar. Neste proxecto participa a marca pescadeRías, ¿de onde se non?. Descubre SEETRACES no seguinte vídeo.

World’s 101 Best Canned Fish

Real Conservera Española e Conservas La Brújula, empresas certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, foron recoñecidas por World’s 101 Best Canned Fish, no top 10 do ránking das 101 Mellores Conservas do Mundo.

As chaves do seu éxito baséanse na selección de produtos de excelente calidade, a elaboración artesanal das súas conservas e unha presentación e innovación continua.

Parabéns polo recoñecemento ao bo traballo!!

Aperturas e peches

O pasado 23 de novembro comezou a campaña extractiva da ostra plana (Ostrea edulis) na Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia e o 29 de novembro rematou a veda da centola e o boi entre o Cabo de Estaca de Bares e a desembocadura do Río Eo. Por outra banda,  a mediados do pasado mes, rematou a campaña da zamburiña (Chlamys varia) na Ría de Ferrol.

Publicada a RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2020 pola que se autoriza o Plan de xestión de pesca coa arte de bou de vara e a arte de rapeta ou bou de man.

Catálogo da Biodiversidade Mariña

A Rede de Observación da biodiversidade mariña e pesqueira de Galicia e Cantábrico (DIVERSIMAR) ven de lanzar un Catálogo da Biodiversidad Marina de Galicia e Cantábrico. A información de cada especie sintetízase nunha ficha na que, ademais dunha imaxe, aparece a clasificación taxonómica, nome científico, código FAO, nome común e nome oficial comercial, denominación noutros idiomas, así como unha breve descrición, artes coas que se captura, tamaño mínimo, e distribución espacial.

Podes consultalo premendo aquí.

Nova tenda on line adherida

A Cooperativa Ría de Arosa, entidade certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, estrea nova canle de venta dos seus produtos, permitindo a particulares acceder aos mesmos sen moverse do seu domicilio.

Visita a súa tenda on line premendo aquí ou mira nesta ligazón un vídeo no que presentan esta iniciativa. 

Nova peixería adherida

Contamos cun novo establecemento adherido a o selo pescadeRías, ¿de onde se non?. A peixería Da Lonxa ao Prato, situada na Pobra do Caramiñal, ofrece diariamente á súa clientela peixe, cefalópodos e marisco, procedentes da Lonxa de Ribeira.

Damos a benvida a iniciativas como esta que apostan polo produto local.

Novos restaurantes adheridos

En Cedeira, o restaurante El Náutico, con máis de 75 anos no sector, ofrece unha cociña tradicional e sinxela con produtos de primeira calidade.

En Rianxo, na taberna tradicional Curral do Marqués, atopamos unha cociña de autor, con produtos locais e de tempada. En días solleiros, podemos ademais desfrutar da súa ampla terraza no xardín.

Accións formativas

En novembro, impartiuse formación en Hixiene Alimentaria e Manipulación de Alimentos e en Sistemas APPCC nas Confrarías de Pescadores de Pontedeume e Redondela, así como na empresa certificada HQ Seaweed S.L.

Un dos requisitos esixidos pola marca pescadeRías, ¿de onde se non? é que os establecementos conten cun sistema APPCC implantado, garantindo así o cumprimento de todos os requisitos hixiénico-sanitarios establecidos pola lexislación vixente. Así mesmo, todo o persoal manipulador, ou con responsabilidades no sistema APPCC, debe recibir a formación correspondente de xeito regular.

Convocatoria de PERMEX

Publicada a RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2020 da Xefa Territorial da Consellería do Mar en Vigo pola que se convoca o proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación de percebe a pé da confraría de a Guarda. O número de prazas ofertadas é de 4. Podes acceder a toda a información premendo aquí.

O plan de xestión do recurso percebe na modalidade a pé da Confraría de A Guarda, contempla un número máximo de 50 permisos de explotación, cun tope de 4 quilos netos de percebes por persoa e día. A Lonxa de A Guarda está certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? para todos os grupos biolóxicos que comercializa.

Explotación sostible de macroalgas

As macroalgas, ademais de ser un compoñente fundamental dos ecosistemas mariños, ofrecen un gran abanico de usos e aplicacións. Na actualidade están sometidas a diferentes riscos, polo que as súas poboacións deben ser xestionadas de xeito adecuado. Premendo aquí, podes acceder a un artigo sobre a súa explotación sostible do Doutor Manuel García Tasende, investigador no CIMA e investigador principal do Proxecto ALGA.

A receita do mes

O escacho (Trigla spp.) é un peixe branco habitual na pesca artesanal, cheo de sabor a mar e apreciado na cociña, especialmente se son de bo tamaño. Pode ser unha orixinal opción para incorporar no noso menú de Nadal.

A nosa receita deste mes, Escacho e soia cítrica, é unha proposta de Alberto Carou Iglesias, chef do restaurante Curral do Marqués, en Rianxo. Preme aquí para acceder a ela.