Foros Gastronómicos Galicia sabe Amar

pescadeRías, ¿de onde se non? estará presente nos cinco foros gastronómicos Galicia sabe Amar. As cidades de A Coruña, Vigo, Ourense, Lugo e Santiago de Compostela acollerán charlas, mesas redondas, obradoiros de cociña e degustacións ao longo do segundo semestre deste ano.

O primeiro foro celebrarase en Vigo o 7 de xullo coa temática saúde e benestar.

Preme aquí para ver o vídeo dos foros Galicia Sabe Amar.

Congreso AECOC

A Asociación de Fabricantes e Distribuidores (AECOC) celebrou en Baiona o seu 23º Congreso de Produtos do Mar os días 20 e 21 de xuño. Nesta edición, inaugurada polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, abordáronse temáticas como a baixada do consumo de produtos do mar, a adaptación da oferta aos hábitos de consumo, o impacto da economía azul e os beneficios do consumo de produtos do mar.

O encontro ofreceu aos profesionais espazos de networking nos que intercambiar ideas, compartir inquedanzas e explorar posibles proxectos de colaboración.

Summer Fancy Food Show

A Consellería do Mar estivo presente na feira Summer Fancy Food Show 2023 (SFFS) que se celebrou en Nova York do 25 a 27 de xuño.

As empresas certificadas pola marca pescadeRías, ¿de onde se non?  Real Conservera Española S.L., Fish Factory S.L. (La Curiosa), O Percebeiro S.L. e Conservas La Brújula S.L. expuxeron os seus produtos no stand habilitado pola Consellería do Mar.

A Summer Fancy Food Show é a feira do sector de produtos gourmets máis grande de América do Norte e constitúe unha excelente plataforma para os profesionais da industria alimentaria.

Festa de Exaltación da Ameixa de Mugardos

A Confraría de Pescadores San Telmo de Mugardos celebrou o 1 de xullo a II edición da Festa de Exaltación da Ameixa de Mugardos. Esta iniciativa pretende amosar a calidade do produto que se extrae na ría.

A Lonxa de Mugardos está certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? para a comercialización de bivalvos e gasterópodos.

Corazón da Artesanía 2023

Do 7 ao 9 de xullo celébrase nos Pendellos de Agolada a décima edición do Corazón da Artesanía: Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia.

Máis de 50 artesáns e artesás de diferentes oficios e 30 expositores de produtos de alimentación participarán no evento organizado pola Fundación Pública Artesanía de Galicia.

pescadeRías, ¿de onde se non? estará presente no showcooking que realizará Jorge Gago de A Maceta o sábado 8 de xullo. Consulta o programa.

Festa da Vieira de Cambados

Entre o 14 e o 16 de xullo terá lugar unha nova edición da Festa da Vieira de Cambados no parque de Torrado, organizada pola Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados. Entre outras actividades, levaranse a cabo tres showcooking a cargo de Yolanda Martínez do restaurante Cocinandos de León, Xan Galbán do restaurante María Castaña de Santiago de Compostela e Alberto Castiñeiras do restaurante Jondal de Ibiza. Durante os tres días poderase degustar a vieira certificada de Porto de Cambados S.L.

Degustación popular en Lira

Un ano máis, a Confraría de Pescadores de Lira organiza a degustación popular de produtos da Reserva Mariña Os Miñarzos. A primeira cita terá lugar o sábado 22 de xullo no porto de Lira e a segunda celebrarase o sábado 5 de agosto. No evento  poderanse degustar diferentes produtos procedentes da lonxa desta localidade, certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?. A degustación comezará ás 20.00 horas.

Entidade do mes: Frigoríficos de Camariñas

Frigoríficos de Camariñas S.L. é unha empresa familiar fundada no ano 1989 con sede en Camariñas e especializada nun só produto: o polbo.

Levan máis de 30 anos comercializando polbo conxelado cos máis altos estándares de calidade, procesos de produción e tecnoloxía.

Traballan con polbo capturado en diferentes caladoiros de todo o mundo, que se comercializan baixo distintas marcas, pero tamén apostan pola calidade do polbo da pesca artesanal galega. A empresa  está certificada para cefalópodos dende o ano 2013.

Especie do mes: alcrique

O alcrique, Scomberesox saurus, é un peixe azul que se coñece tamén con outros nomes: alpabarda, paparda, chandarme, patagullo e patagullón.

Ten o corpo alongado, fino e comprimido, coas dúas mandíbulas estendidas en longos bicos provistos de dentes afiados. Ten o lombo gris azulado e o ventre prateado.

Captúrase con artes de cerco especialmente cando se achega ás costas a finais do verán e comezos do outono. De forma accidental, tamén a capturan os barcos adicados á sardiña.

Podes atopar máis información sobre esta especie aquí.

Accións formativas

Durante o mes de xuño realizaron formación en Hixiene Alimentaria e Manipulación de Alimentos o persoal da lonxa da Confraría de Pescadores de Vilaxoán.

Os Plans de Formación dos operadores da industria alimentaria establecen a frecuencia de formación na que o seu persoal debe actualizar os coñecementos en hixiene e boas prácticas de manipulación para diminuír os riscos para os alimentos.