pescadeRías na 36 Edición do Salón Gourmets

Do 17 ao 20 de abril celebrouse en Madrid a 36 Edición do Salón de Gourmets. A Consellería do Mar estivo presente cun stand institucional xunto con 23 empresas coexpositoras entre as que se atopaban as seguintes entidades certificadas: Conservas La Brújula, S.L.Fish Factory, S.L.Conservera Gallega, S.A.Real Conservera Española, S.L.El Percebeiro, S.L.Porto – Muíños, S.L. A empresa certificada Conservas Portomar, S.L.U. tamén participou na feira con stand propio.

Os produtos pescadeRías, ¿de onde se non? estiveron presentes en diferentes catas celebradas no Espazo Degustación do stand: ourizo, choco e algas en «Suculento Tesouro Atlántico», con Emma Pinal de Gastrobar O Birrán de Ribadavia; polbo e pinto en “pescadeRías: A Despensa da Pesca Artesanal”, a cargo de Criselda Iglesias da Taperia Lecer de Cangas; rodaballo e navallas en “pescadeRías: de Proximidade e con Selo Propio” capitaneado por Héctor López, do Restaurante España de Lugo; sardiñas e xardas en “pescadeRías: Azul de Portosín” coa colaboración da Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín; e, para rematar, ameixón, carneiro e cornicha en “pescadeRías: Especies Descoñecidas», coa colaboración de El Percebeiro, S.L.

Premendo aquí podes ver un vídeo do noso paso pola feira.


Galicia Market Place

O 21 de abril, no marco da 7ª edición de Galicia Market Place, tivo lugar na sede do Circulo de Empresarios de Galicia en Vigo unha xornada adicada ao mar baixo o título «Construír un futuro para o sector marítimo pesqueiro de Galicia, como o facemos?». Chocos, vieiras e pescada certificados polo selo pescadeRías estiveron presentes no almorzo coloquio Posta en valor da despensa azul para unha alimentación saudable, que tivo como invitada á conselleira do Mar, Rosa Quintana. Así mesmo, as empresas certificadas Mariscos Comesaña, S.L., Insuapesca S.L. e HQ Seaweed, S.L. participaron no evento. Aquí podes ver unhas fotos.

Empresa do mes: Conservas La Brújula, S.L.

Conservas La Brújula, S.L. está certificada na marca pescadeRías. ¿de onde se non? dende o ano 2009 para os grupos biolóxicos bivalvos, cefalópodos, equinodermos e peixe. As súas conservas elabóranse de xeito artesanal, sen aditivos artificiais e con ingredientes naturais cociñados a lume baixo. Contan coas máis avanzadas tecnoloxías ao servizo da calidade e soamente utilizan como materia prima mariscos e peixes procedentes da pesca artesanal, nunha comprometida aposta polo produto de proximidade e capturado de xeito sustentable.

Especie do mes: bocarte

O bocarte é un peixe azul de corpo fino e alongado, cabeza pequena, ollos grandes, lombo de cor azul e costados de cor prata. O seu tamaño habitual oscila entre os 12 e os 15 cm. Esta especie peláxica e gregaria achégase no verán á costa para o desove onde é capturada de xeito artesanal con redes de enmalle ou coa arte do cerco.

Ademais de fresco, atopámolo no mercado en conserva ou semiconserva. Se queres descubrir os importantes valores nutricionais e outras curiosidades sobre este pequeno peixe, preme aquí para ver unha ficha.

Accións formativas

O pasado 13 de abril, mariscadoras e mariscadores a pé e o persoal da Confraría de Pescadores de Mugardos recibiron un curso de formación sobre «Hixiene e Manipulación de Produtos Pesqueiros e Marisqueiros».

A Lonxa de Mugardos está certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? dende o ano 2008 para a comercialización de moluscos bivalvos e dende o ano 2018 para a comercialización de moluscos gasterópodos.

Novas adhesións

En abril contamos con dúas novas entidades adheridas ao selo pescadeRías, ambas en Ferrol.

Café Vanessa ofrece á súa clientela unha ampla variedade de tapas, tanto no seu local como a domicilio, entre as que destaca o pastel de cabracho.

Por outra banda, Carrefour Ferrol aposta polo produto local ofertando na súa peixería produtos certificados adquiridos principalmente na Lonxa de Ferrol.

