Galicia Calidade Alimentaria

Durante a I Mostra de Calidade Alimentaria organizada pola Xunta, e celebrada no Pazo de Quián entre o 15 e do 17 de decembro, anunciouse a creación do selo Galicia Calidade Alimentaria que englobará produtos agroalimentarios con excelencia recoñecida e afondará na súa promoción.

A futura Lei da Calidade Alimentaria da Xunta, que entrará no parlamento o presente ano 2022, apostará pola produción excelente de proximidade, san e sustentable que sempre distinguiu á nosa comunidade, pola súa singularidade e pola diferenciación.

Plans de xestión de recursos específicos

Publicada a ORDE do 22 de decembro de 2021 pola que se aproban os plans de xestión para recursos específicos e algas en Galicia para o trienio 2022-2024. Os 156 plans aprobados regulan a extracción de recursos como o percebe, os solénidos (navalla, longueirón e longueirón vello), os equinodermos (ourizo de mar e holoturias como o carallo de mar), a peneira, as algas, as anemones e os poliquetos. Son os primeiros plans de xestión de recursos específicos cunha vixencia trianual, en cumprimento do decreto polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas.

Especies de tempada: maragota/pinto

A maragota e o pinto (Labrus bergylta) son considerados dous morfotipos dunha mesma especie, aínda que estudos científicos falan da existencia de claras diferenzas nas súas características vitais, apuntando a posibles procesos de diverxencia xenética evolutiva. As maragotas terían tonalidades verdes e acastañadas e os pintos vermellas con manchas brancas.

É un peixe moi típico desta época que se pesca sobre todo con redes de enmalle como os miños, sendo un prato típico do Nadal na Costa da Morte. Preme aquí para ver unha ficha.

Aperturas e peches

O día 3 de xaneiro comezou a campaña da lamprea na desembocadura do Río Miño.  As lampreas de pesca marítima capturadas na desembocadura do Miño comercialízanse na lonxa de A Guarda certificadas polo selo pescadeRías.

En canto aos crustáceos, entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro, está autorizada a pesca da lagosta. Por outra banda a nécora e o santiaguiño comezaron a súa veda o 6 de xaneiro, que durará ata o 30 de xuño e o 1 de outubro respectivamente.

Redondela: etiquetado individual

A lonxa da Confraría de Pescadores de Redondela comezou a realizar etiquetaxe individual co selo pescadeRías, ¿de onde se non? nos mellores exemplares de peixe que poñen á poxa.

A etiquetaxe individual co logotipo do selo de calidade, permite á clientela recoñecer facilmente os produtos certificados pola marca, informando ás persoas consumidoras a procedencia da pesca artesanal do peixe que a leva.

Guía Michelín 2022

O restaurante Auga e Sal (Santiago de Compostela), adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, acadou na edición da Guía Michelín España e Portugal do ano 2022 a súa primeira Estrela. Parabéns polo recoñecemento!

A Guía distingue a Galicia con 15 Estrelas Michelín, 2 Estrelas Verdes pola súa aposta pola sustentabilidade e redución do impacto e 24 restaurantes na categoría Bib Gourmand, pola súa relación calidade/prezo.

Axudas a pemes do sector transformador

Publicada convocatoria de Axudas destinadas a pemes do sector transformador dos produtos da pesca e da acuicultura, para investimentos que contribúan a fomentar unha pesca e acuicultura sustentables desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva. Prazo 28 de xaneiro.

Empresa do mes: Mariscos Ramais, S.L.

Mariscos Ramais, S.L. é unha depuradora de moluscos bivalvos ubicada no concello de Outes que conta cunha traxectoria de máis de 50 anos neste sector. Está certificada pola marca pescadeRías, ¿de onde se non? dende o ano 2018.

Dende a súa tenda on line, tamén adherida á marca, pódense adquirir mariscos frescos de excelente calidade procedentes das nosas costas, cun prazo de entrega de 24-48 horas.