Actualización das denominacións comerciais dos produtos da pesca e da acuicultura
A Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou este ano a nova relación de denominacións comerciais de especies pesqueiras e de acuicultura admitidas en España, unha ferramenta fundamental para garantir unha identificación correcta dos produtos do mar, reforzar a trazabilidade e ofrecer información clara ás persoas consumidoras.
A resolución, publicada no BOE o pasado mes de marzo, establece o listado oficial de denominacións comerciais vixentes en todo o territorio nacional, que deberán empregarse na comercialización dos produtos da pesca e da acuicultura. As denominacións recoñecidas polas comunidades autónomas poderán seguir utilizándose como complementarias nos seus respectivos territorios. Este listado de denominación renovarase anualmente mediante resolución da Secretaría Xeral de Pesca durante o primeiro trimestre de cada ano.
Posteriormente, o pasado mes de maio, a Secretaría Xeral de Pesca aprobou unha actualización parcial do listado para incorporar e modificar diversas denominacións comerciais, relacionadas con algas destinadas á alimentación. Na resolución rexéitanse algunhas propostas por poder inducir a confusión, especialmente aquelas asociadas a xéneros completos e non a especies concretas.
Esta actualización constitúe unha referencia de especial interese para profesionais da pesca, a comercialización, a transformación e a distribución de produtos do mar, e contribúe á correcta etiquetaxe, á trazabilidade e á diferenciación das especies presentes no mercado.
Consulta aquí a lista de denominacións comerciais publicada en marzo.
Consulta aquí a resolución de maio de 2026.
Salón da Alimentación do Atlántico-SALIMAT 2026
Os produtos da pesca artesanal galega volveron estar presentes en SALIMAT, o Salón da Alimentación do Atlántico, celebrado en Silleda do 4 ao 7 de xuño.
Durante dúas xornadas, o público puido descubrir a calidade, frescura e versatilidade dos produtos certificados pola marca pescadeRías de onde se non? a través de diferentes showcookings e degustacións.
Peixes, mariscos, cefalópodos e bivalvos foron os protagonistas das elaboracións presentadas por recoñecidos profesionais da gastronomía galega na aula de catas da Consellería do Mar. Entre os produtos empregados destacaron o sargo, o pancho bicudo, o polbo, as navallas, as ameixas, o xurelo e a sardiña.
Se non puideches acompañarnos, aquí tes un resumo.
Cociña galega en acción no Festival Mar de Mares
Os produtos da pesca artesanal galega foron os protagonistas dunha nova actividade gastronómica no marco do Festival Mar de Mares, na Coruña. O pasado 7 de xuño, o Mercado Mar de Mares acolleu un showcooking que puxo en valor a calidade e versatilidade dos produtos do mar galegos.
A demostración culinaria correu a cargo de Lolo Mosteiro e Paula Martínez, do restaurante A Artesa da Moza Crecha, establecemento adherido á marca, que elaboraron distintas propostas gastronómicas a partir de sardiña, navalla, leituga de mar e berberecho.
A actividade, de acceso libre, foi todo un éxito e permitiu ao público descubrir novas formas de gozar dos produtos do mar de Galicia.
Estrelas Solidarias no Camiño de Santiago
Os produtos da pesca artesanal galega volveron estar presentes un ano máis en Estrelas Solidarias no Camiño de Santiago, unha iniciativa impulsada polo Restaurante Casa Barqueiro que combinou gastronomía, solidariedade e compromiso social.
O evento celebrouse o 8 de xuño na Finca Casa Barqueiro, en Negreira, e reuniu recoñecidos profesionais da cociña arredor dunha causa solidaria. Nesta edición, a recadación destinarase ao apoio da investigación da enfermidade de Dent e ao labor desenvolvido pola asociación ART for DENT.
A participación dos produtos da pesca artesanal galega neste encontro anual permite seguir poñendo en valor a súa calidade e versatilidade, ao tempo que contribúe a unha iniciativa que promove a colaboración e o compromiso coa sociedade.
Vivir o Mar: o alumnado do CIPF Carlos Oroza cociña o mar
O programa Vivir o Mar fíxose eco do traballo que desenvolve o CIFP Carlos Oroza na formación das futuras xeracións de profesionais da cociña, con especial atención ás iniciativas relacionadas coa valorización dos produtos da pesca artesanal galega.
Na reportaxe, o profesor Ricardo Fernández explica as distintas actividades que realiza o alumnado para coñecer, manipular e elaborar produtos do mar, e destaca a importancia de traballar con materias primas de proximidade e de calidade.
Os propios alumnos e alumnas comparten a súa experiencia formativa e explican como aprenden a preparar diferentes elaboracións e adquiren coñecementos e habilidades que lles serán de utilidade na súa futura carreira profesional.
Podes ver a reportaxe aquí.
Asesoramento na Peixería de Barallobre
O equipo de xestión da marca pescadeRías de onde se non? visitou recentemente A peixería de Barallobre para ofrecer asesoramento técnico ao persoal do establecemento.
Na visita abordáronse os principais requisitos da marca, o alcance da certificación da confraría e os criterios para identificar correctamente os produtos da pesca artesanal galega certificados. Marta Permuy, responsable da peixería, puido coñecer de primeira man os aspectos clave para a correcta identificación dos produtos certificados no punto de venda.
Este tipo de actuacións permiten reforzar a correcta aplicación dos estándares da marca, o que contribúe a garantir a trazabilidade, a identificación da orixe e a confianza das persoas consumidoras nos produtos certificados.
