Sorteo de Nadal: a nosa fala mariñeira

O mar está moi presente na tradición oral mariñeira dos municipios costeiros. A fala mariñeira trasládase á vida cotiá e ao xeito de relacionarse nas vilas mariñeiras, a través de ditos, expresións, vocábulos e refráns. Andas aboiado, chove a mares, é un bo peixe, tes cara de faneca, a raia en xaneiro sabe a carneiro son só algúns exemplos.

Cóntanos algunha expresión, palabra ou refrán que coñezas no que o mar sexa o protagonista e participarás nun sorteo de dous lotes de conservas certificadas (un entre os/as nosos/as seguidores/as en facebook e outro para os/as de instagram) que realizaremos o 16 de decembro.

Para participar:
1. Ser seguidor/a da nosa páxina de facebook ou instagram
2. Darlle gústame á publicación do sorteo
3. Cita en comentarios algunha expresión, dito, palabra ou refrán que utilices ou coñezas relacionada co mundo do mar

Etiquetado individual

As lonxas das Confrarías de Pescadores de Malpica e Ferrol, comezaron a realizar etiquetado individual co selo pescadeRías, ¿de onde se non? nos mellores exemplares de peixes que poñen a subasta na lonxa.

O etiquetado individual permite aos/ás consumidores/as recoñecer facilmente os produtos certificados no mercado. As etiquetas están personalizadas co nome da lonxa de procedencia do peixe.

Con estas, son xa 11 as lonxas que realizan este tipo de etiquetado.

Campaña da vieira na Ría de Arousa

O luns 25 de novembro, comezaron as extraccións de vieira na Ría de Arousa, previa autorización polo INTECMAR.

A vieira procedente de Galicia, que podemos atopar nos mercados tanto fresca como conxelada, cumpre con todos os requisitos de seguridade alimentaria. Tras a captura, pasa por un proceso de depuración e eviscerado e por estritos controis  analíticos establecidos na ORDE de 15 de xaneiro de 2002 pola que se regula a extracción e comercialización de vieira (Pecten maximus). Premedo aquí podes acceder a máis información sobre esta especie.

Fin campaña da zamburiña en Ferrol

A mediados de novembro rematou a campaña da zamburiña (Chlamys varia) na Ría de Ferrol, que comezara o 15 de abril deste ano.

A meirande parte das capturas desta especie en Galicia, proceden da Ría de Ferrol, e comercialízanse nas lonxas de Ferrol e Barallobre, ambas certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?. Durante a tempada de extracción, as persoas consumidoras poden adquirir as zamburiñas nas depuradoras das dúas lonxas, que realizan venta directa deste molusco bivalvo.

pescadeRías na COP25

O 3 de decembro no espazo «Ciencia e Innovación Diálogos» na COP25, presentouse a ecoetiqueta «pescaenverde: Unha nova ecoetiqueta no sector pesqueiro» a cargo de Fernando Pardo, técnico de Transferencia de Tecnoloxía da USC. Como exemplo de implantación da ecoetiqueta, expúxose o caso de éxito da alianza pescadeRíaspescaenverde, como un referente no que se conxugaron intereses de ambas partes para promocionar e favorecer o consumo de produtos de proximidade en Galicia. Esta colaboración encaixa dentro dos ODS: 12 (Produción e consumo responsable), 13 (Acción polo clima), 14 (Vida submarina) e 17 (Alianzas para lograr os obxectivos).

Visita a entidades certificadas

Unha delegación do GALP Ría de Vigo – A Guarda, realizou unha visita a proxectos financiados polo FEMP ao abeiro da Estratexia de Desenvolvento Local Participativo do GALP Ría de Pontevedra.

A delegación estivo formada pola xerente do GALP Ría de Vigo – A Guarda, Elena Herbello, e por patróns/as maiores e membros do cabido das Confrarías de VilaboaA GuardaVigo e Baiona, que visitaron as empresas certificadas Mares de Galicia, S.A.,  Frigoríficos Rosa de los Vientos, S.L. e a lonxa da Confraría de Pescadores de Bueu, tamén certificada polo selo.

Alumnado do CSGH en O Percebeiro

Un grupo de alumnos/as e profesores/as do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) visitaron a empresa O Percebeiro S.L., certificada pola marca pescadeRías, ¿de onde se non?, que distribúe peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal, amparados polo selo.

Durante a xornada, puideron coñecer os produtos que comercializan desde a súa recepción, depuración, envasado e posterior distribución. Para rematar, participaron nun showcooking a cargo de Iñaki Bretal e nunha cata maridaxe a cargo de Luis Barrero de Viñedos Singulares. 

Recoñecemento a Pan do Mar

Pan do Mar, a marca de conservas da empresa Antonio Pérez Lafuente S.A., acaba de ser recoñecida co selo “Calculo-Reduzco-Compenso” outorgado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica polo seu compromiso co desenvolvemento sostible.

As súas conservas, elaboradas con produtos procedentes da pesca artesanal e responsable, están certificadas pola marca pescadeRías, ¿de onde se non?. Parabéns!

Real Conservera Española en Oporto

Do 14 ao 16 de novembro, a empresa certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, Real Conservera Española, S.L., asistiu á Melting Gastronomy Summit na Alfándega de Oporto, invitados por INTERNOVA e auspiciados por INTERREG.

Foron tres días de encontros comerciais entre profesionais da gastronomía lusa e galega, onde se estableceron contactos con clientes directos e empresas distribuidoras.

Mulleres do Mar na Ría de Arousa

O 21 de novembro presentouse en Vilagarcía de Arousa, o estudo sobre A Situación Profesional das Mulleres do Mar de Arousa promovido polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Arousa, co obxectivo de realizar unha radiografía da realidade social e profesional deste colectivo e amosar os avances, en materia de igualdade no sector. As conclusións obtidas foron o resultado do traballo de campo realizado con empresas e entidades do sector e cuestionarios e entrevistas a profesionais do eido marítimo-pesqueiro.