Rutas gastronómicas da campaña ‘Galicia sabe aMar’

O pasado 15 de marzo, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do mar, Rosa Quintana, asistiron na praza do Obradoiro á presentación de catro rutas de foodtrucks que percorrerán preto de 260 municipios de toda España vencellados co Camiño de Santiago para promocionar a calidade e versatilidade dos produtos galegos do mar ao abeiro da campaña Galicia sabe aMar e animar á cidadanía a consumilos. Os catro vehículos percorrerán case 6.400 quilómetros deses máis de 250 municipios que suman arredor de 13 millóns de habitantes e permanecerán neles entre un e tres días ofrecendo unha degustación ao mediodía e outra pola tarde. En total realizaranse preto de 1.000 degustacións e serviranse máis de 200.000 petiscos.

As persoas que se acheguen a estas foodtrucks poderán probar algunhas das 10 receitas que se van elaborar con produtos certificados do mar.

A primeira das catro rutas gastronómicas partirá de Santiago de Compostela e finalizará en Irún tras percorrer cidades como A Coruña, Ferrol, Xixón, Santander, Bilbao a San Sebastián. A segunda ruta pasará por Lugo, León, Burgos e Logroño antes de rematar en Pamplona. A terceira foodtruck terá como principais paradas Pontevedra, Vigo, Ourense, Zamora, Salamanca, Cáceres, Mérida e Sevilla. O cuarto itinerario pasa por Astorga, Valladolid, Segovia, Madrid, Toledo, Albacete e rematará en Valencia.