Galicia sabe a estrelas

O pasado 20 de xaneiro, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron na presentación de Galicia sabe a estrelas, xunto co chef Javier Olleros, do restaurante Culler de Pau. No acto destacouse que o Camiño de Santiago é un reclamo para dar a coñecer a gastronomía galega e destacouse que na comunidade hai arredor de 50.000 persoas que viven do mar e que se afanan no día a día por poñer a disposición dos consumidores produtos da máxima calidade.

World’s 101 Best Canned Products

A revista Fuera de Serie (Expansión) fai eco neste artigo da posición acadada por Real Conservera Española no ranking das mellores conservas do mundo «2021 World’ s Best 101 Canned Food Products from the Sexa», que acadou o posto nº1 en diferentes categorías con tres dos seus produtos, estando outros catro no top 10.

A lista inclúe, así mesmo, produtos das conserveiras galegas certificadas polo selo pescadeRías: Conservera Gallega, Conservas La Brújula e Conservas Los Peperetes.

Especie do mes: Raia

Durante os meses de inverno as raias están no seu mellor momento de consumo. Estes peixes cartilaxinosos de corpo en forma de disco ou de rombo, ás angulosas, fociño alongado e pel moi áspera, posúen unha poderosa dentadura, que empregan para esmigallar as pezas que lles serven de alimento.

Viven en zonas lamacentas ou areosas de grava e rocha entre os 2 e os 60 metros de profundidade e son capturadas con artes de enmalle. Preme aquí para saber máis sobre esta especie.

Inicios de campaña

O pasado 17 de xaneiro reiniciouse a campaña de extracción da vieira na Ría de Arousa. De luns a xoves, 30 embarcacións da Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados desembarcan na lonxa de Cambados as súas capturas.

Por outra banda, o 1 de febreiro, comezou a campaña do ourizo en Ribeira, para a que están autorizadas 53 embarcacións da Confraría de Pescadores de Aguiño e 21 da Confraría de Pescadores de Ribeira.

Novos plans de pesca aprobados

Publicada a RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2021 pola que se aproba o Plan de xestión da sardiña con arte de xeito para o ano 2022 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Publicada a RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2021 pola que se autoriza o plan de pesca de patexo (Polybius henslowii), patulate (Liocarcinus depurator) e conguito (Liocarcinus corrugatus) para o ano 2022 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Mellora clasificación microbiolóxica

A mellora dos resultados obtidos nos controis que realiza o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), permitiu a modificación da clasificación microbiolóxica dunha superficie total de arredor de catro millóns de metros cadrados de bancos marisqueiros das confrarías de Fisterra, Corcubión, Cambados, Vilanova de Arousa e Arcade.

Desde 2009 houbo unha mellora en 23 zonas de moluscos infaunais, con 139 bancos marisqueiros beneficiados.

Accións formativas

Durante o mes de xaneiro impartiuse formación en Manipulación de Produtos Pesqueiros a persoal da lonxa da Confraría de Pescadores de Portosín así como de Boas Prácticas de Manipulación a armadores e tripulantes de barcos do cerco. Durante a acción formativa, recibiron información sobre o selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Accións formativas en A Aixola

O centro A Aixola de Marín oferta preto de 130 prazas en distintas accións formativas para o sector pesqueiro. A formación é gratuíta e terá lugar entre marzo e decembro deste ano. A prescrición está aberta e pode facerse a través da páxina web do centro, onde tamén se pode consultar o listado de cursos ofertados.

Convocatoria de PERMEX

Convocatoria de proceso selectivo para o outorgamento da modalidade de percebe desde embarcación, da confraría de pescadores de Cariño e da asociación de percebeiros de Cariño. Dúas embarcacións, con catro habilitacións asociadas.

Convocatoria de proceso selectivo para o outorgamento da modalidade de ourizo desde embarcación con técnicas de mergullo ás confrarías de Espasante e O Barqueiro. Unha embarcación con tres habilitacións asociadas na confraría de Espasante e unha embarcación con tres habilitacións asociadas na confraría do Barqueiro.

Convocatoria de proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación na modalidade de marisqueo a pé da confraría de Cambados. Nove prazas de marisqueo a pé.