36 Edición do Salón Gourmets

Do 17 ao 20 de abril celebrarase a 36 Edición do Salón de Gourmets en Madrid. A Consellería do Mar estará presente no  stand institucional da Xunta de Galicia con 23 empresas coexpositoras. Na presente edición asistirán como empresas coexpositoras as entidades certificadas Conservas La Brújula, S.L., Fish Factory, S.L., Conservera Gallega, S.A., Real Conservera Española, S.L., El Percebeiro, S.L., e Porto – Muíños, S.L. Por outra banda, a empresa certificada Conservas Portomar, S.L.U. contará con stand propio.

Contará cun amplo programa de actividades no Espazo Degustación onde a marca pescadeRías, ¿de onde se non? estará presente dando a coñecer a pesca artesanal, os oficios do mar e os produtos certificados. A Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín e a empresa El Percebeiro, S.L. participarán en dous showcooking da marca.

Podes acceder ao programa de catas premendo aquí e á invitación institucional na seguinte ligazón


Actividades con obradoiros de hostalaría

O 21 de marzo, impartiuse unha charla sobre a marca pescadeRías ao alumnado de cociña e pastelería do Obradoiro de Emprego Moaña Labora VI. Por outra banda, o 23 de marzo, o alumnado do Obradoiro de Emprego Tahume VIII realizou unha visita a Noia, dinamizada polo persoal técnico da marca, onde coñeceron diversas instalacións da Confraría de Pescadores de Noia: o laboratorio de análise de biotoxinas, microbioloxía e xenética, o criadeiro de moluscos de O Freixo e a lonxa e a depuradora de Testal. Os futuros profesionais puideron coñecer o selo pescadeRías, valorar a importancia do marisqueo en Galicia, o traballo dos profesionais do mar e diferenciar especies que se comercializan nas lonxas.

Empresa do mes: Insuapesca, S.L.

INSUAPESCA S.L. é unha empresa con sede en Carnota (A Coruña) adicada á distribución de peixes e mariscos.

INSUAPESCA S.L. está certificada para o selo pescadeRías, ¿de onde se non? dende o ano 2022 para a comercialización de peixes, cefalópodos e crustáceos, que merca en diferentes lonxas galegas pero principalmente na Lonxa de Portosín.

Ademais de adicarse ao comercio maiorista, os seus produtos poden ser adquiridos polo público en xeral na peixería que a empresa ten do Mercado de Abastos de Muros, adherida así mesmo á marca pescadeRías, na cal podemos atopar unha grande variedade de peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal.

Especie do mes: tapa

A tapa (Zeugopterus punctatus) é un peixe plano capturado normalmente con artes de enmalle, que vive nas nosas costas a pouca profundidade sobre fondos rochosos con algas .

O seu corpo e oval, de cor escura e con manchas de aspecto marmóreo.  No lado dos ollos presenta escamas con crecementos espiñosos, que son como peles ásperas ao tacto.

É baixa en graxas e podemos preparala á grella, á prancha ou fritida.

Se queres coñecer máis sobre esta especie e os seus valores nutricionais, preme aquí para ver unha ficha.

Nova peixería adherida: Carrefour Market Sanxenxo

A marca pescadeRías, ¿de onde se non? conta cunha nova entidade adherida, a peixería de Carrefour Market en Sanxenxo. Esta peixería é xestionada pola empresa Orixe da Ría S.L. que acaba de obter a certificación na marca.

Neste establecemento poden ser adquiridos produtos da pesca artesanal e do marisqueo procedentes de lonxas certificadas.

Busca o distintintivo do selo!

Novo restaurante adherido: Material

No restaurante Material de Malpica, adherido este mes ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, ofrecen unha cociña de mercado en consonancia coas súas raíces e tradicións, con sabores clásicos e un toque de modernidade.

A cociña a lume aberto domina o seu menú, que se compón de pequenos pratos destinados a ser compartidos, con respecto aos produtos e priorizando a boa materia prima adquirida a provedores locais para representar adecuadamente a diversidade da zona.

Certificacións

En marzo, as empresas Orixe da Rías, S.L. (peixe, cefalópodos, crustáceos, bivalvos e equinodermos) e Moluscos Ven do Mar, S.L. (bivalvos e crustáceos) e a Lonxa de Canido (bivalvos, cefalópodos, antozoos, equinodermos, crustáceos e algas), xestionada pola Confraría de Pescadores de Vigo tiveron auditorías para a certificación inicial no selo pescadeRías. As empresas Fish Factory, S.L. (bivalvos e peixe) e Mariscos Islas Cíes, S.L. (bivalvos, crustáceos, peixe, cefalópodos, antozoos, gasterópodos e equinodermos) tiveron auditorías de seguimento.

Accións formativas

Durante o mes de marzo impartiuse formación en Manipulación de Produtos Pesqueiros a todo o persoal e responsables da Confraría de Pescadores de Malpica e ao personal das empresas Mariscos Calimar, S.L., Mariscos Islas Cíes, S.L. e Moluscos Ven do Mar, S.L.

