Campaña da vieira na Ría de Arousa

Do 18 de xaneiro ao 04 de febreiro desenvolveuse a campaña de extracción da vieira na Ría de Arousa. De luns a xoves, 30 embarcacións da Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados desembarcan na lonxa de Cambados as súas capturas autorizadas, 99 kg/embarcación.

Despois dun proceso de depuración e evisceración, a vieira aparece nos mercados eviscerada fresca, conxelada ou desconxelada, envasada e perfectamente etiquetada.

Novos plans de pesca aprobados

Publicada a RESOLUCIÓN do 4 de xaneiro de 2021 pola que se aproba o Plan de xestión da sardiña coa arte do xeito para o ano 2021 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Publicada a RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2020 pola que se autoriza o plan de pesca de patexo (Polybius henslowii), patulate (Liocarcinus depurator) e conguito (Liocarcinus corrugatus) para o ano 2021 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Especies pescadeRías

Sabías que os peixes e mariscos poden ser unha importante fonte de vitaminas e minerais esenciais se os incorporamos de xeito habitual na nosa dieta?

Premendo nas seguintes ligazóns, podes consultar os principais valores nutricionais que nos aportan estas catro especies con importante presenza nas lonxas galegas e certificables polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?: o rodaballo (Psetta maxima), as raias (Raja spp), a vieira (Pecten maximus) e a centola (Maja brachydactyla).

Atlas da frota de baixura

A Consellería do Mar presentou o 22 de xaneiro o Atlas da frota de baixura do litoral de Galicia (2000-2018), froito do traballo que desenvolveu a Unidade Técnica da Pesca de Baixura (UTPB). O Atlas analiza a actividade da frota de artes menores, as súas características e as distintas modalidades de pesca, así como as principais especies obxectivo.

Este documento, que estará a disposición do sector, pretende ser unha ferramenta que axude á toma de decisións na xestión dos recursos para que a actividade se desenvolva de xeito sustentable e rendible.

Axudas para a innovación

Publicada a ORDE do 18 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a innovación no sector pesqueiro cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convoca para o ano 2021, tramitado como expediente anticipado de gasto. Poderán ser beneficiarios/as propietarios/as de buques pesqueiros ou organizacións ou asociacións, incluídas as confrarías.

Procedementos PE205G e PE205H. En prazo ata o 11 de febreiro.

Axudas á pesca sustentable

Publicada a ORDE do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para propietarios de buques pesqueiros cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e se convoca para o ano 2021 o devandito procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto.

Procedementos PE120A, PE120B, PE120C, PE120E e PE120F. En prazo ata o 25 de febreiro.

Accións formativas

No mes de xaneiro, o persoal da Confraría de Pescadores de A Pobra do Caramiñal, que se atopa en proceso de certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?, formouse de xeito telemático en Hixiene e Manipulación de alimentos.

Esta mesma formación foi impartida ao persoal da empresa distribuidora de conservas de peixe e marisco Fish Factory S.L. (Conservas La Curiosa), tamén en trámites para acadar o selo.

A Confraría de Vigo en Euronews

A Confraría de Pescadores de Vigo, certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, protagonizou unha reportaxe de Euronews, na que se daba a coñecer o camiño que seguen os produtos dende o mar ata o prato.

Os reporteiros acompañaron a José Manuel Sotelo Durán, na súa embarcación Saladino Primero, durante unha xornada de captura de polbo. Premendo aquí podes acceder á noticia e ver o vídeo.

Novas peixerías adheridas

En xaneiro, adheríronse tres novos minoristas ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Os establecementos Pescadería Botero Gundín, en Arteixo, e Peixería Botero Gundín na praza de abastos de Malpica; e a peixería ambulante Peixes e Mariscos O Currelo, que fai a súa ruta de reparto polos concellos de Muros, Outes, Mazaricos e Negreira. Benvidos!!

Guía sobre microplásticos

O lixo mariño, no que o plástico é o residuo predominante, supón un grave problema medioambiental a nivel global, que conleva perdas económicas na pesca comercial, o tráfico marítimo ou en actividades recreativas e turísticas. Os microplásticos (partículas e fibras de menos de 5 milímetros) tenden a atraer contaminantes persistentes e bioacumulables, así como organismos vivos de pequeno tamaño que os utilizan como sustrato.

Aquí podes descargar a «Guía sobre microplásticos» publicada por ADEPESCA en colaboración coa Comunidad de Madrid.