XXIII Festa do Percebe de Aguiño

Tras ser declarada este ano Festa de Interese Turístico de Galicia, o vindeiro domingo 31 de xullo celebrarase a XXIII edición da Festa do Percebe de Aguiño. Ao redor de mil quilos deste crustáceo poderán ser degustados no porto desta localidade a partir das 12:00 horas.

O percebe que se comercializa na Lonxa de Aguiño está certificado polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Mercado e festa do mar

Entre o 17 e o 18 de setembro terá lugar na Explanada do Parrote en A Coruña unha nova edición do Mercado e Festa do Mar, no marco do Festival Mar de Mares, onde como cada ano estará presente o selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Este espazo permite expoñer, difundir e vender produtos e servizos do tecido produtivo galego ligadas ao mundo do mar coas premisas de calidade e sostibilidade. Xa está aberto o prazo para participar como empresa expositora. Podes consultar as bases premendo aquí.

Entidade do mes: Confraría de Pescadores de Ferrol

A Lonxa de Ferrol está certificada polo selo pescadeRías para a primeira venda de peixes, crustáceos, cefalópodos, bivalvos, antozoos e equinodermos. No mesmo edificio, a Confraría ten unha pequena depuradora de bivalvos e centro de expedición de equinodermos, tamén certificados, e unha peixería chamada A Túa Lonxa, adherida ao selo. Unha especie característica que se comercializa nas súas instalacións é a zamburiña, en campaña ata o mes de outubro. Case a totalidade das capturas desta especie en Galicia proceden da Ría de Ferrol.

Especie do mes: xurelo

O xurelo (Trachurus trachurus) é unha especie procedente da nosa pesca artesanal capturada principalmente coa arte do cerco durante o verán. Tamén se usan para súa pesca artes de enmalle e a liña. Os xurelos nadan en grandes cardumes a unha profundidade de entre 100 e 200 metros, subindo á superficie polas noites para alimentarse, momento no que poden ser capturados.

Se queres saber máis sobre esta especie e os seus importantes valores nutricionais, preme aquí para ver unha ficha.

Vivir o Mar: A xarda

A xarda, un peixe azul procedente da nosa pesca artesanal, económico e con importantes valores nutricionais, foi protagonista no programa Vivir o Mar o pasado 12 de xuño. Dende Mariscos Carlos, peixería adherida ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? no Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, falaron de como limpalo, prepalalo e diferencialo do cabalón e Jorge Gago do Restaurante A Maceta, tamén en Santiago e adherido ao selo, ofreceu unha suxestión de preparación. Premendo aquí podes ver o espazo adicado a esta especie no programa a partir do minuto 18:43.

Novo restaurante adherido

Ubicado na vila de Rianxo (A Coruña), o restaurante Aghro da Corna adheriuse este mes ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

En Aghro da Corna pódese desfrutar dunha cociña chea de contrastes nos que se unen mar e montaña para crear pratos 100% galegos.

Tralos seus fogóns está o chef Manu Gómez que ofrece unha cociña alternativa e moderna pero con moita tradición. Foi galardoado como campeón do mundo de cociña contemporánea.

Certificacións

En xuño a Cooperativa Cíes Artesanais (bivalvos, cefalópodos, crustáceos e peixe) e a depuradora de bivalvos Mariscos Gusbuzo, S.L. tiveron unha auditoría para acadar a certificación no selo pescadeRías. A Sociedad Cooperativa Gallega Ría de Arosa (bivalvos, crustáceos, equinodermos e gasterópodos), Conservas Antonio Pérez Lafuente, S.A. (bivalvos e peixe) e Conservera Gallega, S.A. (bivalvos) superaron auditorías de recertificación, e Real Conservera Española, S.L. (bivalvos, equinodermos e peixe) e Javier Beiro (Mar da Morosa) (depuradora e distribuidor de bivalvos, cefalópodos, crustáceos e peixe) superaron auditorías de seguemento.

Accións formativas

En xuño impartiuse formación en Hixiene Alimentaria e Manipulación de Produtos Pesqueiros ás empresas Da Lusada, S.L., Mariscos Gusbuzo S.L. e Cíes Artesanais S. Coop. Galega.

Que o persoal con responsabilidades na manipulación dos produtos que comercializan teña a formación actualizada nestas materias é un requisito necesario para a certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Premios Galicia Alimentación

Na última edición dos Premios Galicia Alimentación do Clúster Alimentario de Galicia, as Navallas das Rías Galegas ao natural da empresa certificada Real Conservera Española, S.L., foron galardoadas na categoría de Produto Excelente. O xurado destacou a calidade da materia prima e a súa elaboración artesanal: Recoñécese con todo isto un produto final excelente, con historia, carisma, artesanal e natural que ten a orixe na mellor materia prima e que é un embaixador da excelencia dos produtos galegos.

Convocatoria de premios

Publicadas as bases da convocatoria da XIII edición dos Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais do MAPA, correspondentes ao ano 2022, nas seguintes categorías: Excelencia á innovación na actividade agraria, Excelencia á innovación na actividade pesqueira ou acuícola, Excelencia á innovación en diversificación da actividade económica no medio rural e Excelencia á comunicación. En prazo ata o vindeiro 8 de xullo. Preme aquí para ver as bases.