Ter actualizada a formación nestas materias é requisito necesario para a certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Solla de Rianxo en Vivir o Mar

O pasado 19 de marzo a solla foi protagonista dunha reportaxe do programa Vivir o Mar, na cal tamén participaron dúas entidades adheridas: a peixería As Rianxeiras no Mercado de Santiago e o restaurante Aghro da Corna de Rianxo, onde prepararon unha falsa caldeirada de solla con puré de patacas, castañas e apio nabo, conforme a receita publicada no boletín do pasado mes.

Preme aquí para ver o vídeo.

Feiras internacionais

No que vai de ano, a Consellería do Mar, baixo o lema GALICIA SABE AMAR, participou en tres importantes feiras internacionais acompañada de empresas galegas do sector. Entre o 20 e o 24 de febreiro estivo na Gulfood en Dubai, entre o 7 e o 10 de marzo na Foodex Japón, acompañada entre outras, da empresa certificada Porto-Muiños, e entre o 12 e o 14 de marzo participou na Seafood Expo de Boston. Preme aquí para ver algunhas imaxes destes eventos.

Nova Lei de Pesca Sostible

O pasado 18 de marzo publicouse no BOE a Lei 5/2023, de 17 de marzo, de pesca sostible e investigación pesqueira.

Entre outras medidas, a nova lei estabelece que o coeficiente reductor a aplicar nas actividades de marisqueo e recollida de percebes e algas será do 0,15 e recoñece este mesmo coeficiente para o colectivo das redeiras así como para os mergulladores profesionais.

Cursos de mariñeiro/a pescador/a

Convocados tres cursos de mariñeiro/a pescador/a na modalidade de teleformación: na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira, na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol e no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

O período de preinscrición para estes cursos que contan con 60 prazas cada un, está aberto ata o próximo 14 de abril.

Aperturas e peches

O 31 de marzo rematou o periodo autorizado para a captura do lumbrigante, que poderá volver a ser extraído a partir do 1 de xullo.

Por outra banda, o 31 de marzo rematou a campaña da volandeira na Ria de Arousa e entre o 27 e o 30 de marzo realizáronse extraccións de vieira na Enseada de San Simón por parte de 3 embarcacións da Confraría de Pescadores de Redondela.

Plan da Anguía na ría de Vigo

Publicada a RESOLUCIÓN de 6 de febrero de 2023 pola que se autoriza o Plan de pesca de anguía para as confrarías de pescadores da ría de Vigo, tempada 2023.

O período autorizado será desde o 1 de maio ata o 31 de outubro. As artes autorizadas son nasa voitirón e nasa para anguía e ningunha embarcación poderá empregar máis de 80 nasas ao día.

Novos plans de xestión

Aprobados os plans de xestión de marisqueo de nova incorporación para a conservación e explotación do ourizo na súa modalidade a pé durante o período 2023-2024, presentado pola confraría de pescadores de Muxía e de anemone (Anemonia viridis) e longueirón (Ensis siliquia) na modalidade de mergullo con subministro de aire dende embarcación das confrarías de pescadores de O Barqueiro e Espasante.

Convocatoria de PERMEX

Convocados procesos selectivos para o acceso ao permiso de explotación, na modalidade de marisqueo a pé, para o exercicio da actividade extractiva nas Confrarías de Pescadores de A Illa de Arousa, O Barqueiro, Cabo de Cruz e Muros, e na Agrupación de Mariscadoras de San Cosme de Barreiros.

Convocados procesos selectivos para o outorgamento da modalidade solénidos e da modalidade anemone, ambas a mergullo con subministración de aire dende superficie, das Confrarías de Pescadores de Espasante e O Barqueiro.

Proxecto DIVERSIMAR

Entender os cambios que teñen lugar no medio mariño e nas pesqueiras require dun bo coñecemento sobre a bioloxía e ecoloxía das especies, así como sobre a súa distribución e abundancia, sendo esta información non sempre doada de conseguir. O proxecto DIVERSIMAR nace co dobre obxectivo de desenvolver ferramentas que permiten rexistrar datos de especies mariñas e facer un seguimento das mesmas na área de estudo e establecer unha rede de colaboración coas persoas relacionadas co mar e a cidadanía en xeral. Se queres saber máis sobre o proxecto e como colaborar, preme aquí para ver un artigo.

A receita do mes

A xarda é un peixe azul que entre abril e xullo está no seu mellor momento para ser consumida. Entre os seus valores nutricionais destaca o seu alto contido en ácidos graxos omega 3 que nos axudan a diminuír o colesterol e os triglicéridos no sangue. Así mesmo, é rica en vitaminas B12 e D.

O equipo de Gastroteca Salvaxe, na Nave 5 do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, amósanos cómo preparala ao lombo acompañada dunha allada cítrica que potencia o seu intenso sabor. Preme aquí para ver a receita.