Xantar 2020

Do 5 ao 9 de febreiro, estaremos en Ourense, no Salón Internacional de Turismo Gastronómico XANTAR 2020.  No Taller gastronómico degustación dos produtos do mar de Galicia “Aula Mar”, realizaranse mostras de cociña en directo con produtos certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?Aquí podes descargar o programa e aquí unha invitación para asistir á feira.

Terán presenza na feira, a Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia e as empresas Joy Embassy e Frigoríficos Rosa de los Vientos, certificadas pola marca, e Conservas Sotavento.

Degustación no CIFP Carlos Oroza

O 17 de xaneiro, o alumnado do segundo curso de Dirección de Cociña e Servizos do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, foi o encargado de confeccionar unha oferta gastronómica consistente nunha variedade de máis de 42 elaboracións diferentes nas VIII Xornadas dedicadas aos produtos con Denominación de Orixe Protexida, Indicación Xeográfica Protexida e marcas de calidade garantida. Por suposto, os produtos pescadeRías, ¿de onde se non? estiveron presentes.

Podes ver máis información sobre o evento neste artigo de La Voz de Galicia.

Mercado de A Magdalena en Ferrol

No emblemático edificio coñecido como “La Pescadería”, obra do arquitecto Rodolfo Ucha, que data de 1910, integrado no Mercado de A Magdalena de Ferrol, podemos atopar unha grande variedade de peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal. Unha grande parte deles proceden da lonxa de Ferrol e da lonxa de Cedeira, ambas certificadas pola marca.

Nas súas instalacións, teñen os seus postos Peixes Niki, Peixes Lano, Pescados Raúl e SusaPeixería José, todos eles adheridos ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Apertura da anguía na Ría de Vigo

Publicada a RESOLUCIÓN do 28 de Xaneiro de 2020 pola que se autoriza o plan de pesca da anguía para as confrarías de pescadores da Ría de Vigo. O período autorizado para este ano vai desde o 3 de febreiro ata o 31 de outubro, podendo ser capturada coas artes de nasa para anguía e nasa voitirón.

Para a conservación desta especie, a normativa europea establece que debe ser regulada por plans de xestión para a súa recuperación. Estes deberán permitir que a lo menos o 40% da biomasa de anguías chegue ao mar, asegurando así un número de reprodutores axeitado.

Plan de xestión da sardiña do xeito

Publicada a RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2019 pola que se aproba o plan de xestión da sardiña coa arte do xeito para o ano 2020, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O xeito é unha arte de enmalle moi selectiva coa que se pesca sardiña e bocarte fundamentalmente: o 85 % das capturas que se realizan coa arte do xeito corresponde a sardiña.  O Plan establece para o primeiro trimestre do ano un tope máximo total, para os tres meses, de 4 toneladas. A cota será de 20 kg por tripulante a bordo e día, ao cal se sumarán 20 kg/barco/día.

Cambio no nome científico da centola

A centola das nosas costas, que ata agora posuía o nome científico de Maja squinado, muda a súa denominación científica a Maja brachydactyla. Tras este cambio na súa nomenclatura, este é o nome que podemos ver actualmente nas etiquetas de primeira venda nas lonxas e que acompañará ao crustáceo ao longo de toda a cadea de comercialización.

Os nomes científicos das especies cambian como parte dun proceso de avance no coñecemento que se ten das mesmas. O nome científico é un dos datos obrigatorios no etiquetado dos produtos pesqueiros.

Peperetes en Madrid Fusión 2020

Conservas Los Peperetes, estivo o pasado mes de xaneiro en Madrid Fusión 2020, promocionando as súas conservas elaboradas de xeito artesanal coas mellores materias primas.

A empresa, que ten as súas instalacións no concello de Vilagarcía de Arousa, leva máis de 25 anos poñendo no mercado produtos gourmet procedentes das nosas rías. Está certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? para a elaboración das súas conservas de ameixas, berberechos, navalla e caviar de ourizo.

Traballos de rexeneración en A Illa

Na Confraría de Pescadores de A Illa de Arousa, certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, comezaron o ano continuando coa súa aposta pola rexeneración dos seus bancos marisqueiros cunha sementeira de 1.000.000 de unidades de ameixa babosa. Durante o 2019 sementaron un total de dous millóns e medio de unidades desta especie, ás que hai que engadir outros 500.000 exemplares de ameixa xaponesa.

Así mesmo, realizáronse arados e aportacións de áridos para mellorar a produtividade das zonas de marisqueo.

Primare Lonxas 4.0

Xa son 15 as lonxas nas que se implantou a iniciativa Primare Lonxas 4.0: Ferrol, Cariño, Baiona, Vilaxoán, Fisterra, Porto do Son, A Pobra do Caramiñal, A Guarda, Aldán, Camariñas, Vilaboa, Arcade, Barallobre, Redondela e Mugardos. Esta plataforma tecnolóxica integra os sistemas de xestión, poxa e comercialización, e permite as poxas desde dispositivos móbiles para compradores autorizados. A iniciativa abrangue tamén a dotación de equipos tecnolóxicos como pantallas, servidores, smartphones, equipamento para a comunicación con básculas e etiquetadoras, etc.

Programa Pleamar

Convocatoria de concesión de subvencións pola Fundación Biodiversidade, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento e impulso da sustentabilidade pesqueira e acuícola, no marco do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP – 2020. Dirixida a organismos científicos ou técnicos, organizacións de pescadores ou produtores ou outros operadores do sector e a entidades sen ánimo de lucro. Preme aquí para consultar as bases e aquí para ver unha infografía resumo. Prazo: 2 de marzo.