Contido en graxa dos peixes

Existe unha clasificación do peixe relacionada co seu contido en graxa: azul ou graxo, semigraxo e branco ou magro. Este contido varía segundo a época do ano e factores intrínsecos ao peixe (idade, sexo, alimentación, época de reprodución, etc).

Considéranse peixes graxos, aqueles cunha proporción de graxa superior ao 10%, semigraxos cando o contido está entre o 5 e o 10% e magros cando é inferior ao 5%. Lembra que a graxa do peixe está composta por ácidos graxos insaturados omega3, tan importantes para a saúde.

Charlas en escolas de hostalaría

O día 10 de maio impartíronse dúas charlas informativas sobre a marca pescadeRías, ¿de onde se non?, ao alumnado de primeiro do Ciclo Superior de Dirección de Cociña e de primeiro do Ciclo Medio de Cociña e Gastronomía do CIFP Manuel Antonio. Nas charlas déronse a coñecer diferentes aspectos da marca, o etiquetado e trazabilidade dos produtos do mar, seguridade alimentaria e a ecoetiqueta pescaenverde. Completouse a formación co recoñecemento de diferentes especies de moluscos bivalvos.

Moitas grazas a todos/as pola vosa participación!

Especies de tempada: Agulla

A agulla (Belone belone) é un peixe azul, de corpo alongado e estreito, de cor verdosa con brillos prateados na zona do lombo. As súas mandíbulas, armadas con dentes afiados, rematan en punta, de aí o seu nome, e miden case o dobre que a súa cabeza. A espiña e as escamas teñen tonalidades azuis verdosas moi características. Posúe unha carne compacta moi saborosa que pode acoller diferentes preparacións na cociña: fritida, afumada, guisada con patacas ou pasta, en empanada, tostas ou ensaladas. Tamén en escabeche e á prancha. Aproveita para degustala nesta tempada. Se queres saber máis sobre esta especie, preme aquí para ver unha ficha.

Ordenación sardiña e xarda

Publicada a Resolución de 28 de abril de 2021, da Secretaría Xeral de Pesca, pola que se establecen disposicións de ordenación da pesquería da sardiña ibérica (Sardina pilchardus) que se pesca en augas ibéricas da zona CIEM VIIIc e IXa.

Publicada a Resolución de 22 de abril de 2021, da Secretaría Xeral de Pesca, pola que se modifica a do 12 de marzo de 2021, pola que se establecen disposicións adicionais de ordenación da pesquería da xarda (Scomber scombrus) das zonas VIIIc e IXa para os buques da frota de outras artes distintas ao arrastre e cerco do Cantábrico e Noroeste con porto base na provincia de Pontevedra.

Proxecto 1 Mar de Alosas

A alosa é un peixe de dorso escuro e ventre prateado que posúe unha característica mancha escura detrás da abertura branquial seguida dunhas manchas máis pequenas (menos de 3 na zamborca e entre 5 e 8 na alosa). Forma bancos e realiza importantes migracións. Habita no mar en augas profundas e remonta os ríos para realizar a posta. A Confraría de Pescadores de Malpica participa no proxecto «1 Mar de Alosas» cuxo obxectivo é avaliar as capturas incidentais de Alosa alosa (Zamborca) e Alosa fallax (Alosa) pola flota costeira galega e propor medidas de xestión e conservación así como a posta en valor destas especies.

Especies pescadeRías: Dourada

A dourada (Sparus aurata) ten o corpo alto e comprimido, de cor gris prateada, cunha mancha dourada entre os ollos, que desaparece cando morre, e unhas manchas negras por detrás da cabeza. Os beizos son grosos e carnosos. Pode chegar aos 70 centímetros. Vive en augas pouco profundas (menos de 30 metros) en fondos de area ou pedra. É un peixe de augas cálidas que escasea nas nosas costas. Cando se pesca faise con trasmallo e tamén con palangre.

Se queres coñecer os seus principais valores nutricionais, preme aquí para ver unha ficha desta especie.

Accións formativas

No mes de maio, tripulantes das embarcacións que traballan ao choco da Confraría de Vilaboa recibiron formación en Hixiene e Manipulación de alimentos. Tamén recibiu formación nestas materias o persoal de lonxa e de mantemento do Porto de Celeiro. Acreditar que o personal responsable da manipulación estea formado é requisito indispensable para todas as entidades certificadas ou en proceso de certificación polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Novos plans de xestión

A primeiros do pasado mes, publicáronse as resolucións polas que se aproban novos plan de xestión de marisqueo de nova incorporación para a conservación e explotación de recursos específicos presentados polas confrarías de pescadores de Corme (algas con técnicas de mergullo), Lira (anémones na modalidade a pé), Corcubión (anémones na modalidade a pé) e Malpica (ourizo na modalidade a pé).

Percebeiros das Cíes na TVE

O Programa España Directo da TVE estivo a gravar aos percebeiros da Confraría de Pescadores de Cangas traballando na cara máis escarpada das Illas Cíes. Podes ver a reportaxe premendo aquí, as imaxes son certamente impresionantes!

O percebe colleitado nas Illas Cíes é comercializado na Lonxa de Cangas e está certificado polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Participación en feiras 2021

A Consellería do Mar da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e dentro das súas actuacións de promoción do sector pesqueiro, prepara a programación para asistir a diferentes feiras de ámbito internacional e nacional durante o ano 2021. Se tes interese en participar, podes atopar toda a información premendo aquí.