Novos usuarios

En xuño incorporáronse á marca pescadeRías ¿de onde se non? dous novos usuarios: O percebeiro, con sede no Porto de Marín, que se certifica para a comercialización de moluscos bivalvos e equinodermos; tamén conta con tenda on line (http://opercebeiro.com/) e Mariscos Inés, en Redondela, depuradora de mariscos que comercializará bivalvos, equinodermos e gasterópodos baixo o selo pescadeRías, ¿de onde se non?

Parabéns!

Benvida ao Restaurante Manso

Damos a benvida ao Restaurante Manso, ubicado en Santiago de Compostela, que se incorpora como restaurante adherido á marca pescadeRías, ¿de onde se non?

Na súa proposta culinaria, o cociñeiro Alberto Lareo aposta pola innovación, pola búsqueda de novos sabores e novas sensacións. O obxectivo: ofrecer unha cociña sorprendente e sinxela, para saborear e gozar. Nela, os produtos da pesca artesanal galega brillan ao máximo.

A Confraría de Cambados, centenaria

Felicitamos á Confraría de pescadores San Antonio de Cambados, que vén de celebrar o centenario da súa fundación cun programa de actos nos que se deu a coñecer a historia da entidade, os logros acadados nestes cen anos e os retos futuros.

Fundada no ano 1917, a Confraría de Cambados é a máis antiga de España, e unha das primeiras en apostar pola comercialización dos produtos do mar baixo o selo pescadeRías, ¿de onde se non?

Sorteo en Facebook

O gañador do último sorteo na nosa páxina de Facebook, Juan Carlos Calde Wrong recibiu o vale correspondente a unha degustación para dúas persoas no Restaurante A Horta do Obradoiro. Sabemos que a reserva xa está feita, a ver se nos manda algunha foto! A partir do 17 de xullo poremos en marcha un novo sorteo promocional que terá como premio unha xornada de marisqueo para coñecer de primeira man como se extraen os moluscos bivalvos. Non deixedes de participar na nosa páxina de Facebook.

A receita do mes

Estamos en tempo de navallas, así que vos presentamos unha receita protagonizada por este molusco: Navallas en tempura picante con amorodos, un prato sorprendente que nos ofrece Rocío Garrido, editora do gastroblog «La cocina de mi abuelo». Para ver a receita preme aquí.

Se queres que publiquemos a túa receita, envíanola por correo-e, indicando ingredientes, elaboración e unha foto.

 

pescadeRías, ¿de onde se non? en Nova York

A marca pescadeRías estivo presente no Galician Cinema & Food Festival que se celebrou do 27 ao 30 de xuño no Instituto Cervantes de Nova York. Un festival de promoción do cinema e a gastronomía de Galicia, onde os produtos certificados pescadeRías protagonizaron as elaboracións do cociñeiro Iván Domínguez. O público, composto por persoas procedentes do mundo da comunicación, puido degustar conservas certificadas de Portomuiños e polbo certificado de Frigoríficos Rosa de los Vientos. Para ver o vídeo de presentación do evento, preme aquí.