Empresa do mes: Mariscos Ramais, S.L.

Mariscos Ramais, S.L. é unha depuradora de moluscos bivalvos ubicada no concello de Outes que conta cunha traxectoria de máis de 50 anos neste sector. Está certificada pola marca pescadeRías, ¿de onde se non? dende o ano 2018.

Dende a súa tenda on line, tamén adherida á marca, pódense adquirir mariscos frescos de excelente calidade procedentes das nosas costas, cun prazo de entrega de 24-48 horas.

Novos restaurantes adheridos

Na localidade de Verín, O Regueiro da Cova basea a súa cociña en produtos de proximidade, ecolóxicos e de primeira calidade.

En Vigo, o restaurante El Mosquito, desde a súa apertura en 1930, soubo manter a tradición con ingredientes frescos de carácter local e sinxela preparación.

No restaurante El Oviedo de Ribadeo, orgullosos das súas orixes, ofrecen á súa clientela tanto unha cociña tradicional como novas propostas.

Certificacións

No mes de decembro Mariscos Laxe de Rons, empresa ubicada en O Grove, tivo unha auditoría de recertificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?, para as súas actividades de cetaria, conxelación, cocedeiro e distribuidora de crustáceos, cefalópodos e peixe.

Por outra banda, a Lonxa de Ribeira (peixes, cefalópodos, equinodermos, bivalvos, crustáceos e gasterópodos) superou unha auditoría de seguimento no selo de calidade.

Novo regulamento Patrón Costeiro Polivalente

Publicada a Orde APA/1413/2021, de 26 de novembro, pola que se desenvolve, en relación co título de Patrón Costeiro Polivalente, o artigo 8.2 f) do Real Decreto 36/2014, do 24 de xaneiro, polo que se regulan os títulos profesionais do sector pesqueiro.

A nomeada orde aplicarase aos posuidores do título de Patrón Costeiro Polivalente que desexen ampliar as súas atribucións como primeiro oficial de ponte.

Ano Internacional da Pesca e a Acuicultura Artesanal 2022

Damos a benvida ao Ano Internacional da Pesca e a Acuicultura Artesanais (AIPAA 2022), declarado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas para recoñecer a millóns de pequenos/as pescadores/as, acuicultores/as e traballadores/as do peixe, que proporcionan alimentos sans e nutritivos a milleiros de millóns de persoas en todo o mundo.

Os obxectivos de celebrar o AIPAA 2022 son dirixir a atención do mundo á función dos pequenos/as produtores artesanais, a erradicación da pobreza e o uso sostible dos recursos naturais. A celebración tamén é unha oportunidade para mellorar o diálogo entre diferentes participantes, fortalecer a asociación dos/as pequenos/as produtores/as entre si e que adquiran visibilidade e sexan escoitados e incluídos na formulación das políticas e na toma de decisións, desde o nivel da comunidade local ata os foros internacionais e mundiais.