Certificacións

En abril, a empresa Artesa Rías Baixas, S.L. certificouse no selo pescadeRías para os grupos biolóxicos bivalvos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos e peixes. Pola súa banda Conservas Portomar, S.L.U. (bivalvos, equinodermos e peixe) e a Confraría de Pescadores de Malpica (cefalópodos, crustáceos, equinodermos, antozoos e peixe) renovaron a súa certificación na marca. A Confraría de Pescadores de Redondela (bivalvos, cefalópodos, crustáceos e peixe) superou unha auditoría de seguimento.

Vieira e zamburiña na ría de Ferrol

No mes de maio remata a campaña da vieira na ría de Ferrol, que comezara o pasado 6 de marzo. Os puntos de descarga desta especie son as lonxas de Ferrol e Barallobre e a súa evisceración é realizada polas empresas autorizadas Vieiras de Ferrol, S.L. e Artesa Rías Baixas, S.L. As 4 entidades están certificadas polo selo pescadeRías. Por outra banda, o día 5 de maio comeza a campaña da zamburiña na ría.

Fin da campaña do ourizo

Como cada ano, en abril rematou a tempada para a captura de ourizo nas nosas costas, determinada polo ciclo biolóxico desta especie. A demanda deste equinodermo rico en vitamina A e aminoácidos esenciais é cada vez maior.

De outubro de 2022 a abril de 2023, o ourizo alcanzou prezos máximos de 23 €/kg e prezos medios de máis de 14 €/kg en primeira venta.

Inicio da veda do polbo

O vindeiro 19 de maio comezará a veda do polbo en Galicia que durará ata o día 3 de xullo.

A captura desta especie en Galicia regúlase mediante plans experimentais de xestión pactados cada ano entre o sector e a Consellería do Mar nos cales especifícanse cotas de captura, tamaños mínimos e períodos de veda.

Seafood Expo Global Barcelona

Entre o 25 e o 27 de abril celebrouse en Barcelona a 29º edición da Seafood Expo Global. Nesta importante feira internacional, plataforma de encontro entre provedores e compradores do sector alimentario, a Consellería do Mar estivo presente cun stand institucional, acompañada das empresas certificadas Mariscos Daporta, S.L., El Percebeiro, S.L. e Mares de Galicia S.A.

Expomar Burela

Do 10 ao 13 de maio, celebrarase en Burela unha nova edición de EXPOMAR. Durante estas tres xornadas, terán lugar nesta localidade a XIX Feira Monográfica Náutico-Pesqueira, as XXX Xornadas Técnicas, importante foro de debate de temas de actualidade para o sector pesqueiro, así como o XIV Encontro Empresarial de Organizacións Profesionais de Armadores.

Inscrición na feira Salimat-A Banca

Entre o 8 e o 11 de xuño terá lugar en Silleda a 26º edición do Salón de Alimentación do Atlántico, SALIMAT – ABANCA. A organización da feira ofrece ás empresas do sector de produtos do mar de Galicia estar presentes cun stand de 6 metros cadrados. Premendo aquí podes acceder ao boletín de participación e premendo aquí podes acceder ao dossier da feira.

Unidade de Patoloxía do Intecmar

A misión principal da Unidade de Patoloxía do Intecmar é o coñecemento do estado de saúde (estado zoosanitario) dos principais moluscos bivalvos comerciais en Galicia, a través dunha rede de control baseada en analizar mostras de puntos fixos das zonas de produción ao longo do ano. En 2017 publicaron o Atlas de Histopatoloxía de Moluscos Bivalvos Mariños, sendo este na actualidade un documento de referencia en laboratorios de patoloxía de moluscos de todo o mundo, con máis de 1500 consultas na rede social de investigadores ResearchGate. Preme aquí para acceder a un artigo sobre esta Unidade.

A receita do mes

O sargo común é un peixe semigraxo que, a nivel nutricional, apórtanos proteínas de alto valor biolóxico, ácidos graxos omega 3, vitaminas do grupo B e numerosos minerais entre os que destaca o selenio, que fortalece o sistema inmune.

Maica Couto e Diego Domínguez (A Ostrería – Nave 5) amósannos como elaborar esta interesante proposta de sargo curado en sal acompañado de guacamole, queixo San Simón da Costa e algas.

Podes visualizar a receta na seguinte ligazón.