Choco de Redondela

O choco, produto estrela da Lonxa de Redondela, comezou a súa tempada a mediados do mes de febreiro.
O choco desta localidade, pescado con trasmallo, está amparado polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? e, como novidade, na campaña deste ano, estrean etiquetado individual co obxectivo de asegurar a súa trazabilidade e de poñer en valor a calidade deste produto, facilitando que poidamos recoñecelo nos mercados. Parabéns por esta iniciativa.

Plans da anguía 2021

Publicada a RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2021 pola que se autoriza o Plan de pesca de anguía para as confrarías de pescadores da ría de Arousa para a tempada 2021 e a RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2021 pola que se autoriza o Plan de pesca de anguía para as confrarías de pescadores da ría de Vigo para a tempada 2021. O período autorizado para a súa captura, en ambos casos, vai do 1 de febreiro ata o 31 de outubro.

Especies pescadeRías

Os peixes e mariscos son unha importante fonte de proteínas de alto valor biolóxico, é dicir, que conteñen aminoácidos esenciais para o noso organismo, e nos aportan vitaminas e minerais. Premendo nas seguintes ligazóns, podes consultar os principais valores nutricionais de tres especies certificables polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?: a solla (Platichthys flesus), o camarón común (Palaemon serratus) e a lura (Loligo vulgaris).

Especies de tempada: O choco

O choco está en plena tempada e comercialízase baixo a certificación pescadeRías, ¿de onde se non? en numerosas lonxas galegas.

O hábitat deste cefalópodo son fondos areosos cubertos de algas e zostera, e podemos atopalo dende augas superficiais ata os 200 metros de profundidade. Se queres coñecer máis curiosidades sobre esta especie preme nesta ligazón.

Probas libres mariñeiro pescador

Resolución da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se convocan exames ordinarios teórico-prácticos de carácter libre para as titulacións de mariñeiro/a pescador/a, patrón/patroa local de pesca e patrón/patroa costeiro/a polivalente na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021 (código do procedemento PE607C). Prazo de matrícula aberto ata o 15 de marzo.

Accións formativas

A primeiros de marzo, o distribuidor de cefalópodos, peixe e crustáceos José Javier Lago Figueiras, recibiu nas instalacións da lonxa de Muros formación en Hixiene e Manipulación de alimentos, de cara a súa certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Acreditar formación nestas materias é requisito indispensable para acadar a certificación no selo de calidade.

Rexeneración de bancos marisqueiros

Publicada convocatoria de axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños. Dirixidas a confrarías de pescadores, organizacións de produtores, cooperativas do mar e demais asociacións de profesionais do sector. En prazo ata o 8 de marzo.

Axudas a proxectos colectivos

Publicada convocatoria de axudas autonómicas para proxectos colectivos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque para a mellora da eficiencia enerxética, da protección do medio ambiente, da seguridade e as condicións de traballo, e da calidade e do control e rastrexabilidade dos produtos desembarcados da pesca.

En prazo ata o 10 de marzo.

Convocatoria de PERMEX

Convocados procesos selectivos para a obtención de PERMEX de marisqueo e recursos específicos (anémones, percebe, solénidos) nas confrarías de Baiona,  Vilanova de Arousa, O Pindo, Malpica, Pontedeume, Muxía, Cabo de Cruz, Fisterra, Corcubión, Lira, Corme e Rianxo.

Podes atopar toda a información sobre as diferentes convocatorias na sección de anuncios do portal da Consellería do Mar. Accede premendo aquí.

Novas peixerías adheridas

Na Praza de Abastos de Bueu, onde a maioría dos peixes e mariscos que atopamos proceden da lonxa desta localidade, contamos este mes cunha nova peixería adherida: Mariscos e Bacalao Rosana.

Temos así mesmo unha nova adhesión na Praza de Abastos de Pontevedra: Pescados y Mariscos Cachadas. No seu posto ofrece  unha grande variedade de produtos pesqueiros e marisqueiros de diferentes lonxas galegas, capturados de xeito artesanal.