Aperturas e peches

O 30 de abril comezou a veda do polbo en Galicia, que durará ata o vindeiro 5 de xullo. Así aparece recollido no plan experimental para a xestión deste cefalópodo para a campaña 2021/2022.

Tamén en abril, rematou a tempada para a captura de ourizo nas nosas costas.

Por outra banda, conforme se recolle na RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2021 pola que se autoriza o Plan de pesca de anguía para as confrarías de pescadores da ría de Ferrol para a tempada 2021, en abril comezou a pesca desta especie eurihalina, que poderá ser capturada ata o 31 de outubro.

Charlas Escolas de Hostalaría

Continuamos co programa formativo en centros de Hostalaría / Industrias Alimentarias de Galicia dando a coñecer ao alumnado a marca pescadeRías, ¿de onde se non?.

Durante o mes de abril, foron impartidas charlas no I.E.S. Fraga do Eume (Pontedeume), o C.I.F.P. Politécnico de Lugo,  o I.E.S Sanxillao (Lugo), o I.E.S de Vilamarín, a Fundación Belarmino Fernández Iglesias (Sober) e o Obradoiro de Emprego Vigo Capacita VI.

Moitas grazas a todos/as pola vosa participación!

Especies de tempada

A xarda (Scomber scombrus) é un peixe azul que contén numerosos minerais esenciais, é rico en vitaminas, especialmente B12 e D, e ten un alto contido en ácidos graxos omega 3, tan importantes para reducir o colesterol e os triglicédidos, mellorar a función cardíaca e a presión arterial e reparar o sistema inmune, entre outros beneficios.

Na primavera achégase ás nosas costas, onde se captura principalmente coa arte do cerco. Se queres saber máis, preme aquí para acceder a unha ficha sobre esta especie, con ampla presenza nos nosos mercados por estar en plena tempada.

Guía elaboración plans de xestión

A Consellería do Mar pon a disposición das confrarías de pescadores e entidades do sector marisqueiro,  unha guía para facilitar o seu labor na redacción e avaliación dos plans de xestión, tanto xerais como de recursos específicos. A súa elaboración responde aos cambios introducidos polo Decreto polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas no que se refire á confección dos plans de xestión así como ao establecemento de obxectivos biolóxicos, ecolóxicos e socioeconómicos a tres anos. É unha ferramenta para a mellora da implementación dos obxectivos no marco dos plans de xestión e está acompañada dun plan de formación personalizado e de carácter práctico.

Soles Repsol 2021

O pasado mes tivo lugar a gala de entrega de Soles Repsol 2021, recoñecemento concedido aos mellores restaurantes e cociñeiros/as como símbolo de excelencia culinaria.

Destes, 11 están adheridos ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?: con dous soles os restaurantes A Tafona, EspañaMaruja LimónPepe VieiraRetiro da Costiña e As Garzas, que acadou o seu segundo sol nesta edición. Con un sol o restaurante A Gabeira e 4 novas incorporacións, os restaurantes Auga e Sal, O Balado, O Camiño do InglésMiguel González.

Parabéns a todos!

Especies certificables: algas

As algas ou verduras do mar son fonte importante de nutrientes, vitaminas e proteínas que aportan grandes beneficios para a saúde consumidas en pequenas cantidades. Ademais, na cociña son moi versátiles, debido a súa textura e sabor.

Se aínda non as probaches, este mes facémosche dúas recomendacións: A correa ou espaguete de mar (Himanthalia elongata) sorprende polo seu sabor sutilmente mariño cun toque fresco e a súa textura carnosa e crocante. Por outra banda, a textura suave, carnosa e crocante, apta para facer en tempura do ramallo de mar ou alga percebe (Codium spp.), así como o seu intenso sabor, que recorda ao percebe, será todo un descubrimento.

Axudas á contratación

A Fundación Biodiversidad convoca axudas dirixidas a persoas físicas ou xurídicas con ou sen ánimo de lucro que actúen como empregadoras, que realizaran contratos a tempo completo por un período mínimo de 6 meses, antes do 31 de marzo de 2021, vinculados á economía verde ou azul ou que contribúan a unha liña de negocio sostible ou á xestión dunha mellora ambiental na entidade.

O prazo de presentación remata o 30 de setembro. Para máis información preme aquí.

Actividades formativas

No mes de abril, persoal da Confraría de Pescadores de Lira recibiu formación en Hixiene e Manipulación de alimentos. Acreditar formación nestas materias é requisito indispensable para todas as entidades certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

A Confraría de Lira conta cunha instalación para a conxelación dos produtos da pesca polo que todos os/as manipuladores/as que traballan na área transformadora deben ter vixente a formación nesta materia segundo marca o plan de formación da confraría.

Convocatoria de PERMEX

Convocados procesos selectivos para a obtención de PERMEX de marisqueo a pé nas confrarías de Pontevedra, Espasante, O Barqueiro, Celeiro, Cabo de Cruz e na Agrupación de Mariscadoras de San Cosme de Barreiros; para o recurso específico anemones na Confraría de A Coruña e para o recurso específico algas na Confraría de Vigo.

Podes atopar toda a información sobre as diferentes convocatorias na sección de anuncios do portal da Consellería do Mar. Accede premendo aquí.

Nova peixería adherida

En abril, a peixería Pescados y Mariscos Barrena, en Ponteceso (A Coruña), adheriuse ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?. Os produtos que ofrecen no seu establecemento, aberto polas mañás de martes a sábado, proceden principalmente da cercana lonxa de Malpica. Tamén realizan envíos a domicilio a toda a península.

Podes consultar o listado completo de establecementos adheridos ao noso selo entrando na nosa web.