Xa temos gañadores do sorteo

O 29 de marzo realizouse o sorteo de dous vales de 30€ en peixe e marisco fresco, para ser utilizado nunha peixería adherida, entre aquelas persoas que descargaran a APP de pescadeRías, ¿de onde se non? e seguiran as instrucións indicadas na nosa páxina de facebook ou en instagram. Os afortunados foron Alejandro Juanatey e Jm Sanjorge. Parabéns!!

Recordámosvos que a aplicación pódese descargar desde Google Play para dispositivos Android e en breve estará dispoñible para dispositivos IOS.

33 Salón Gourmets de Madrid

Do 8 ao 11 de abril celébrase a 33 Edición do Salón de Gourmets en Madrid. A Consellería do Mar estará presente cun stand con 22 empresas coexpositoras e contará cun Espazo de catas onde terán presenza os produtos certificados pola marca pescadeRías, ¿de onde se non?. Premendo aquí podes consultar o programa de catas aquí descargar unha invitación. Nesta edición asistirán 11 empresas certificadas: PORTO-MUIÑOSConservera GallegaConservas PortomarMariscos DaportaCurrimar Conservas Tradicionais, Pulponor S. Coop. GalegaConservas y Ahumados Luso Galaicos, Mariscos Camino SL , Frinsa, Conservas La BrújulaYatecomeré.

Do mar ao prato na Lonxa de Arcade

Os próximos 06 e 07 de Abril terá lugar unha nova edición das xornadas Do Mar ao Prato no peirao de Arcade, organizadas pola Confraría de Pescadores Virxe do Carme, coa colaboración de Mariscos Inés, ambas entidades certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, e do concello de Soutomaior.

Realizaranse degustacións das principais especies que se comercializan na lonxa como ameixas, chocos ou anguías. O programa complétase coa exposición fotográfica Xoias do mar e con actuacións musicais.

Fórum Gastronómico A Coruña

A 20 edición do Fórum Gastronómico celebrouse en A Coruña do 10 ao 12 de marzo. O selo pescadeRías. ¿de onde se non? estivo presente no stand da Consellería do Mar xunto coas empresas certificadas Pulponor Sociedade Cooperativa GalegaMares de Galicia SAConservas y Ahumados Luso Galaicos SL e Currimar Conservas TradicionaisNovás y Mar Especialidades, SL e Porto-Muiños acudiron cun stand propio.

Aquí podes ver un resumo das imaxes do evento.

Nova web plazasabastosgalicia.com

A Federación de Prazas de Abastos de Galicia (FREPAGAL) súmase ás vendas na internet a través dunha plataforma, impulsada pola Xunta de Galicia, que permite comprar produtos a diferentes praceiros/as, preparados e embalados, que poden ser enviados a calquera punto da Península, en transporte refrixerado, en menos de 24 horas. Premendo aquí podes acceder ao vídeo promocional desta iniciativa.

Para facer as túas compras entra en plazasabastosgalicia.com.

Aperturas e peches

A campaña marisqueira en Noia pechou o 28 de marzo coa extracción de 2,3 millóns de kilos de moluscos bivalvos e unha facturación de 18 millóns de euros. Os máis de 1500 mariscadores, entre a pé e a flote, volverán a faenar no mes de setembro. Tamén finalizou a campaña da volandeira na Ría de Arousa ata o mes de novembro e a captura de lumbrigante ata o 1 de xullo. Por outra banda, o 1 de abril comezou o marisqueo a flote nas autorizacións da Confraría de Muros e o marisqueo a pé nas zonas de libre marisqueo xestionadas polas confrarías de Noia e Muros.

Foro proxecto Alertox-Net

O Intecmar organizou o 03 de abril en Vilagarcía, o seminario do proxecto europeo Alertox-Net no que participan 5 países.  O proxecto, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento  Rexional Interreg Atlantic Area, ten como obxectivo principal facilitar a distribución no mercado de produtos alimentarios mariños máis seguros, deseñando para iso sistemas de alerta de toxicidade innovadores. O seminario estivo dirixido ao sector produtivo, ás administracións  e aos centros académicos ou de investigación.

XXIV Conferencia EAFE

Entre o 2 e o 4 de abril a facultade de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela acolleu a XXIV Conferencia da Asociación Europea de Economistas da Pesca (EAFE) que organizou o grupo de investigación EcoPesca da Universidade de Santiago de Compostela baixo o título Buscando el azul: la economía de la pesca y la acuicultura postmilenaria. O día 05 houbo unha sesión adicada a experiencias locais de Galicia na que se falou da marca pescadeRías. ¿de onde se non?, da extracción do berberecho por parte da Confraría de Pescadores de Noia e da ecoetiqueta Pescaenverde.

Business Factory Food

A primeira aceleradora galega do sector alimentario, Business Factory Food, comeza a súa andadura. Impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia e empresas de referencia na industria alimentaria, busca atraer e impulsar proxectos innovadores que aporten solucións innovadoras ao mercado, afianzar o tecido empresarial e industrial do sector galego e atraer talento nacional e internacional. Está aberta a fase de convocatoria ata o 16 de maio. Podes consultar as bases de participación premendo aquí.

Novas adhesións de minoristas

Ao longo do mes de marzo, adheríronse ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? oito establecementos: Na cidade de Ferrol Peixería Esteiro, Pescados Roque, Pescados Pedro y Susana (Mercado de Recimil), Pescadería Yoli y Paco (Mercado de Recimil) e a Peixería José (Mercado de A Magdalena); no Mercado da Praza de Lugo, en A Coruña, Pescados y Mariscos Rabina; en A Pobra do Caramiñal Pescados Paz; e na Praza de Abastos de Bueu, Pescados Torres. Benvidos!