23º Edición de SALIMAT-ABANCA

Un ano máis, estaremos coa Consellería do Mar no Salón da Alimentación do Atlántico SALIMAT-ABANCA que se celebra do 6 ao 9 de xuño en Silleda. Os produtos do mar de Galicia serán os protagonistas das catas realizadas no espazo degustación do stand da Xunta de Galicia, que correrán a cargo de Criselda Iglesias (Tapería Lecer), Ana Portals (Solleiros Espazo Gastronómico), José Manuel Mallón (Remollo, Espazo Gastronómico), Miguel González (Hotel Rústico San Jaime), Alejandro Iglesias (Restaurante Cabanas) e Gerson Iglesias (Adega das Calfas). Descarga aquí o programa e a invitación.

Próximas feiras e eventos

Os días 18 e 19 de xuño, Baiona acollerá un novo punto de encontro do sector do mar coa celebración do 20º Congreso AECOC de Produtos do Mar. Do 14 ao 16 de xuño terá lugar a III Feira Naútica de Camariñas, FENAUCAM, organizada polo Clube Naútico de Camariñas. Ademais,  a marca pescadeRías, ¿de onde se non? estará presente na degustación de produtos do mar que se levará a cabo o 20 de xuño na Real Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid, no marco da presentación que realizará a Asociación Música en Compostela, coa colaboración da Consellería do Mar.

Galician Cinema & Food Festival

A marca pescadeRías, ¿de onde se non? estará presente na V edición do Galician Cinema & Food Festival que se celebrará no Instituto Cervantes de Nova York e no Cosentino City Manhattan, do 24 ao 27 de xuño.

Ás actividades do programa, que xunta cinema e gastronomía de Galicia, asistirán profesionais da prensa especializada e da industria da distribución. O público asistente poderá degustar conservas certificadas de Conservas de Portomar, Ramón Peña, Los Peperetes e Porto-Muiños.

IV Festa do Longueirón Vello

A Confraría de Pescadores San Juan de Redondela organiza a 4ª Edición da Festa Gastronómica do Longueirón Vello os vindeiros 8 e 9 de xuño no peirao de Cesantes. Entre outras actividades, as persoas visitantes poderán degustar diferentes preparacións con longueirón vello, visualizar un documental sobre a súa extracción, así como asistir a unha demostración de cociña en directo con Santiago Figueroa do Gastrobar78 de Redondela, o sábado ás 18:00 horas.

Catas comentadas en Boiro

O Concello de Boiro celebrou o 16 de maio unha cata comentada con moluscos bivalvos da Cooperativa Ría de Arosa, certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?. As persoas asistentes puideron coñecer as especies de moluscos bivalvos, o proceso de extracción e comercialización, así como aprender a realizar diferentes propostas culinarias da man do cociñeiro José Manuel Mallón de Remollo Espazo Gastronómico. Preme aquí para ver un vídeo.

pescadeRías no curso ICEMAR

O 23 de maio Marta Villaverde, Subdirectora Xeral de Pesca e Mercados da Pesca e Ramón Fernández Conchas, Xefe de Servizo de Mercados da Consellería do Mar impartiron un obradoiro arredor do estado do sector pesqueiro, a marca pescadeRías, ¿de onde se non? e a trazabilidade dos produtos da pesca no Curso de Especialista de Innovación, Competitividade e Emprendemento en torno ao Mar, ICEMAR.

Saborea Galicia

Máis de 150 profesionais, representantes do sector da comunicación, distribución, restauración e comercialización de Uruguay asistiron á 2ª edición de Saborea Galicia, organizada pola Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración coas Consellerías do Mar e do Medio Rural e de Artesanía de Galicia, para a promoción de produtos pesqueiros e agroalimentarios. O público asistente puido coñecer os produtos certificados de conservas Los Peperetes e Porto-Muiños nos showcooking dirixidos por Rafa Centeno, chef do restaurante Maruja Limón.

Comezou a veda do Polbo

O día 17 de maio ás 16:00 horas comezou a veda do polbo en Galicia que durará ata as 5:00 horas do vindeiro 1 de xullo. Durante este período poderemos seguir desfrutando do polbo galego conxelado ou en conserva.

En 2018, o polbo acadou prezos record o cal supuxo para as loxas galegas unha facturación de arredor dos 18 millóns de euros polas ventas deste cefalópodo. Preme aquí para ver unha noticia relacionada.

Ordenación da pesquería da sardiña

O venres 10 de maio, publicouse no BOE a Resolución de 24 de abril de 2019, da Secretaría Xeral de Pesca, pola que se establecen disposicións de ordenación da pesquería da sardiña ibérica (Sardina pilchardus) que se pesca en augas ibéricas da zona CIEM VIIIc e IXa, na cal se establece como data de apertura o 1 de maio e de peche o 1 de novembro. Os buques que usen a arte do xeito seguirán estando autorizados si continúa habendo posibilidades de pesca dispoñibles para este segmento.

Aumento dos prezos en Ribeira

Dende a súa certificación en 2018, a Lonxa de Ribeira incrementou a cotización media dos produtos, así como o número de profesionais do comercio minorista, restauración, sector da distribución e sector transformador que acoden diariamente á lonxa para realizar as súas compras. Cabe destacar que os responsables de xestión da lonxa apostan polo etiquetado individual de peixes nos exemplares de maior calidade. Podes atopar máis información neste artigo de La Voz de Galicia.