Accións formativas

Durante o mes de febreiro impartiuse formación en hixiene e manipulación de produtos pesqueiros ao persoal da empresa HQ Seaweed, S.L.

Por outra banda, impartiuse formación en sistema APPCC ao persoal da Confraría de Pescadores A Pastoriza de Vilanova de Arousa, que o pasado mes ampliou o alcance da súa certificación ao grupo biolóxico antozoos.

Empresa do mes: Mar da Morosa

A empresa Mar da Morosa distribúe bivalvos, cefalópodos, crustáceos e peixe certificados, principalmente da Costa da Morte e da Ría de Muros-Noia. A empresa conta ademais cunha depuradora e cetaria certificada. Na peixaría que teñen nas súas instalacións de Carnota pódense comprar produtos da pesca artesanal e a través da tenda en liña pódense adquirir produtos da marca pescadeRías, ¿de onde se non? desde calquera punto do territorio nacional.

Especie do mes: solla

A solla é un peixe plano que se atopa a pouca profundidade nas zonas de esteiros e nos tramos finais dos ríos onde se captura con artes de enmalle.

É un peixe branco bastante prezado pola súa carnosidade. Entre os seus valores nutricionais destaca o seu alto contido en ácidos graxos omega 3, en vitaminas A, B12, C e D e en selenio e fósforo. Preme aquí para ver unha ficha sobre esta especie.

Nova certificación en antozoos

No mes de febreiro, a Confraría de Pescadores A Pastoriza de Vilanova de Arousa, certificada para bivalvos, crustáceos e algas, ampliou o seu alcance de certificación ao grupo biolóxico antozoos.  As ortiguillas captúranse a mergullo en apnea ou con subministro de aire dende superficie. Con esta son xa 7 as lonxas que as comercializan certificadas baixo o selo pescadeRías.

Recertificacións e seguimentos

No mes de febreiro, HQ Seaweed, S.L., empresa recolectora, transformadora e distribuidora de algas, superou a auditoría de renovación na marca. Mariscos Calimar, S.L. co alcance de certificación para bivalvos, crustáceos e equinodermos e Mariscos Daporta, S.L., depuradora de moluscos bivalvos e centro de expedición de equinodermos, tiveron auditorías de seguimento. 

Inicio da campaña da vieira en Ferrol

O 6 de marzo comezou a campaña de extracción da vieira na Ría de Ferrol. Participan 9 embarcacións cun total de 25 tripulantes. O tope de captura por tripulante e día é de 60 quilos.

A captura deste molusco bivalvo continuará ata o día 30 de marzo se os resultados das análises de biotoxinas realizados polo INTECMAR son favorables.

Soles Repsol 2023

O pasado 27 de febreiro tivo lugar a gala de entrega dos Soles Repsol 2023, na cal destacouse a marcada identidade propia das propostas. Nesta edición o restaurante ferrolán O Camiño do Inglés, adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, acadou o seu segundo Sol. Parabéns!

En total son 34 os restaurantes galegos que contan con este recoñecemento (2 con 3 Soles, 14 con 2 Soles e 18 con 1 Sol).

Convocatoria de PERMEX

Publicada a RESOLUCIÓN da Xefatura Territorial da Consellería do Mar na Coruña, pola que se convoca o proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación, modalidade de marisqueo a pé, para o exercicio da actividade extractiva na Asociación de Mariscadoras «Fonte de Santa Helena de Baldaio».

O número de prazas convocadas é unha.

Convocatoria de exames

Publicada a RESOLUCIÓN da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro pola que se convocan exames ordinarios teórico-prácticos de carácter libre para as titulacións de mariñeiro/a pescador/a, patrón/patroa local de pesca e patrón/patroa costeiro/a polivalente na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

O prazo para realizar a matrícula remata o 13 de marzo e os exames realizaranse entre o 24 de abril e o 3 de maio no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.