Estrelas Solidarias no Camiño de Santiago

Os produtos da pesca artesanal galega volveron estar presentes un ano máis en Estrelas Solidarias no Camiño de Santiago, unha iniciativa impulsada polo Restaurante Casa Barqueiro que combinou gastronomía, solidariedade e compromiso social.

O evento celebrouse o 8 de xuño na Finca Casa Barqueiro, en Negreira, e reuniu recoñecidos profesionais da cociña arredor dunha causa solidaria. Nesta edición, a recadación destinarase ao apoio da investigación da enfermidade de Dent e ao labor desenvolvido pola asociación ART for DENT.

A participación dos produtos da pesca artesanal galega neste encontro anual permite seguir poñendo en valor a súa calidade e versatilidade, ao tempo que contribúe a unha iniciativa que promove a colaboración e o compromiso coa sociedade.