Convocatorias dos Programas Re-acciona e Re-acciona-TIC, promovidas polo IGAPE e AMTEGA, abertos ao sector marítimo-pesqueiro. Re-acciona é un programa de mellora da competitividade empresarial e Reacciona-TIC ofrece asistencia na implementación de solución dixitais para a mellora da xestión, producción, prestación de servizos, comercialización e marketing dixital. O prazo de presentación remata o 25 de novembro no Re-acciona e o 30 no Re-acciona TIC.
Novos usuarios
Durante o mes de outubro pasaron a auditoría para a certificación como usuarias da marca pescadeRías, ¿de onde se non? catro novas entidades, que a partir de agora poderán etiquetar os seus produtos baixo o noso selo de calidade: a Lonxa de Aldán-Hío, para bivalvos e cefalópodos; a Lonxa de Muros, para bivalvos, cefalópodos, crustáceos e peixes; Mariscos Calimar, para bivalvos, crustáceos e equinodermos, e Mariscos Laxe de Rons, para crustáceos e peixes.
Dámoslle a benvida a todas elas!
Recertificacións
O pasado mes de outubro renovaron a súa certificación para o uso da marca durante outros cinco anos as seguintes entidades: a Lonxa de Moaña, certificada para bivalvos; a depuradora Marcos Lago, certificada para bivalvos e equinodermos, e a Lonxa de Mugardos, certificada para bivalvos. Ademais, realizouse a auditoría de seguimento da Lonxa de baixura de Vigo, e a de Porto de Cambados, que ampliou a súa certificación de bivalvos a crustáceos, cefalópodos, equinodermos e peixes.
Cos Gastrobloggers
O 22 de outubro tivo lugar a VI Xuntanza de Blogueiros/as Gastronómicos en Lugo, con participantes de Galicia e Asturias. Nesta ocasión, pescadeRías, ¿de onde se non? estivo presente cunha presentación de anémonas e ourizo, que correu a cargo de Rita Pesqueira, do equipo de xestión da marca. Álvaro Villasante, do Restaurante Paprica, adherido á marca, foi o encargado das elaboracións: tempura de anémona e xenxibre e niguiri de ourizo e bonito en augachile cremoso.
A noticia na RTVG aquí.
PescadeRías no Forum Gastronómico
Estivemos no Forum Gastronómico de Barcelona para promocionar os produtos certificados pola marca. A presentación dos Sabores da pesca artesanal en Galicia correu a cargo de Lucía Freitas, do Restaurante A Tafona Casa de Xantar, adherido á marca, que tamén realizou unha degustación de conservas de peixes e mariscos, da man de Anfaco-CECOPESCA. Mariscos del Ortegal, empresa certificada, presentou os seus produtos baixo o lema «Ortegal al punto».
A crónica de La Voz de Galicia aquí.
Apertura de campañas
Conta atrás para a apertura da campaña do centolo, que abrirá o 13 de novembro. Tamén abre este mes a campaña do ourizo naquelas confrarías que aínda non a iniciaron e a volandeira con bou de vara na Ría de Arousa.
Tamén comezaron as mostraxes de vieira por parte da flota de Cambados. Se os resultados das análises de biotoxina tipo ASP son satisfactorios, está previsto que a extracción comece no mes de novembro, de cara a acumular stock suficiente para a campaña de Nadal.
Resultados Avaliación Polbo-OPAGA
En outubro, OPAGA e a Federación Galega de Confrarías celebraron o seminario final do proxecto “Avaliación da pesquería do polbo en Galicia 2016″, e presentaron os resultados dunha enquisa realizada a 63 pescadores de 25 confrarías de Galicia. Interrogados sobre si consideran beneficioso unha marca de calidade como pescadeRías, un 72% contestou afirmativamente, fronte a un 6% que o ve negativo e un 22% ao que lle resulta indiferente. Resultados da enquisa aquí.
http://www.opaga.es/pesqueriadopolbo/
Imaxe: Federación Galega de Confrarías
Resultados sorteo outubro
Xa temos os resultados do último sorteo en Facebook. A consulta realizada aos nosos fans estaba relacionada cos seus peixes favoritos, e as persoas agraciadas foron Andrea Costa Paredes, que optou pola sardiña; María José , que escolleu a robaliza e Joaquín Álvarez Portela, que ten como favorito ao sanmartiño. Recibirán unha bolsa da compra cun mandil, manopla, libreta de notas, bolígrafo, camiseta e folleto-receitario. Parabéns!
En breve, novo sorteo. Síguenos!
Pescaenverde
pescaenverde é unha ecoetiqueta desenvolvida pola Universidade de Santiago de Compostela-USC que aporta información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen sobre o medioambiente. Ten asociado un software que permite calcular a Pegada de Carbono e Taxa de Retorno Enerxética adaptada a cada tipo de flota e modalidade de pesca, de maneira que poidan transmitir aos consumidores o perfil ambiental dos seus produtos. O equipo de xestión da marca pescadeRías, ¿de onde se non? está colaborando coa USC para integrar o proceso de obtención de ámbalas dúas certificacións. Seguiremos informando.
Descarga aquí o regulamento de pescaenverde. Máis info: http://www.usc.es/pescaenverde/gl
A receita: Allobranco con ourizo
En novembro abre a campaña do ourizo en moitas confrarías, que se suman ás que xa comezaron a explotación en outubro.
Para honrar este marabilloso produto, Daniel Pulzoni, profesor de cociña do CIFP Carlos Oroza, de Pontevedra, achéganos esta receita dun tradicional allobranco acompañado con ourizo de mar, que lle da un contraste perfecto de sabor e textura.
Podes ver a receita completa aquí.
Se queres que publiquemos a túa receita, envíanola por correo-e, indicando ingredientes, elaboración e unha foto.