Resultados Sorteo de Verán

Xa temos os resultados do noso sorteo de verán. As persoas agraciadas foron:

En Facebook: Leticia Fernandez, que canxeará o seu vale en Cris Peixes e Mariscos de Fisterra, e J. Antonio Sánchez, que o empregará no Restaurante A Horta do Obradoiro de Santiago de Compostela.

En Instagram: @martavazquezsanchez, que fará uso do seu vale no Gastrobar do Restaurante España de Lugo, e @gpazosmarin, que o canxeará no Restaurante O Eirado, de Pontevedra.

A app da marca, onde consultar especies, lonxas, distribuidores, empresas de transformación, peixerías ou restaurantes, está dispoñible para descarga en dispositivos Android aquí e IOS aquí.

Parabéns aos premiados e premiadas!!!

Festival Mar de Mares

Con moito amor e respecto polo océano, este mes celébrase a X Edición do Festival Mar de Mares. De novo, o seu mercado converterase na actividade principal, cunha programación propia, os días 23 e 24 de setembro.

Un ano máis, os produtos certificados da marca pescadeRías, ¿de onde se non? estarán presentes nas degustacións guiadas que terán lugar no Mercado Mar de Mares, ubicado na Explanada do Parrote.

En paralelo ás explicacións dos cociñeiros de renome que elaborarán os pratos en directo, teremos oportunidade de coñecer da man do persoal técnico da marca as características, modalidades de captura e xeito de vida das especies a degustar.

Toda a programación aquí.

Gastronomía: restauración, bodegas, turismo

A Subdirectora Xeral de Valorización de Produtos do Mar, Marta Villaverde Acuña, presentará a marca pescadeRías, ¿de onde se non? nunha das tres mesas redondas do Encontro “Gastronomía: restauración, bodegas, turismo“.

O encontro, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia conxuntamente co IGAPE, forma parte do programa “Capacita Directivos” e terá lugar o mércores 13 de setembro na sede do Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo.

O encontro realizarase na modalidade de evento híbrido, no que se poderá participar de xeito presencial con aforo limitado ou en liña a través de plataforma dixital.

Información e inscricións aquí.

Certificacións

No mes de agosto renovou a súa certificación para cefalópodos a empresa transformadora Frigoríficos de Camariñas S.L.

Frigoríficos de Camariñas S.L. é unha empresa familiar fundada no ano 1989 e especializada na transformación e comercialización dun único produto, o polbo. A empresa comercializa tanto polbo crudo conxelado como cocido conxelado.

A empresa está certificada pola marca pescadeRías, ¿de onde se non? desde o ano 2013, conservando o seu distintivo de xeito ininterrupido durante todo este período.

Entidade do mes: Confraría de Mugardos

As persoas socias da Confraría de Pescadores «San Telmo» de Mugardos dedícanse ao marisqueo a pé e á pesca de baixura. A entidade está certificada pola marca pescadeRías, ¿de onde se non? dende o ano 2008 co alcance de bivalvos e gasterópodos.

A Confraría de Mugardos encárgase da primeira venda e distribución dos produtos do mar mediante poxa en lonxa ou ben directamente a empresas intermediarias, tanto almacenistas como comerciantes polo miúdo, mediante acordos de venda.

Especie do mes: a lura

A lura (Loligo vulgaris) é un cefalópodo de corpo musculoso, alongado con forma de cilindro comprimido e afiado, terminado con dúas aletas triangulares, a modo de torpedo. As aletas triangulares, con forma de rombo, esténdense desde o extremo final ata a metade do corpo. Posúe unha cuncha interna reducida a unha fina lámina transparente, en forma de pluma.

Aliméntase de crustáceos, pequenos peixes, poliquetos e doutros cefalópodos, e ten capacidade para mimetizarse co fondo, variando a súa cor como reacción a diversos estímulos. Preme aquí para ver a ficha informativa desta especie.

Prazo de solicitude aberto

Axudas ás organización de produtores pesqueiros para a preparación e aplicación dos plans de producción e comercialización. Máis información aquí.

Compensación ás empresas que desenvolvan actividades de comercialización e transformación de produtos da pesca, marisqueo e acuicultura polas consecuencias da guerra de Ucraína. Máis información aquí.

Axudas á creación de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros do sector dos produtos da pesca e da acuicultura. Máis información aquí.

Avaliación de stocks de navalla

Carlos Mariño, asistencia técnica da Confraría de Pescadores de Cambados, desenvolve no artigo do mes os métodos de mostraxe empregados na avaliación do stock de navalla (Ensis magnus) no banco marisqueiro de O Lombo de As Means (SIGREMAR-AR-257).

O obxectivo destas mostraxes é avaliar a situación poboacional previa á explotación anual do recurso, de cara a elaborar o plan anual de xestión e a realizar unha explotación sustentable ao longo do tempo.

Para ler o artigo completo, preme aquí.

A receita do mes

Este mes traemos unha receita moi acaída para os días de calor, por cortesía de Emma Pinal, chef do Gastrobar O Birrán: Sargo lañado con ensalada de repolo e laranxa. Trátase dunha combinación de peixe e vexetais, na que o protagonista é o sargo, un peixe semigraxo que nesta época se atopa en comida.

Con poucos ingredientes e unha elaboración sinxela, este prato é ideal para sorprender á familia e amigos cun prato de tempada do máis fresco e orixinal.

Podes acceder á receita aquí.