Nova peixería adherida en Vilagarcía

En febreiro adheriuse ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? a peixería Pescados y Mariscos Cruz, que ten o seu posto na Praza de Abastos de Vilagarcía de Arousa.

Con esta, son cinco as entidades minoristas adheridas nesta localidade nas que se poden mercar produtos certificados: Peixes e Mariscos Mónica, tamén na Praza de Abastos, a peixería Mar de Arousa, e as peixerías ambulantes Pescados e Mariscos Chulas e Pescados e Mariscos Eloy.

Certificacións e ampliacións

Durante o mes de febreiro, renovaron a súa certificación a Lonxa de Cambados, certificada para peixes, bivalvos, cefalópodos e crustáceos, ampliando o seu alcance a algas; a Lonxa de Rianxo, certificada para cefalópodos, crustáceos, bivalvos e peixes; e a Lonxa de Lira, certificada para bivalvos, cefalópodos, equinodermos, crustáceos e gasterópodos.

Tamén renovou certificación a empresa Pulponor S. Coop. galega, cuxo alcance son os cefalópodos, e certificouse, tamén para o grupo dos cefalópodos, a empresa Pescados Pulponor, S.L.

Convocatoria de cursos

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, convoca tres cursos de mariñeiro/a pescador/a na modalidade de teleformación no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo, na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira e na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol.  Así mesmo, convoca un curso de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) na Illa de Arousa.

A web de pescadeRías estrea nova imaxe

A nosa web acaba de renovar a súa imaxe, mantendo todos os seus contidos, pero presentándoos dun xeito máis actual e de fácil consulta, tanto desde o teu ordenador como desde dispositivos móbiles. O novo formato, conserva as diferentes seccións (Que é pescadeRías?, entidades certificadas, entidades adheridas, produtos da marca, novas e receitas), enlaza coas nosas redes sociais e está dispoñible en galego, castelán e inglés. https://deondesenon.xunta.gal