Campaña de marisqueo en Noia

A confraría de pescadores San Bartolomé de Noia acordou iniciar a campaña de marisqueo 2018/19, o próximo día 10 de setembro. Unhas 1500 persoas están autorizadas para a extracción de berberecho, ameixa fina, ameixa babosa e ameixa xapónica, entre mariscadores/as a pé e dende embarcación.

Os bivalvos de Noia están certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Mercado do Mar

Os días 22 e 23 de setembro celebrarase unha nova edición do Mercado do Mar dentro do Festival Mar de Mares, na explanada do Parrote en A Coruña. Ademais de contar cun punto de información, estaremos no showcooking con produto certificado que levará a cabo Iria Espinosa, xefa de cociña do restaurante Árbore da Veira o sábado 22 de setembro ás 18:30 horas. Aquí podes atopar máis información sobre o Mercado do Mar.

XIX Festa do Polbo de Bueu

No marco da XIX Festa do Polbo de Bueu, persoas usuarias de Contigo Centro de Día Terapéutico e do Centro de día Pescadoira, realizaron unha visita guiada á praza de abastos de Bueu, organizada polo concello de Bueu en colaboración coa marca pescadeRías, ¿de onde se non?. Coñeceron a variedade de peixe e marisco procedente da pesca artesanal e aspectos relacionados coa frescura do peixe e a trazabilidade dos produtos do mar.

Encontro de Gastrobloggers

O 15 e 16 de setembro terá lugar o VIII Encontro de Bloggers Gastronómicos en Sanxenxo, con participantes de ámbito nacional e autonómico. Os produtos certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? estarán presentes nas elaboracións que realizará o xefe de cociña do restautante Nolita Xantar de Praia, de Sanxenxo.

Novas certificacións

Durante o pasado mes, incorporáronse á marca pescadeRías, ¿de onde se non? dúas novas entidades: Confraría de Pescadores de Cabo de Cruz, con alcance de certificación para moluscos bivalvos e a Depuradora Mariscos Ramais S.L., situada en O Freixo, Outes, con alcance de certificación tamén para moluscos bivalvos.

Recertificacións e ampliacións

A Lonxa de Mariscos de Vigo (bivalvos), a Lonxa de Arcade (bivalvos e peixe) e a Lonxa de Portonovo (bivalvos, cefalópodos, equinodermos e peixe), pasaron auditorías de seguemento ou recertificación. A Lonxa de Barallobre, certificada para bivalvos e equinodermos, ampliou o seu alcance para a comercialización de gasterópodos.

Peche da sardiña

A Dirección Xeral de Ordenación Pesqueira resolveu establecer un peche precautorio a partires do 2 de setembro, nas pesquerías de sardiña para os buques de cerco que usen as artes de racú e piobardeira, así como para os que utilicen a arte do xeito. Podes ver a resolución para racú e piobardeira premendo aquí e a do xeito no seguinte enlace.