San Sebastián Gastronomika

Durante a XXV edición de San Sebastián Gastronomika leváronse a cabo seis presentacións guiadas no stand institucional da Consellería do Mar, a fin de dar a coñecer a calidade dos produtos da marca pescadeRías de onde se non? Berberechos, polbo, robaliza, vieira e navalla foron os protagonistas das degustacións capitaneadas por Flavio Morganti, Héctor López do restaurante España de Lugo e Moncho Méndez do restaurante Millo Orzán de A Coruña.

Así mesmo, os produtos certificados da Confraría de Pescadores de Cangas estiveron presentes no espazo de peixería do stand de Makro España.

Foros Galicia sabe Amar

pescadeRías de onde se non? estará presente no 3º Foro Galicia sabe Amar que se celebrará en A Coruña o 8 de novembro. Este foro afondará na relación que ten #acociñadomar co territorio poñendo en valor a orixe, a tradición e a calidade dos produtos do mar.

Con esta iniciativa, a Consellería do Mar ten como obxectivo principal animar á cidadanía a consumir os produtos do mar de xeito local e responsable, así como poñer en valor o labor dos/as profesionais da cadea mar-industria e do sector da hostalaría e restauración de Galicia.

Segue toda a actualidade dos foros aquí.

Peixe sapo e xuliana

O peixe sapo (Lophius budegassa) e a xuliana (Lophius piscatorius) son dúas especies que poden dar lugar a confusión. A clave está na cor do peritoneo, negro no peixe sapo e branco na xuliana. Ademais, na xuliana o apéndice ou “antena” que ten na parte superior da cabeza é bilobulado e no peixe sapo é simple.

Nas dúas especies os sexos son separados, existindo femias e machos. Pero no seu ciclo biolóxico ocorre algo curioso, os machos novos acóplanse ás femias converténdose case en invisibles.

Certificacións

A Confraría de Pescadores Santa Tecla de A Guarda vén de renovar a súa certificación na marca pescadeRías de onde se non? para os grupos biolóxicos cefalópodos, crustáceos, equinodermos e peixes.

Así mesmo, a empresa distribuidora Grupo Envimar NW, S.L., situada na Lonxa de Ribeira, tamén renova a súa certificación para peixes, cefalópodos, crustáceos e equinodermos.

Estas renovacións supoñen que estes usuarios da marca terán en vixencia a certificación por un período doutros cinco anos.

A entidade do mes: Confraría de Pescadores Santa Tecla de A Guarda

A Confraría de Pescadores Santa Tecla de A Guarda encárgase da primeira venda e distribución dos produtos do mar extraídos polos seus asociados. A venda dos productos do mar pode realizarse, ben mediante poxa na propia lonxa ou ben mediante venta directa do armador a compradores autorizados, como intermediarios ou comerciantes polo miúdo. Neste último caso os produtos deben pasar por lonxa para o seu control, rexistro e emisión da documentación necesaria.

Esta confraría está certificada pola marca pescadeRías de onde se non? dende o ano 2013 para os grupos biolóxicos peixes, cefalópodos, crustáceos e equinodermos.

Especie do mes: a faneca

A faneca (Trisopterus luscus) é un peixe branco co corpo alto e máis forte polo dorso que  polo ventre. Presenta unha mancha escura no comezo da aleta peitoral e unha liña lateral moi curvada. A súa cor é cobreada no lombo, con catro ou cinco bandas verticais escuras, e bronce no ventre.

Aliméntase de pequenos peixes, cefalópodos e crustáceos. A súa lonxitude máxima é de 40 cm pero o tamaño habitual sitúase entre os 20 e 25 cm. A faneca aporta proteínas e minerais como o fósforo e selenio.

Podes atopar máis información sobre esta especie nesta ligazón.

Apertura de campañas

No mes de novembro están previstas as aperturas das campañas de extracción da volandeira e centola.

O 2 de novembro abriu a campaña da volandeira na Ría de Arousa. As ventas deste bivalvo concéntranse na súa maior parte na lonxa de Cambados, aínda que tamén hai descargas nas lonxas de Rianxo e Ribeira.

A campaña da centola iníciase o día 6 de novembro dende a desembocadura do río Miño ata o cabo Estaca de Bares. Na Mariña lucense a campaña da centola empezará o 28 de novembro.

Podes consultar o plan de xestión da centola aquí.

O artigo do mes

Álvaro Roura, José Irisarri e Gonzalo Mucientes, da Asociación Ecoloxía Azul, presentan o artigo «Estacións de limpeza: unha curiosa simbiose entre o peixe sanmartiño (Zeus faber) e o cangrexo araña (Inachus dorsettensis

O sanmartiño é un peixe solitario que habita en augas da plataforma continental, entre os 50 e os 150 metros de profundidade. En ocasións, hai unha serie de copépodos que parasitan a súa pel. En concreto, os copépodos ectoparásitos que se coñecen vulgarmente como piollos de mar. Para eliminalos conta coa axuda do cangrexo araña que se encarga desta tarefa. Esta coreografía de limpeza é un exemplo de simbiose na que ambas especies saen mutuamente beneficiadas.

Podes ler o artigo completo aquí.

A receita do mes

Este mes propoñemos unha receita elaborada por José Rodolfo Hernández, cociñeiro do Espazo Gastronómico DeLito, de Santiago de Compostela: vieiras con aires de mar. Este molusco bivalvo é fonte de minerais como o selenio, calcio, iodo, fósforo, ferro ou potasio e de proteínas de alto valor biolóxico. Ademais destaca o aporte de ácidos graxos omega 3 e de vitamina B12 .

A extracción de vieira galega está nestes momentos permitida na Confraría de Pescadores de Barallobre, polo que se pode atopar no mercado eviscerada fresca, conxelada ou refrixerada. Consume por canles legais: colaboras na sustentabilidade social e económica do sector pesqueiro e coidas da túa saúde.

Preme aquí para ver a receita completa.