Novas adhesións á marca
A familia de pescadeRías de onde se non? continúa medrando coa incorporación de tres novas entidades durante o mes de maio.
Entre elas atópase a Peixería Botero Gundín, de Malpica, un establecemento situado no centro da localidade que reforza o seu compromiso coa marca tras estar adherido anteriormente durante a súa etapa na praza de abastos.
Tamén se incorpora Puro Orixe, pulpería situada en Elche que aposta polos produtos do mar galegos e pola súa orixe certificada.
Completa este grupo Ézaro Fish, peixería situada no mercado municipal de Cee, que se suma ao compromiso coa trazabilidade, a calidade e a valorización dos produtos da pesca artesanal galega.
Benvidas á marca!
Entidades certificadas
Durante o mes de maio continuaron as auditorías do programa de certificación pescadeRías de onde se non?, co obxectivo de verificar o cumprimento dos requisitos establecidos ao longo da cadea de valor dos produtos da pesca artesanal galega.
Realizouse unha auditoría de seguimento na Lonxa de Ribeira, co alcance de bivalvos, peixes, cefalópodos, crustáceos, equinodermos e gasterópodos.
Mariscos Malliño S.L. tivo auditoría para a renovación da certificación como depuradora de moluscos bivalvos.
Pola súa banda, Frigoríficos Rosa de los Vientos S.L. completou a súa recertificación como empresa transformadora e distribuidora de produtos do mar, cun alcance que inclúe cefalópodos e bivalvos.
David Fernández únese á Tripulación pescadeRías
O novo capítulo de Tripulación pescadeRías conta coa participación de David Fernández, xerente da Confraría de Pescadores San José de Cangas, unha entidade de referencia na pesca artesanal galega.
Ao longo da entrevista, David Fernández repasa os seus inicios na confraría, os principais recursos que capturan os asociados e asociadas, a evolución experimentada nos últimos anos e os avances acadados na comercialización dos produtos do mar.
Unha conversa próxima e esclarecedora para coñecer mellor a realidade da pesca artesanal en Cangas e o traballo diario das persoas que contribúen a poñer en valor os produtos do mar galegos.
Se queres coñecer mellor o seu traballo, podes ver o vídeo aquí.
Entidade do mes: Pescados y Mariscos del Noroeste
Pescados y Mariscos del Noroeste S.L. é unha empresa familiar certificada pola marca pescadeRías de onde se non? desde novembro de 2017, co alcance de peixes e crustáceos. Especializada na comercialización de peixes e mariscos galegos, desenvolve a súa actividade como distribuidor, cetárea e cocedoiro, cun firme compromiso coa calidade, a frescura e a orixe dos produtos do mar.
A empresa abastece tanto ao sector da hostalaría e da restauración como a particulares a través da súa tenda en liña, con envíos a calquera punto da península en menos de 24 horas e garantindo en todo momento a correcta conservación dos produtos.
A súa aposta pola excelencia e a mellora continua permitiulle consolidarse como unha referencia na distribución de produtos do mar galegos.
Especie do mes: Sargo común
O sargo común (Diplodus sargus) é unha das especies máis recoñecibles da familia dos espáridos e un dos peixes máis apreciados da pesca artesanal galega. Distínguese pola súa característica mancha negra no pedúnculo caudal e polas franxas verticais escuras que percorren o corpo, aínda que estas poden esvaecerse nos exemplares adultos.
Habita principalmente fondos de pedra, area e pradarías mariñas, ata profundidades próximas aos 50 metros. Trátase dunha especie omnívora que se alimenta de pequenos moluscos e crustáceos e adoita vivir formando grupos.
Destaca polo seu elevado contido en proteínas de alto valor biolóxico e por ser fonte de selenio, fósforo, potasio e vitaminas do grupo B. A súa carne branca, firme e saborosa convérteo nun peixe moi valorado na gastronomía.
Podes ampliar a información aquí.
Artigo do mes: Sargos e especies afíns en Galicia
Nesta edición do boletín contamos coa colaboración de Rafael Bañón, doutor en Bioloxía e investigador do Instituto Español de Oceanografía de Vigo, que explica como identificar os sargos e outras especies afíns presentes nas costas galegas.
O artigo repasa as principais características da familia dos espáridos, un grupo de peixes de grande interese comercial e gastronómico, e explica as diferenzas morfolóxicas que permiten distinguir especies como o sargo común, o sargo bicudo, o sargo acastañado, a chaparella, o ollomol, a breca, a dourada, o prago ou a choupa.
Un contido divulgativo e rigoroso para coñecer mellor a diversidade das especies que forman parte da nosa actividade pesqueira e do patrimonio mariño galego.
Podes ler o artigo aquí.
Pani puri de mousse de brandada de sargo e alga encurtida
Este mes propoñémosvos unha receita creativa que combina tradición mariñeira e inspiración internacional. Trátase de pani puris recheos de mousse de brandada de sargo e acompañados de alga encurtida, unha elaboración presentada pola cociñeira Emma Pinal, do gastrobar O Birrán, nunha das últimas edicións de Xantar.
A receita ten como protagonista o sargo, unha especie de gran valor gastronómico da pesca artesanal galega. O peixe emprégase en dúas preparacións: unha mousse suave e cremosa elaborada con nata e ceboliña tenra, e un lombo curado en sal que achega textura e intensidade de sabor.
O conxunto complétase cunha vinagreta de wakame, enriquecida con cebola roxa, allo, herbas aromáticas e sésamo torrado.
Podes consultar a receita completa aquí.

