Veda do choco

O choco estará en veda no interior das Rías de Vigo e Pontevedra ata o 31 de outubro para garantir a sustentabilidade do recurso. A veda, solicitada polo propio sector, comezou o 9 de xullo no caso da Ría de Pontevedra e o 16 do mesmo mes na Ría de Vigo.

Consulta aquí as resolucións da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: Ría de Vigo e Ría de Pontevedra.

XIX Festa do Polbo de Bueu

Do 10 ao 12 de agosto terá lugar a XIX edición da Festa do Polbo de Bueu, organizada pola Confraría de Pescadores San Martiño e o Concello desta localidade. Durante estes días poderanse degustar arredor dunha vintena de especialidades e formas de cociñar este cefalópodo. A chef Bea Sotelo será a encargada das demostracións gastronómicas. Podes ver máis información sobre o evento neste enlace á web do Concello de Bueu.

Xornadas de degustación en Lira

No peirao de Portocubelo, en Lira (Carnota), están a realizarse unha serie de xornadas nas que degustar produtos pesqueiros da reserva mariña. Nécoras, percebes, navallas, polbo, berberechos, son os protagonistas.

A primeira degustación tivo lugar o pasado 21 de xullo, sendo as vindeiras os sábados 4 e 18 de agosto. Podes descargar o cartel premendo aquí.

XXI Festa do Percebe de Aguiño

O pasado 29 de xullo tivo lugar a XXI edición da festa do percebe de Aguiño na que se repartiron unha tonelada destes crustáceos servidos en pezas de cerámica de Buño, con grande afluencia de público durante toda a xornada.  O percebe de Aguiño comercialízase baixo o selo pescadeRías, ¿de onde se non? que garante a súa procedencia.

Aquí podes ver algunhas fotos da xornada publicadas en La Voz de Galicia e aquí un artigo sobre o evento publicado en El Correo Gallego.

Xornadas de Exaltación da Vieira

Cambados celebrou o 14 e 15 de xullo as XVII Xornadas de Exaltación da Vieira, organizadas por Porto de Cambados S.L., con novo formato e gran éxito de participación. Realizáronse tres showcookings e un obradoiro de cociña para nenos/as  a partir de vieira e outros produtos como o ourizo e o polbo, todos certificados por pescadeRías, ¿de onde se non?. As demostracións culinarias correron a cargo de María Varela de A Parada das Bestas, Manuel Garea e Fran Sotelino e Diego López do Restaurante A Molinera. Aquí podes ver un vídeo resumo.

Artesanía no prato, con pescadeRías

Do 06 ao 08 de xullo estivemos nos Pendellos de Agolada, en pleno Corazón da Artesanía.
Os produtos certificados de pescadeRías foron servidos sobre xoias de artesanía nas degustacións do programa Artesanía no Prato, que se levaron a cabo con motivo do VII Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia. As preparacións correron a cargo de Héctor López do Restaurante España, María Varela de A Parada das Bestas e de Iñaki Bretal de O Eirado da Leña. Para ver un vídeo das xornadas preme aquí.
Fotografías: @arxina.

Non sexas pirata!

O pasado 20 de xullo arrancou a campaña Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear!, posta en marcha pola Consellería do Mar co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre a ilegalidade que supón a extracción de marisco sen permiso de explotación. Esta iniciativa prolongarase ata o 17 de agosto nas praias galegas que reciben máis visitantes e que contan con maior produción marisqueira e coincidindo coa época de maior afluencia de turistas. Máis información premendo aquí.

Calendario de mareas 2019

Como cada ano por estas datas, xa está publicada na Plataforma Tecnolóxica da Pesca a información relativa ao calendario de mareas para o ano 2019. Deste xeito dáse cobertura ao interese dos usuarios sectoriais nesta información, básica para o deseño dos plans de explotación anuais.

A información relativa ás mareas para o ano 2019 está dispoñible na seguinte ligazón así como a través da rede de terminais TICPESC despregada nos portos de Galicia.

Feiras Consellería do Mar 2019

A Consellería do Mar, dentro das súas actuacións de promoción do sector pesqueiro prepara a programación para asistir a diferentes feiras de ámbito internacional e nacional durante o ano 2019. Na actualidade está aberta a convocatoria para as empresas interesadas en asistir como coexpositores ou ben como participante en reunións nos centros de negocios. Se vostede ten interese en participar, pode obter toda a información premendo aquí.

Nova certificación: lonxa de Ribeira

A Lonxa de Ribeira é un novo usuario da marca pescadeRías, ¿de onde se non? que estrea certificación para realizar a primeira venda de peixes, cefalópodos, bivalvos, crustáceos, equinodermos e gasterópodos baixo este selo de identidade da pesca artesanal.

As especies capturadas no marisqueo a pé e a flote, recursos específicos, nasas, artes de enmalle, artes de cerco e aparellos de anzol serán etiquetadas co selo. O arrastre non está incluído na marca.